1 de mayo: los sindicatos UGT y CC.OO. en Galicia piden a la Xunta que deje de ser la alumna aventajada de los recortes

O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, xunto co máximo responsable do S.N. de CCOO de Galicia, presentaron en Santiago de Compostela o Primeiro de Maio e os actos que se van celebrar para conmemorar esta data que este ano ten unha simboloxía especial, o seu 125 aniversario.
José Antonio Gómez fixo fincapé nun chamamento á máxima participación nas manifestacións convocadas en Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Viveiro, Ourense, Arousa, Pontevedra e Vigo) porque “xa é hora que, dunha vez por todas, os traballadores poidan ser tamén protagonistas da anunciada saída da crise”. A día de hoxe, é difícil falar dunha saída real da crise, con cinco millóns de parados en toda España, 275.800 en Galicia; o desemprego entre a poboación menor de 25 anos é do 50 por cento; cinco de cada dez persoas en paro levan máis dun ano procurando traballo; en 92.800 fogares todos os membros están en paro; a cobertura das prestacións por desemprego das persoas paradas cae ata o 53,8 por cento, un mínimo histórico; nove de cada dez contratos subscritos son temporais e a metade a tempo parcial, o traballo por horas estase a converter nun des eixes da precariedade; os salarios perderon sete puntos de poder de compra dende o 2009; as traballadoras galegas cobran o 76 por cento do salario dos homes; e o 17,2 por cento dos fogares están en risco de pobreza.
Con estas cifras, que constitúen unha realidade no día a día de moitas familias, non se pode falar dunha saída real da crise. Os balances económicos non son tan positivos como se nos intentan amosar e, menos, no eido laboral e social. Si é verdade, matizou o secretario xeral de UGT-Galicia, que o contexto macroeconómico mudou un pouco. O momento actual é favorable porque algúns factores externos favoreceron o cambio de ciclo económico, como a relaxación da política monetaria por parte do Banco Central Europeo, a devaluación do euros fronte ao dólar, o crecemento da economía estadounidense, a caída dos prezos do petróleo ou a atracción conxuntural do turismo doutras zonas. Non obstante, os gobernos, tanto o central como o da Xunta, en vez de aproveitar esta nova realidade para mellorar a situación dos máis desfavorecidos, continúa con recortes e máis e máis austeridade. Concluíu que non haberá unha saída real da crise ata que o perciban os cidadáns. Por iso, apostamos por outra saída e outra folla de ruta. É evidente que as políticas de recortes e austeridade extrema fracasaron en cascada, en Europa, en España e en Galicia. Neste senso, resulta moi salientable que o propio FMI veña de recoñecer nun estudo que o paro e o baixo poder sindical implica aumento da desigualdade. O estudo tamén conclúe que se os gobernos queren evitar aumentos da brecha social deberán atender á influenza que, sobre a evolución dos salarios, poidan ter os cambios nos mercados laborais. A conclusión é que as erróneas políticas de reformas laborais tendentes a reducir a forza negociadora e os dereitos dos traballadores, e os sucesivos recortes en educación, sanidade, servizos sociais e dependencia conseguiron que o noso país teña o primeiro posto no incremento da desigualdade.
Chegado este punto, os gobernos deberían tomar nota e mudar o rumbo. Primeiro, derrogala reforma laboral vixente, que non trouxo máis que paro e precariedade, volver a darlle un papel protagonista á negociación colectiva, e reforzar os servizos públicos. Nós temos unha axenda de progreso diferente e temos propostas. No eido europeo, apostamos por un novo contrato social global que poñe en primeiro lugar ás persoas cambiando os recortes polo benestar, cun novo plan de investimentos aumentando a inversión nun 2 por cento do PIB durante os vindeiros dez anos para crear 11 millóns de empregos; novas pautas para a redución dos déficit e a débeda dos países da UE; unha política fiscal máis armonizada; a eliminación de paraísos fiscais e combatir a elusión fiscal das grandes multinacionais; unha aposta pública polo I+D+i, tecnoloxías da información, redes de transporte máis eficientes...; un salario mínimo europeo; o fortalecemento da negociación colectiva e do diálogo social a nivel europeo; e o desenvolvemento de políticas de protección das persoas migrantes e refuxiadas.
