El Parlamento de Galicia debatirá sobre el futuro de Ence en Pontevedra para tomar una decisión

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou o esforzo dos emprendedores galegos para ser máis competitivos, mellorar a imaxe corporativa e abrir novas portas de mercado; “en definitiva –aseverou-, de ser conscientes de que superar a crise nada ten que ver con soportar como se poida o paso do tempo ata a recuperación, senón con adaptarse a unha nova realidade. A clave non consistía en resistir, en aguantar; senón en reaccionar e reformar”.
Durante o xantar-coloquio do Foro Empresa Pontevedra, Feijóo afirmou que, grazas a esta mentalidade, Galicia pode presentarse como unha sociedade que non se resignou fronte a recesión económica, que tomou decisións para saír adiante, e que o está conseguindo. E, nesta liña, salientou o feito de que Galicia foi unha das primeiras comunidades que fixeron un diagnóstico certeiro da situación económica que vivía España; que a sociedade galega acompañase ese diagnóstico e que esa nova mentalidade estea instalada na inmensa maioría do tecido produtivo galego.
Así mesmo, referiuse á taxa de exportacións e o crecemento do PIB e da afiliación social; cifras, segundo aseverou, produto do esforzo da sociedade. “Cando dicimos que confiamos en que o PIB de Galicia crecerá un 2% neste 2015 é porque ese crecemento é posible porque a economía creceu en 2014 un 0,5%. Galicia foi o pasado mes de marzo a terceira comunidade na que máis caeu o paro, crecendo a afiliación á Seguridade social en 17.000 persoas máis. E, en 2013 e 2014 as exportacións tiveron un récord histórico”, precisou.
Durante a súa intervención, o presidente do Goberno galego fixo fincapé en que o principal peso da recuperación recaeu sobre a sociedade; “homes e mulleres fundadores e xestores de proxectos que demostran que se se cre nun país e no seu tecido produtivo, ese país é capaz de medrar e de resistir as profundas recesións económicas”. E, destacou a necesidade de seguir por ese mesmo camiño, empregando ferramentas como a Lei do Emprendedor; programas como o Interconecta, na busca dunha maior innovación; ou a Oficina Doing Business, unha fiestra aberta ao emprendedor, que permite medir de forma permanente o índice de facilidades que se lle dá a calquera persoa que queira abrir un negocio.
Feijóo salientou, tamén, a necesidade de continuar polo camiño da internacionalización, “a panca para seguir medrando”. E, resaltou a importancia de dedicar todos os esforzos a seguir transformando Galicia nun lugar atractivo para a actividade empresarial; “un lugar no que se sabe exactamente cantos requisitos has de cumprir antes de abrir un negocio, e que estes sexan tan sinxelos como sexa posible; un lugar cunha planificación económica a medio e a longo prazo; un lugar no que un provedor da administración sabe que lle vai pagar as facturas; e un lugar que garante o control do déficit e controla o crecemento da débeda”, concluíu.
Fotografía: http://www.encepontevedra.com
R.