Traballo considera que el sector de la construcción reactivará de nuevo el mercado laboral gallego

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, ratificou o seu compromiso de seguir apostando por unha formación “de máxima calidade” e “orientada ao mercado laboral” na entrega de diplomas a 235 alumnos e alumnas que participaron nun dos 18 cursos da Fundación Laboral da Construción, que financiou o departamento autonómico con 1,25 millóns de euros. En concreto, a formación tivo lugar en cinco centros, en Teo, Arteixo, Vigo, Lugo e Ourense.
Mato destacou que os alumnos e alumnas, ademais de recibir estes diplomas, conseguen un certificado de profesionalidade, un documento de validez nacional que leva aparellado “unha importante mellora no curriculum” e, polo tanto, na súa empregabilidade o que, segundo destacou a conselleira, “aumenta a produtividade e competitividade do tecido empresarial”. Mato subliñou que “canto maior formación teñan os traballadores e traballadoras maiores serán as súas oportunidades de emprego”.
A titular de Traballo avogou por unha formación de calidade que conte “cos mellores docentes e as mellores instalacións” e que, ademais, estea homologada e vinculada a un certificado de profesionalidade. Neste senso, lembrou que nos últimos anos case 50.000 galegos e galegas obtiveron un destes certificados. En 2015, ademais, a práctica totalidade das actividades formativas financiadas pola Consellería están vinculadas á obtención dun destes documentos. “Este compromiso tennos situado á cabeza de todas as autonomías en formación certificada”, apuntou.
Así mesmo, Mato recordou que este ano as axudas da Consellería á formación permitirán que se beneficien máis de 15.000 alumnos e alumnas. Entre outras liñas de subvencións destacan a orde de cursos para desempregados impartidos por entidades acreditadas; a formación que se imparte en centros propios da Consellería; a través dun convenio coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; ou a formación en idiomas, TICs e certificados de profesionalidade que se ofrecerán aos participantes dos novos plans de emprego da Xunta de Garantía Xuvenil, dirixido a menores de 25 anos, e do Programa Activa, destinado a parados de longa duración. En total, a Consellería de Traballo e Benestar destina este ano á formación 40 millóns de euros, un 20 por cento máis que en 2014. O pasado ano, só na provincia da Coruña, o departamento autonómico financiou 185 cursos para desempregados que contaron coa participación de 2.775 alumnos e un orzamento de máis de 10 millóns de euros.
R.