Xosé Manuel Beiras acredita que sólo cobró cuatro años en el Parlamento de Galicia

O portavoz de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, entregou aos medios de comunicación a documentación relativa á súa carreira profesional que acreditan máis de 42 anos de dedicación exclusiva á Universidade de Santiago de Compostela. A única excepción son 4 anos e 3 meses (do 22 outubro de 1999 ao 30 de xaneiro de 2004) en que solicitou servizos especiais e pasou a percibir o salario do Parlamento de Galicia. Na documentación achegada compróbase que durante máis de 15 anos Xosé Manuel Beiras exerceu tamén como deputado sen cobrar por este labor. A retribución como catedrático da universidade foi, nese tempo, única que recibía e cumprindo en todo momento coa dedicación marcada.
O 22 de outubro de 1999 Xosé Manuel Beiras, daquela portavoz e candidato á presidencia da Xunta polo BNG, ante o peso alcanzado polo partido, tomou a decisión de solicitar a situación de servizos especiais na universidade compostelá. Mantivo esta condición que mantivo ata 2004, cando deixou de ser deputado e volveu ao exercer na USC.
Outra proba da súa intensa actividade na Universidade de Santiago de Compostela foi o seu nomeamento como profesor emérito, para o que é condición indispensable contar cun período dilatado de docencia en exclusiva.
Xosé Manuel Beiras contestou con probas e documentos ás difamacións e mentiras difundidas polo presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, quen o acusaba de levar máis de 30 anos vivindo do Parlamento. A realidade demostra unha vez máis que “o presidente galego minte, difama, engana e fai fraude á cidadanía galega”. Unha actitude que, segundo Beiras, deixa en evidencia a súa “carencia do máis elementais de criterios morais e éticos” e a súa estratexia de continuar a “distribuír estupefacientes” a través das súas difamacións.
“A actitude do presidente da Xunta choca de xeito frontal coa miña. Eu podo ser moi duro coas miñas declaracións, tamén o era Valle-Inclán, pero nunca difamei a ninguén. Hoxe entrego a documentación que demostra a realidade sobre a miña carreira profesional, se outros fixeran o mesmo con, por exemplo, os contratos da Xunta de Galicia co narcotraficante Marcial Dorado poderíamos dicir entón que estamos en igualdade de condicións, así non. Nós estamos na decencia e outros están na indecencia”, concluíu o portavoz de Alternativa Galega de Esquerda.
R.