Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

El presidente de la Xunta asegura que se publicará el patrimonio de todos los altos cargos

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O Consello da Xunta de Galicia aprobou outra das medidas que se comprometera a poñer en marcha no pleno sobre impulso democrático: a Lei de Transparencia e Bo Goberno. Dentro do prazo de cincuenta días que se marcara en sé parlamentaria, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que se pon en marcha un proxecto de lei que sitúa Galicia “á cabeza das Administracións públicas máis transparentes do país”.

A lei supón a cuarta das cinco que se comprometeran no pleno de impulso democrático e a terceira e última das que asumira promover o Goberno, despois da Lei de Asistencia Xurídica e a de Financiamento de Partidos Políticos. O presidente da Xunta subliñou que esta norma vai “máis alá do que se esixe na lexislación básica estatal” en materia de transparencia e que é “máis ambiciosa có que se esixen as administracións públicas españolas”. A norma, despois de pasar os trámites internos pertinentes, pasará ao Parlamento para ser debatida.

Feijóo avanzou os catro eixos fundamentais nos que se estrutura a lei: proporcionar máis información dispoñible e accesible a tódolos cidadáns, incrementar o control público das contas autonómicas, establecer un réxime de incompatibilidades máis claro e con máis esixencias para os altos cargos e endurecer a regulación sobre os traspasos de poderes e os labores do Goberno en funcións “para que quede claro que un goberno, despois de celebradas unhas eleccións, non pode seguir actuando como se estivese ao principio da súa lexislatura”, segundo aseverou o presidente.

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, explicou máis polo miúdo as medidas que se adoptarán en cada un destes eixos. Dentro do novo catálogo de información á disposición dos cidadáns no Portal de Transparencia, estará toda a normativa vixente de ámbito autonómico, tódolos informes e ditames que teña pedido a Xunta aos órganos consultivos e o rexistro de entes dependentes da Xunta de Galicia, de acordo coas diferentes fases do Plan de Racionalización.

Respecto dos recursos humanos da Xunta de Galicia, calquera galego poderá coñecer a relación de postos de traballo e cadros de persoal ao servizo da Administración autonómica, a retribución do persoal directivo dos entes dependentes, a relación nominal dos liberados sindicais, a relación nominal e retribución do persoal asesor da Xunta. Serán tamén accesibles a través do Portal de Transparencia a relación de órganos colexiados con indicación de funcións e composición, o tempo medio de pago de facturas, a relación dos bens titularidade da Xunta de Galicia, a composición do parque móbil, a composición das mesas de contratación e os documentos de planificación urbanística de ámbito autonómico.

Rueda salientou que, ademais de aumentar a información, o texto regula o dereito dos cidadáns de acceder a ela, obrigando á Administración a prestar asistencia e orientación á cidadanía para o exercicio deste dereito. Ademais, o órgano que resolverá os recursos contra as denegacións de información será independente, o Valedor do Pobo. Isto supón un paso máis fronte ao que marca a lei básica estatal, que sinala que o órgano de resolución será nomeado pola propia Administración.

O vicepresidente da Xunta subliñou que a lei tamén amplía o control público sobre o réxime de incompatibilidades. “Esténdese a tódolos altos cargos nomeados pola Xunta de Galicia a obriga que xa existía para os conselleiros e o presidente de publicar a súa información patrimonial”, explicou. Esta deberase detallar tanto no momento do seu nomeamento coma no do seu cesamento. Alén diso, cada alto cargo deberá facer públicas as actividades que desempeñara nos dous anos anteriores á súa toma de posesión e deberase abster nos asuntos que afecten ás entidades das que formase parte da súa dirección neses anos. Por último, durante os dous anos posteriores ao cesamento, as persoas que foron altos cargos deberán informar de calquera actividade que vaian realizar para ver se se axusta ao réxime de incompatibilidades.

No tocante á limitación das actividades dos Gobernos en funcións e á obriga de información durante o traspaso de poderes, Alfonso Rueda aseverou que estes non poderán nin enviar proxectos de lei ao Parlamento, nin autorizar convenios co Estado ou con outras autonomías, nin aprobar convocatorias de postos de traballo públicos nin modificar as relacións de postos de traballo. Tampouco poderán, por último, adquirir compromisos de gasto máis alá do gasto corrente o de en casos de urxencia debidamente acreditados.

“Pero non só delimitamos o que non debe facer un Goberno en funcións, senón que tamén establecemos o que si debe facer”, afirmou o vicepresidente, logo de precisar que cada consellería terá que elaborar un informe de xestión no que se detalle información como o grao de execución orzamentaria, os compromisos de gasto asumidos, as obrigas de pago, os contratos e convenios vixentes e calquera outra negociación ou compromiso en curso e cuxa xestión vaia corresponder aos titulares do goberno entrante .

“En definitiva e resumindo, unha lei que ofrece máis información aos cidadáns, maiores facilidades de acceso a esa información, máis esixencias de transparencia para os altos cargos e para o Goberno e unha completa regulación dos traspasos de poderes para garantir que os novos Gobernos teñan toda a información para poder tomar decisións dende o minuto un e non verse comprometidos por decisións tomadas por un Goberno saínte”, concluíu Rueda.
R.