La Xunta expresa su más firme condena por la muerte de una mujer en el Hospital de Ourense

A entrada principal do Chou acolleu a concentración do persoal do hospital ourensán para condenar o acto de violencia de xénero que acabou coa vida da paciente de 65 anos de idade, Isabel Fuentes, que levaba ingresada no complexo hospitalario dende o 3 de abril. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, sumouse a este acto de repulsa. Durante a concentración mantívose un minuto de silencio.
A Xunta de Galicia expresa a súa máis firme condena polo acto de violencia de xénero que lle custou a vida a María Isabel Fuentes, de 65 anos de idade e veciña de Pazos, Verín, que morreu a mans do seu marido no Complexo Hospitalario de Ourense.
Trátase da primeira morte por violencia de xénero rexistrada este ano en Galicia, un crime polo que o Goberno galego manifesta a súa consternación ao tempo que fai un chamamento a toda a sociedade para que se rebele contra esta lacra e colabore para rematar con esta manifestación extrema de desigualdade que é a violencia de xénero.
O Goberno galego reitera o seu apoio ás vítimas deste tipo de actos violentos e apela á corresponsabilidade da toda a cidadanía na erradicación deste problema público e social de primeira orde. Neste sentido, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou profundamente o acontecido esta mañá e fixo un chamamento a “non baixar a garda” fronte a violencia machista.
Lémbrase que as vítimas teñen a súa disposición o 016, un teléfono gratuíto que garante a confidencialidade da chamada, xa que non queda rexistrada na factura telefónica. Ademais, froito dun acordo entre a Xunta e o Goberno do Estado, as chamadas que se produzan ao 016 desde o ámbito territorial de Galicia derívanse automaticamente ao teléfono 900 400 273 ou ao 112 no caso de que a usuaria precise atención de emerxencia.
R.