Medio Rural asegura que las organizaciones de productores son las únicas con capacidad para negociar precios en el sector lácteo y el PSdeG critica a la Xunta por no estar a la altura

As Organizacións de Produtores Lácteos (OPL) son as únicas que teñen a capacidade de sentarse a negociar prezos. A Xunta e o Goberno Central o que fixeron foi poñer ao seu dispor as ferramentas xurídicas necesarias para ter un sector lácteo realmente forte. Así o sinalou esta mañá a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, en resposta a unha interpelación sobre o lácteo no pleno do Parlamento.
A conselleira advertiu así do feito de que as OPL son as que teñen a verdadeira responsabilidade de negociar os prezos, en representación dos gandeiros, reforzando así a posición que teñen estes a título individual.
Rosa Quintana indicou que “dende o minuto 1 tanto o Goberno da Xunta como o do Estado só temos un obxectivo, que é o de defender os sectores estratéxicos para Galicia, como é o lácteo. E estamos facéndoo coas ferramentas xurídicas necesarias para ter un sector realmente forte”, engadiu.
Neste mesmo sentido lembrou que tiveron que ser o actual Goberno Galego e o do Estado os que puxeron estes instrumentos ao servizo do sector, xa que ata o de agora non se fixera. Así, sinalou que “en tan só tres anos de xestión do actual Goberno Central aprobouse a Lei da Cadea Alimentaria, o Real Decreto do Paquete Lácteo e se modificou ese decreto para darlle máis forza aos produtores”, sempre coa participación da Xunta. Unha participación que –engadiu– fíxose desde o consenso co sector e nomeadamente coas tres organizacións profesionais agrarias.
A conselleira fixo referencia tamén ao informe elaborado pola Comisión Galega da Competencia sobre este sector que no ano 2013 se lle remitiu á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia e que este organismo recolleu na sentenza que multou recentemente a varias industrias por pactar prezos. A análise que fixo a Xunta recóllese punto por punto nesa sentenza, engadiu.
Por contraposición, a conselleira indicou que en tempos do goberno bipartito o tribunal galego de defensa da competencia fixo un informe sobre o problema do leite e todas as propostas que tiña que facer a Administración Autonómica fíxoas o novo goberno presidido por Núñez Feijóo.
En relación cos prezos, a conselleira pediu que se analicen e que se miren os custes que ten que afrontar o gandeiro, para ver a verdadeira rendibilidade da súa explotación e engadiu que isto é o que fai a Xunta en contacto co sector. Unha defensa do lácteo que –indicou- mesmo foi recoñecida polos socialistas cántabros no seu Parlamento autonómico, no que sinalaron que “Galicia é a única que se está movendo para defender o sector”.
Sobre a supertaxa, a conselleira advertiu que as previsións indicaban que este ano se ía producir esa multa, e por iso “o Ministerio e as comunidades autónomas tiñamos a obriga de advertirlle esta cuestión ao sector e que modificaran as súas producións, porque non queremos levar o sector a ter que pagar multas”.
Contratos
En relación cos contratos, Rosa Quintana afirmou que “a finais de 2014 o 100% da recollida de leite en Galicia fíxose ao amparo dun contrato” e indicou que a súa duración media foi de 5,18 meses, sendo de 8,8 meses nos supostos nos que o receptor é unha cooperativa. Destacou ademais que o 25% dos contratos ten unha duración igual ou superior a 12 meses.
En relación co prezo do leite, a titular de Medio Rural e Mar puntualizou que “debemos ter en conta que se desbotamos o prezo dunha industria que acolle a máis de 1.300 gandeiros desta Comunidade, este sería certamente máis alto en varias décimas”.
Ademais, a conselleira sinalou que “o prezo dos custes de produción vén baixando desde setembro de 2012, acumulando un 17% de baixada, o que, combinado cunha alza dos prezos desde ese mesmo mes dun 7,35%, nos dá que o rendemento algo mellorou con respecto a aquel momento”. Engadiu que “se vemos tamén o prezo por tramos de cota, observamos como as explotacións máis grandes poden obter arredor de catro céntimos máis por litro de leite que as de menor tamaño ou o que é o mesmo, case un 14% máis, reforzando a tese de que negociar en conxunto pode ser a ferramenta decisiva se a queren aproveitar as Organizacións de Produtores Lácteos (OPL)”.
En todo caso, en relación co tema dos prezos, a conselleira lembrou que a Xunta “leva xa moito tempo defendendo a indexación de prezos do leite nos contratos a indicadores da evolución dos mercados”. Froito deste interese –dixo– é a creación e posta a disposición do sector da ferramenta informática “Xacobea”.
Rosa Quintana defendeu tamén as xestións levadas a cabo pola Xunta en colaboración co Goberno Central para modificar e mellorar o Real Decreto do chamado Paquete Lácteo, con dúas cuestións importantes entre os seus obxectivos. Por un lado, que os contratos teñan unha duración “real” dun mínimo dun ano e, por outro, a incorporación da posibilidade de utilizar un sistema de mediación no suposto de non obter un acordo nas negociacións das condicións dos contratos.
En relación coa primeira destas cuestións –a duración dos contratos–, a conselleira puntualizou que a normativa comunitaria establece que o gandeiro ten o dereito a rexeitar a duración mínima por escrito. Sobre o segundo aspecto –a mediación–, Rosa Quintana sinalou que tampouco se puido impoñer como obrigatoria, á luz da aplicación da normativa xeral sobre o particular, xa que a figura do mediador só se poderá utilizar se así o acordan voluntariamente ambas partes negociadoras.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García, acusou á Xunta de “defender e amparar” ás grandes industrias lácteas, multadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia por pactar prezos e “repartirse” gandeiros para eludir a competencia e manter os prezos baixos.
Así o dixo no debate dunha interpelación na que criticou o “desleixo” da conselleira do Medio Rural diante da desaparición do sistema de cotas do leite na UE, que terá lugar o próximo 1 de abril. “Chegou o día da desaparición do sistema e aínda non temos en funcionamento o Decreto”.
Sinala que “sobre todo non acabamos de entender para que se abordou esta modificación xa que os principais aspectos como é o mediador e a duración dos contratos, non varían con respecto o anterior”. García puntualizou que “nin funcionou antes, tal como lle dixéramos, nin vai funcionar agora con esta modificación”
Criticou que o goberno galego continúe responsabilizando aos gandeiros de “non asinar os contratos” para produción de leite mentres a CNMC demostra as prácticas ilegais das industrias. Sinala que “son os mesmos que foron presionar para que non se modificara o decreto” do paquete lácteo, aos que precisamente lles interesa que non se apliquen os contratos de prezos por un ano ou se instaure a figura do mediador, mentres a Consellería “segue culpando aos gandeiros”.
O deputado socialista parafraseou ao presidente do goberno para describir a actuación da conselleira e do goberno galego como “patética”, cunha xestión caracterizada pola “incomparecencia total” na defensa dos produtores, cando mais do 50 por cento do leite do Estado procede de Galicia. “Non pintamos nada: vostede non pinta nada”, espetoulle á conselleira.
Criticou de feito que a conselleira tan só se teña preocupado de eludir a multa por sobreprodución, instando aos gandeiros a rebaixar a produción, sacrificar vacas e alugar cota diante da alerta dunha nova supertaxa por 35 millóns de euros que veñen de ser rectificados a tan só 2.
“Un día de leite, ese é o problema que temos”, dixo Pablo García para lembrar que a costa deste “erro” de estimación do goberno a Consellería de Medio Rural ten debilitado aínda mais ás explotacións galegas de cara á apertura dos mercados da UE coa desaparición das cotas.
R.