Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Comienzan las obras de ampliación del Puente de Rande con una inversión de 148 millones

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse á ampliación da ponte de Rande como un momento histórico para Galicia e un fito na evolución das comarcas de Vigo, do Morrazo e Pontevedra.

Feijóo, que presidiu o acto de inicio das obras de ampliación da AP-9 no treito Cangas-Teis, que inclúen a ponte de Rande, destacou que con 148 millóns de euros de investimento utilizaranse técnicas pioneiras, “nunca antes empregadas”, que permitirán que o tráfico siga fluíndo con seguridade os 23 meses que duren os traballos.

“A mellora da calidade de vida dos cidadáns e o impulso da actividade económica e do emprego. Iso é o que acadaremos cando remate o que hoxe comeza”, aseverou, logo de lembrar que a vitalidade económica da gran cidade de Vigo débese, entre outras, a esta infraestrutura.

Durante a súa intervención, Feijóo resaltou e agradeceu o esforzo do Goberno central, “que impulsa esta obra fundamental”, e o seu compromiso con Galicia e coa área de Vigo. “Asistimos recentemente ao arranque da Autopista do Mar, que reforzará a competitividade do porto de Vigo; hoxe comezan as obras de ampliación da ponte de Rande, e Galicia verá culminado nos próximos meses o eixe Atlántico de alta velocidade que permitirá completar a distancia entre Vigo e A Coruña en 70 minutos”, matizou.

Así mesmo, incidiu no compromiso do Goberno galego “que está a traballar con intensidade para continuar achegando aos galegos entre si, mellorando a súa mobilidade e completando a rede de comunicacións”.

Con este fin, lembrou que esta mesma primavera estará en funcionamento o Plan de transporte metropolitano de Vigo, no que a Xunta e 12 concellos investirán 11 millóns de euros para facilitar os desprazamentos dos veciños e abaratar o transporte público dos cidadáns. “E a segunda decisión é o desdobramento do Corredor do Morrazo, a conversión en autovía do Corredor do Morrazo, unha actuación necesaria para dotar de seguridade e comodidade aos miles de vehículos que circulan diariamente por esa vía”, engadiu.

Feijóo concluíu que todas estas obras se verán complementadas con outras infraestruturas como a depuradora de Lagares ou o novo hospital público de Vigo.
R.