Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Aumenta el paro en Galicia: 2015 arranca con 11.900 desempleados más. La Xunta dice que es el trimestre menos malo desde 2008

Nota de prensa del Gabinete de CC.OO.-Galicia:

O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) considera un «desastre sen paliativos» os datos da enquisa de poboación activa (EPA) do primeiro trimestre do ano, que eleva a 275.700 o total de persoas desempregadas en Galicia. Entre xaneiro e marzo perdéronse no noso país 12.900 empregos. En comparanza co resto do Estado, a destrución de postos de traballo foi maior, do 1,29 %, fronte á media estatal do 0,65 %. A secretaria de Emprego do sindicato, Maica Bouza, insta a Xunta a «reaccionar» e a «facer un exercicio de responsabilidade política» que lle permita a Galicia saír da crise.

O elevado número de persoas sen emprego «obriga a Xunta a actuar xa», afirma a secretaria de Emprego de CCOO. «Galicia ten competencias e é hora de que as exerza», insiste Bouza. Neste punto, a sindicalista critica que o Goberno galego non está a responder como debería «nin no papel de empregador nin no de xestor do público», aspectos en que dispón de marxe para actuar. Canto ao sector empresarial, Bouza repróchalle «usar a crise para axustar os cadros de persoal», razón pola que cre que agora debería «amosar compromiso e sentido de país» creando emprego e recuperando o poder adquisitivo dos salarios. «Sen recuperación do emprego, dos salarios e da actividade económica, non poderemos saír da crise», conclúe a sindicalista.

No primeiro trimestre, as persoas máis prexudicadas son as mulleres (9.500 ocupadas menos fronte a 3.400 ocupados menos) e as que teñen entre 25 e 54 anos (hai 17.800 ocupadas menos entre 25 e 54 anos fronte a 2.200 ocupadas máis nas menores 24 anos e 2.600 máis en maiores de 55 anos).

Por sectores, hai 13.400 persoas ocupadas menos nos servizos, 2.400 menos na industria e 200 menos no sector primario; na construción, en cambio, aumenta en 3.100. A secretaria de Emprego de CCOO ve «preocupante» que só aumente a ocupación nun dos sectores que «fracasaron coa crise», polo que coida posible «reincidir en vellos problemas».

Segundo Maica Bouza, o pouco emprego que se creou neste trimestre caracterízase, ademais, por ser «precario e con data de caducidade» —a taxa de temporalidade sitúase no 23,6 % neste trimestre—. A EPA constata unha maior redución dos postos de traballo a xornada completa (11.600 menos, un 1,36 %) que nos de xornada parcial (1.300 menos, un 0,87 %). En segundo lugar, a enquisa sinala unha caída do emprego asalariado (12.100 persoas menos), das que 4.900 eran indefinidas (diminución do 0,82 %) e 7.100 temporais (descenso do 3,74 %).

Pérdese emprego asalariado no sector público e no privado: 3.200 menos no público (un descenso do 1,77 %) e 8.900 menos no privado (unha diminución do 1,47 %). Canto ao emprego por conta propia, no primeiro trimestre de 2015 hai 2.000 traballadores e traballadoras independentes ou empresarias e empresarios sen asalariados máis ca no cuarto trimestre de 2014.

En comparación co primeiro trimestre de 2014, creáronse 4.700 empregos netos, un cativo incremento do 0,48 %, mentres que na media estatal foi do 2,97 %. Ademais, ese aumento da ocupación «non avala posibles afirmacións optimistas», matiza Bouza, que denuncia a substitución de emprego a tempo completo por emprego a tempo parcial (6.300 máis a xornada parcial fronte a 1.600 menos a xornada completa) e de emprego indefinido por emprego temporal (19.400 persoas asalariadas temporais máis fronte a 9.400 indefinidas menos). «Dito doutro xeito, o emprego neto creado ten data de caducidade; é temporal e a tempo parcial», insiste a sindicalista.

Había 275.700 parados e paradas en Galicia no primeiro trimestre de 2015, o que implica unha taxa de paro do 21,83 %; a dita taxa é do 21,48 % nos homes e do 22,21 % nas mulleres. Mentres que no Estado baixa o desemprego no primeiro trimestre de 2015 (13.100 persoas paradas menos), en Galicia segue aumentando (11.900 máis, un incremento do 4,5 %). En termos anuais, o dato tamén é peor para Galicia: o desemprego na nosa comunidade baixou un 7,15 % e na media do estado un 8,24 %.

Outro dato pésimo é o da evolución da poboación activa, pois abandonaron o mercado laboral 1.100 persoas no primeiro trimestre de 2015 e 16.500 no último ano. Ao tempo, no primeiro trimestre de 2015 había 94.900 fogares con todos os seus membros activos en paro (son 6.500 fogares máis ca no trimestre anterior) e 35.500 que non perciben ingresos (4.700 máis ca no trimestre anterior). Para Maica Bouza, este último dato describe unha situación de «verdadeira emerxencia social» en Galicia.

Nota de prensa del Gabinete de UGT-Galicia:

A radiografía do mercado laboral que ofrece a EPA, aínda que ten algún elemento positivo, como a mellora do desemprego en termos interanuais, tamén presenta demasiadas carencias que amosan que a situación non remonta como debería e que a dependencia do sector da construción volve a repetirse.

