Galicia se posiciona como una de las comunidades autónomas más cumplidoras en el objetivo de déficit

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que unha Facenda pública gobernada con responsabilidade é imprescindible para poder pagar unhas políticas sociais efectivas –“e que non son outras que as políticas sanitarias, educativas e dos servizos”- e uns investimentos en infraestruturas produtivas.
Durante a presentación da secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos no marco do almorzo informativo organizado por Nueva Economía Fórum-Tribuna Galicia, aseverou que a “determinación e responsabilidade” de Marta Fernández Currás na xestión das contas fixo posibles moitas das políticas da Xunta.
Nesta liña, lembrou que, durante a crise económica, “todos os galegos tiveron que facer sacrificios nos seus fogares e o noso labor, como Goberno autonómico, era estar á altura do que facían as familias”, ao que engadiu que o labor que asumiu Marta Fernández Currás á fronte da Consellería de Facenda estivo baseada en axustar o presuposto e eliminar o gasto superfluo para, así, garantir a estabilidade económica.
Durante a súa intervención, Feijóo fixo fincapé en que grazas ás políticas de responsabilidade económica, a Comunidade galega pode afirmar que ao final da recesión económica ten as contas saneadas: “É a terceira autonomía con menor déficit desde 2009 ata 2013 e, segundo a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, será a única que cumpra o obxectivo do déficit en 2015; é unha das autonomías menos endebedadas, case 5 puntos menos cá media das comunidades de España e foi a única que non acudiu nin ao Fondo de Liquidez Autonómica nin ao Fondo de Pago a Provedores”.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.