Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Arranca la tramitación parlamentaria de la nueva Ley de Empleo Público de Galicia que incluye la supresión del plus de exaltos cargos

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou que a nova Lei do Emprego Público permitirá ter unhas administracións máis eficientes co obxectivo de prestar un mellor servizo aos cidadáns, e destacou que Galicia será a terceira comunidade autónoma que adapta toda a súa normativa sobre función pública á normativa básica do Estado.

O titular de Facenda presentou no Parlamento o proxecto de Lei do Emprego Público, que incorporou ao borrador inicial máis de 150 alegacións presentadas polos representantes dos traballadores, as universidades e outros 30 colectivos. “O texto foi obxecto dun intenso proceso de negociación”, recordou Valeriano Martínez, quen avanzou que no futuro avanzarase nese proceso de diálogo para o desenvolvemento e aplicación directa da lei.

Entre as novidades do texto, o conselleiro destacou que esta lei instaura na Administración galega unha cultura da avaliación. Así, a avaliación do desempeño vai permitir medir e valorar o rendemento e o esforzo dos empregados públicos. Este sistema será aplicado por órganos especializados dotados de autonomía funcional que traballarán sempre baixo criterios de transparencia, obxectividade, imparcialidade e non discriminación.

Ademais, implantarase tamén a carreira profesional do persoal funcionario, coa finalidade de permitir a súa progresión profesional sen necesidade de cambiar de posto de traballo. “A carreira horizontal fornecerá aos funcionarios dun sistema motivador”, indicou Valeriano Martínez, posto que se terán en conta experiencia, formación, méritos e coñecementos.

A través desta Lei do Emprego Público o persoal da Xunta de Galicia recuperará os niveis salariais nun período máximo de tres anos, mediante un fondo retributivo incluído na propia normativa. Neste 2015, a Administración galega destinará 51 millóns de euros para aboar a todos os seu empregados o 25% da paga extraordinaria suprimida polo Goberno en 2012.

Galicia será a primeira comunidade que suprime por lei o plus para ex altos cargos, tal como establece a normativa presentada hoxe no Parlamento. O conselleiro lembrou que este complemento retributivo xa estaba suspendido e que, con esta lei, “non o imos devolver e ademais vaise suprimir”.

Outra das novidades que inclúe a nova Lei do Emprego Público é o cambio na provisión das xefaturas de servizo. Estes postos —máis de 500 na Administración galega— pasarán a proverse por medio dun concurso específico con convocatoria pública.

Ademais, a normativa tamén establece os procesos de funcionarización do persoal laboral fixo, o que permitirá gañar en polivalencia. Así, dotarase dun único réxime legal a determinados colectivos de empregados de servizos como as oficinas de emprego ou os servizos sociais.

En canto ao persoal directivo profesional, a nova normativa establece que será seleccionado ordinariamente entre funcionarios de carreira e persoal laboral fixo ao servizo das administracións públicas, e a súa selección basearase nos principios de mérito, capacidade e idoneidade. Este persoal tamén será avaliado conforme aos criterios de eficacia e eficiencia, e estará suxeito a responsabilidade pola súa xestión e ao control de resultados.

Na súa intervención, o conselleiro de Facenda resaltou que a nova lei dotará “dun marco único, estable e flexible” as administración galegas, e explicou que se trata dunha normativa “para os cidadáns, para toda Galicia, para a mellora dos servizos públicos e socialmente responsable”.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del PSdeG:

Os socialistas galegos denunciaron no pleno do Parlamento que o proxecto de Lei de Emprego Público “consolida o recurte de dereitos” dos traballadores públicos e o “totalitarismo” da Xunta do PP.

No debate de totalidade do proxecto de Lei, a deputada socialista Beatriz Sestayo lamentou que “o Goberno do Partido Popular non tivera en conta as alegacións de diferentes colectivos que amosan o seu claro rexeitamento, como tamén pasa cos sindicatos maioritarios”.

“O texto reflicte a vontade totalitaria da Xunta para impor os seus criterios sen respectar os dereitos dos traballadores”, afirmou Sestayo, lembrando que o proxecto de Lei afecta tamén ás “condicións dos empregados das administracións locais sen ter en conta a opinión dos concellos”.

“Perden unha ocasión magnífica para acatar as sentenzas xudiciais e discriminan co seu texto entre persoal directivo e o resto dos traballadores”, apuntou a deputada socialista, que criticou por outra parte os criterios para o nomeamento dos postos de libre designación.

“O proxecto fala dun regulamento para a súa aplicación con prazos de tres anos para desenvolver a lei, polo que xa non poderá facerse na presente lexislatura”, manifestou, engadindo que “o informe económico é impreciso, como sempre o PP prometendo cousas sen concretalas”.

“Pedimos que se retire a lei e busquen un maior consenso cos traballadores e sindicatos, a Xunta do Partido Popular actúa como sempre dunha forma arbitraria e o proxecto de lei presenta numerosos aspectos sen concretar e incluso contrarios á Constitución”, rematou a deputada socialista.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de AGE:

As vías que o Partido Popular utiliza para expropiar o público e convertelo en terreo aboado para o negocio privado son múltiples. A última, denunciada esta mañá no Parlamento por Alternativa Galega de Esquerda (AGE) a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, chámase Lei de Emprego Público e, segundo a propia Díaz, “abre a porta ao modelo Telefónica de explotación e precarización total”. “Esta norma”, estendeuse, “privatiza o Estado e incorpora á Administración pública galega iso que tanto lle encanta a Aznar e á FAES, o modelo Telefónica de explotación”.

A viceportavoz de AGE, que lembrou o revés xudicial contra as xornadas laborais extenuantes nos centros da denominada Consellaría de Benestar, referiuse á “arbitrariedade absoluta” que, de se aprobar a norma que hoxe presentou na Cámara o Conselleiro de Facenda, presidirá a avaliación do persoal, que inclúe elementos como “o grao de interese” dos traballadores e traballadoras da función pública. E denunciou as “profundas asimetrías de xénero” dun texto que nin sequera utiliza a linguaxe non inclusiva. “Malia que as mulleres case duplican os homes na Administración”, expuxo, “xa non é que haxa teitos de cristal, é que estas non chegan ás xefaturas de servizo, non chegan a ningures”. A maiores, Díaz esixiu que a norma –para a que Alternativa Galega de Esquerda rexistrou unha emenda de devolución- garanta a paridade nos tribunais de selección e atacou os “incumprimentos” da Xunta de Alberto Núñez Feijóo en conciliación, apenas baseada en “falsidades e medidas propagandísticas, como o teletraballo, un conto chinés, un absoluto fracaso”.

“Se hai un modelo que incorpora esta lei, ese é o da precarización da Administración pública, a consolidación da pobreza do modelo privado na mesma”, resumiu Yolanda Díaz, “nunha norma propia do neoliberalismo radical”.

Pero é que, ademais, a Lei de Emprego Pública presenta graves deficiencias formais, apuntadas pola viceportavoz de Alternativa Galega de Esquerda. Entre elas, a ausencia de informe sobre o impacto económico que producirá a lei. “A propia Asesoría Xurídica da Xunta afirma que faltan informes importantes e di que non hai o preceptivo informe do Consello Económico e Social. O que si hai, e roza o surrealismo, é un informe sobre por que non hai informe do CES”, relatou Díaz.

R.