Analizando os datos polo miúdo, o que se observa, primeiro, cifras de ocupación realmente preocupantes, 987.500 persoas, cunha taxa do 41,8 por cento en Galicia, afastada dos valores superiores ao 50 por cento que se rexistraban antes da crise. Así, nesta autonomía, no primeiro trimestre do ano, con respecto ao último de 2014, a ocupación caeu en 12.900 persoas, o 1,3 por cento, dun xeito máis acusado que no resto do Estado, no 0,65 por cento.

En relación ao que sucedía hai un ano, a ocupación só mellorou o 0,48 por cento, fronte ao 2,97 por cento estatal. É dicir, aínda que hai unha pequena mellora con respecto ao que acontecía no primeiro trimestre de 2014, está é demasiado leve para poder falar con contundencia de recuperación e saída da crise para as familias galegas.

En termos de desemprego tamén se rexistra unha evolución negativa. Medra este no trimestre un 4,5 por cento e tan só o 0,24 por cento no resto do Estado. Hai 275.700 desempregados en Galicia. En termos interanuais cae o desemprego no 7,15 por cento e no Estado no 8,24 por cento. Quedando a taxa de desemprego en Galicia no 21,8 por cento e no 23,78 no Estado. Entre os menores de 25 anos esta ascende ao 45,7 por cento.

A contracción do mercado laboral evidénciase coa forte diminución da poboaciónn de 16 ou máis anos, no ano 11.700 menos. Deles, un total de 5.300 son menores de 25 anos. É dicir, cada vez hai menos poboación en idade de traballar. Tamén baixan as persoas que desexan incorporarse ao mercado laboral, 16.600 menos, e aumentan os inactivos en 4.800 persoas.

Unha das pasaxes máis complexas desta radiografía do mercado laboral galego é como se ven afectados os fogares. En Galicia en 94.900 vivendas todos os seus activos están no paro e en 35.500 non hai perpectores de ingresos. Estas dúas variables teñen un comportamento moi negativo ao medrar considerablemente con respecto a períodos precedentes.

Ademais, hai 164.800 desempregados que levan máis dun ano nesta situación e, destes, 111.900 levan dous ou máis anos en situación de desemprego.

Todo isto supón para moitas persoas vivir ao límite da pobreza e da exclusión social. De feito, cífrase que en Galicia máis de 656.000 persoas atópanse en risco de pobreza ou exclusión social e 95.000 rapaces son vítimas desta lacra.

Para UGT-Galicia, é evidente que ao Estado correspóndelle unha función redistributiva, conforme aos principios de solidariedade e igualdade social, que ten que exercer. Todos os cidadáns deben ter garantida unha axeitada protección social pública a través duns ingresos mínimos.

Por todo isto, UGT, xunto con CCOO, ven de presentar no Congreso a Iniciativa Lexislativa Popular en demanda dunha prestación de ingresos mínimos que sexa a última malla de protección sociolaboral para as familias traballadoras deste país. Esta nova prestación debe estar vinculada á Seguridade Social como unha prestación económica non contributiva dentro dun sistema de acceso universal para todas as persoas que reúnan os requisitivos para obtela.

Así, a prestación demandada polo Sindicato dirixiríase aos máis de 90.000 fogares que en Galicia teñen unhs ingresos inferiores aos 5.400 euros anuais.

Isto suporía para o Estado, un gasto estimado en Galicia de 460 millóns de euros calculados en base aos beneficiarios potenciais, o que suporía o 0,8 por cento do PIB.

Pero é que, neste punto, o Estado dispón dun remanente que perfectamente podería investir nesta prestación de ingresos mínimos que axudaría a paliar situacións complexas para miles de fogares galegos. Este remanente procede do que o Estado deixou de gastar pola baixada do número de beneficiarios de prestacións contributivas (de maior contía) fronte á suba dos beneficiarios das prestacións asistenciais (cunha contía moi inferior). Esta situación dáse pola perda paulatina de dereitos ante a cronificación das situacións de desemprego. Se comparamos o gasto en prestación de xaneiro e febreiro de 2015 cos mesmos meses de 2014, este é de 50 millóns de euros en Galicia. En 2014 en relación a 2013 un total de 295 millóns e en 2013 en relación a 2012 este aforro ascende aos 105 millóns de euros. Isto supón un aforro total en dous anos e dous meses de 450 millóns de euros.

Se a estimación de gasto é de 460 millóns de euros, a cobertura orzamentaria para a prestación demandada é ben sinxela para o Goberno que non pode escudarse na carencia de recursos co que está aforrando en materia de prestacións por desemprego nestes últimos anos.

Outro dato negativo que reflicte a EPA é o número de asalariados. Un total de 774.000 persoas, caendo no trimestre un 1,54 por cento, en maior medida que o total da ocupación. 12.100 persoas asalariadas menos. Medrando en relación a hai un ano no 1,32 por cento.

A análise por sectores nos arroxa, da novo, un dato moi preocupante e que nos pode facer caer en erros do pasado. De novo, a excesiva dependencia da construción á hora de melloralas cifras do mercado laboral en Galicia. De feito, no trimestre cae a ocupación en todos os sectores, salvo na construción, onde medra un 4,6 por cento, 3.100 persoas máis.

En termos interanuais todos os sectores vense favorecidos, salvo o primario. Pero é que o maior incremento, tanto en termos absolutos como relativos, é tamén na construción, o 5,4 por cento, 8.270 persoas máis.

UGT-Galicia estima que, de non producirse o incremento na construción, a ocupación tamén caería interanualmente en Galicia, en preto de 1.000 persoas.

R.