En España e Galicia, a batería de propostas pasa por Impulsar un cambio de modelo produtivo, que potencie o papel da industria e con investimentos en I+D+i, TICs, formación e infraestruturas básicas. A reforma do sistema enerxético introducindo unha competencia real. Unha reforma fiscal que ataque a fraude e mellore a xustiza das achegas. Derrogar a reforma laboral do 2012 por todas as consecuencias negativas que está a ter sobre o mercado de traballo.Reequilibrar as relacións laborais e fortalecer os dereitos do traballo, xunto coa negociación colectiva para mellorar as condicións laborais dos traballadores. Incrementar os salarios de xeito coherente coa fase de crecemento económico para garantir o poder de compra dos traballadores e axudar así a reactivar o consumo das familiar e a creación de emprego.
Recuperar uns servizos públicos de calidade. Subir o SMI ata os 800 euros no 2016. Mellorar o sistema de prestacións por desemprego para ampliar a cobertura. Introducir unha nova Prestación de Ingresos Mínimos, como unha prestación económica non contributiva dentro do sistema da Seguridade Social, de acceso universal para todas as persoas que reúnan os requisitos para obtela. Para elo, UGT e CCOO presentaron hoxe en Madrid unha ILP. Retirar a reforma das pensións de 2013. Completar a integración das empregadas do fogar no Réxime xeral co establecemento do dereito a prestación por desemprego derivado da correspondente cotización. Implementar medidas eficaces para favorecer a corresponsabilidade de homes e mulleres nas tarefas de coidados familiares, como a ampliación do permiso de paternidade. E introducir medidas urxentes e eficaces para erradicar os desafiuzamentos. “Esta axenda de progreso queremos dialogala, falala, aínda que non imos renunciar a conseguila polo que, se é necesario, recurriremos ás mobilizacións”, anunciou José Antonio Gómez. Insistiu en que hai que apostar por outra folla de ruta para que na tímida mellora participen tamén os traballadores.
Nota do Gabinete de Comunicación de CC.OO. - Comunicado conxunto:
Este 1 de Maio, Día Internacional do Traballo, celébrase nun marco caracterizado pola certeza de que as políticas aplicadas desde 2010 alimentaron en Galicia, en España e en toda Europa unha recesión de devastadores efectos sobre o emprego, a cohesión social e a calidade de vida da cidadanía. Pretendeuse saír da crise impulsando un capitalismo máis agresivo, deprimindo as condicións laborais, recortando os servizos públicos e os sistemas de protección social.
En España e en Galicia, os gobernos do Partido Popular aplicaron unha intensa estratexia de recortes, desmantelamento do público, depreciación do traballo, redución do sistema de protección social e erosión de dereitos laborais. A consecuencia foi un aumento do desemprego, máis desigualdade e precariedade laboral e un crecente empobrecemento e risco de exclusión social. Os datos de Galicia ilustran ben esta situación:
— hai 275.800 de traballadores e traballadoras no desemprego, cunha taxa de paro do 21,7 %;
— o desemprego entre a poboación menor de 25 anos é do 50 %;
— cinco de cada dez persoas desempregadas levan máis dun ano procurando traballo;
— en 92.800 fogares todos os seus membros están no paro;
— a taxa de cobertura das prestacións por desemprego das persoas paradas con experiencia laboral rexistradas nos servizos públicos de emprego é do 53,8 %, case cinco puntos menor que hai un ano;
— nove de cada dez contratos realizados son temporais, e a metade a tempo parcial; o traballo por horas estase a converter nun dos eixes da precariedade;
— os salarios perderon sete puntos de poder de compra desde o 2009;
— as traballadoras galegas cobran o 76 % do salario dos homes;
— o 17,2% dos fogares está en risco de pobreza.
En suma, Galicia, igual que o resto de España, padece unha verdadeira regresión económica e social que ten que terminar.
ASÍ NON SAÍMOS DA CRISE
Cinco millóns de persoas en paro
O emprego que se crea é de baixa calidade
Os salarios perden poder adquisitivo
Crecen a pobreza e a desigualdade
Vulnéranse as liberdades e o dereito de folga
AS PERSOAS SON O PRIMEIRO
ACABAR COAS POLÍTICAS DE RECORTES
POR UNHA PRESTACIÓN DE INGRESOS MÍNIMOS
R.