La economía gallega crece un 0.4% en 2014, frente al 1.4% de incremento en la media estatal

O Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia rexistrou no ano 2014 un incremento do 0,4% en termos interanuais, polo que rexistrou o seu mellor comportamento dende o ano 2010. Así o reflicten os datos de contabilidade trimestral publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
Segundo indican os datos do IGE, o pasado ano a economía galega saíu da recesión e recuperou as taxas positivas de crecemento. Cúmprese así o obxectivo do Goberno galego de que 2014 fose o ano do inicio da recuperación económica, que se ten que consolidar neste 2015 con taxas de crecemento aínda maiores.
O PIB galego encadea xa 4 trimestres consecutivos con taxas interanuais positivas, e no cuarto trimestre de 2014 a taxa intertrimestral tamén foi positiva (0,1%).
A evolución en 2014 foi igualmente positiva no ámbito do emprego, xa que desde o terceiro trimestre do ano está a medrar o número de postos de traballo a tempo completo, algo que non sucedía dende o inicio da crise en 2008. De feito, a evolución do emprego en 2014 mellorou en tres décimas a previsión inicial para ese período.
Ademais, constátase a recuperación progresiva do consumo –o pasado ano medrou un 0,5%-, sendo a primeira vez que aumenta dende o inicio da crise. Ao mesmo tempo, as exportacións avanzaron un 1,2% e incrementáronse por segundo ano consecutivo.
Segundo os datos do IGE, no 2014 rexistrouse unha mellor evolución anual no sector servizos, que medrou un 1,5% e tivo o mellor comportamento dende o 2010. Tamén destaca o bo comportamento do comercio e a hostalería, cun crecemento do 2%.
Pola súa banda, o sector primario creceu un 1,1% logo de dous anos con taxas negativas, e a variación interanual da construción mellorou en 2,6 puntos respecto ao 2013, co que semella que o sector se estabiliza despois de cinco anos dun axuste moi importante.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.