Elecciones 24-M: el PPdeG asume los resultados electorales, hace autocrítica, analiza los errores y asegura que sufre el coste de la crisis

O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, afirmou que é necesario facer autocrítica dun xeito planificado e analizando os resultados polo miúdo, asumindo que se produciron falios que levaron ao PPdeG a perder apoio. Así o manifestou na comparecencia en rolda de prensa, ás poucas horas dende o peche parcial do escrutinio, para ofrecer unha segunda valoración trala primeira realizada ao remate da xornada electoral polo presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo. Rueda salientou en primeiro lugar que foi o PPdeG o partido que gaña as eleccións en Galicia con preto de dez puntos de diferenza coa segunda forza, o PSOE, e 23 puntos coa terceira, o BNG. Malia que tamén asegura que iso non quere dicir que tiveran un bo resultado posto que baixaron notablemente na porcentaxe de voto e tamén perderon capacidade de formar gobernos en un elevado número de municipios. Aínda así, recorda que gobernando no Estado, na Xunta, no 75% das deputacións e no 66% dos concellos, era o Partido Popular a forza política máis exposta ao desgaste que supón a xestión e a defensa dos intereses públicos.
O secretario xeral tamén recoñeceu que os populares teñen un mal resultado no entorno urbano xa que, sen contar Vigo, onde estiveron lonxe de lograr os obxectivos marcados, nas outras seis cidades perderon un número similar de concelleiros que os socialistas. Do mesmo xeito, Rueda destacou que o PPdeG é primeira forza nas catro provincias, a que terá maior número de actas nas Deputacións provinciais –a pesar de perder Coruña e Pontevedra- e que gobernará aproximadamente a metade dos concellos de Galicia tendo 144 maiorías absolutas e 55 relativas. Así mesmo informou de que o partido resiste máis en Galicia, xa que fronte a baixada de 9,1 puntos na Comunidade a baixada estatal chega aos 10,51, algo que, segundo Rueda, “Galicia aguanta mellor”.
No tocante ao PSOE, Rueda destacou que mentres antes gañaba e gobernaba en cidades como A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Ourense, hoxe posicionanse como a terceira forza desas cidades. Con respecto a Lugo dixo que perde as eleccións e perde apoio, igual que en Pontevedra. Referíndose ao BNG destacou que máis alá de onde fixo de muleta do PSOE, practicamente desaparece como pasou en Ourense e en Vigo. Si é a Primeira forza en Pontevedra pero cuarta forza en Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo; ao tempo que analizou os resultados de Cidadáns que, finalmente, entraron nas corporacións de tres cidades, un resultado peor do que os seus dirixentes esperaban.
Por último, finalizou a súa comparecencia referíndose ao papel das Mareas que gobernarán a capital de Galicia como forza máis votada e que aínda queda por aclarar se tamén na Coruña e Ferrol. Segundo Rueda, aínda que son os grandes canalizadores do desgaste que tivo a marca PP nestas eleccións, trátase de coalicións electorais abocadas a formar coalicións de Goberno, feito polo que agarda sexan capaces de dar a estabilidade que a política municipal require.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, felicitou aos ganadores das eleccións municipais celebradas no día de onte e sinaladamente aos 148 candidatos e candidatas do PPdeG que obtiveron unha maioría estable e suficiente para gobernar. Porén, recoñeceu que “o resultado non é bo e é unha proba de que estamos a sufrir os custes dun axuste tremendo provocado por unha crise económica que non tivo antecedentes na historia contemporánea española, da que non estamos saíndo todo o rápido que nos gustaría nin todo o equilibradamente que quixéramos”.
Puy felicitou aos candidatos das grandes cidades que resultaron ganadores nas eleccións locais, como o PSOE en Vigo, o BNG en Pontevedra, as mareas cidadáns en A Coruña e Santiago e aos populares Jaime Castiñeira, Jesús Vázquez e José Manuel Rey, así como ao presidente do PP en Ourense, José Manuel Baltar, que se manterá ao fronte da Deputación Provincial. “Tamén debemos felicitar aos 148 candidatos e candidatas do Partido Popular que obtiveron unha maioría estable e suficiente en Galicia, ademais dos 55 que conseguiron unha maioría relativa”, apuntou Puy. Neste sentido, afirmou que “o feito de que o PP goberne a metade dos concellos de Galicia contribuirá a garantir a estabilidade política nesta comunidade autónoma”.
O portavoz popular indicou que o PPdeG, co 36 por cento dos votos, segue a ser a primeira forza política de Galicia, a dez puntos do PSOE e triplicando ao BNG. “Esta hexemonía mantense nas catro provincias, pero indica que hai unha inflexión do voto, que xa se manifestou nas eleccións europeas”, engadiu. “Nun momento no que estamos no punto máis baixo e podemos falar dunha inflexión do voto, imos traballar para recuperar a confianza dos cidadáns”, sinalou. Neste sentido, explicou que esta situación é consecuencia “dunha crise que requiriu unhas determinadas medidas de axuste, da que non estamos a saír todo o rápido nin todo o equilibradamente que quixéramos”.
Deste xeito, avanzou que o Partido Popular “analizará os resultados e teremos tempo de establecer estratexias e os cambios de política necesarios para facer fronte ao feito de que estamos nuns niveis electorais que, tendo algúns aspectos positivos como que somos a forza máis votada nas catro provincias e no conxunto do país, temos que estudar e sacar consecuencias e actuar politicamente de tal maneira que os cidadáns confíen máis maioritariamente no Partido Popular”. Pedro Puy afirmou que “temos unha base sólida para a recuperación electoral ou para colaborar institucionalmente na oposición alí onde os cidadáns consideraron que o PP debe estar na oposición”. “Estamos en disposición de garantir a gobernabilidade e estabilidade practicamente na metade dos concellos e a colaborar nunha recuperación económica e nunha mellor redistribución dos recursos conforme vaiamos saíndo da crise”, engadiu.
O portavoz popular fixo referencia á participación de 21 deputados do Grupo Popular en diversas candidaturas municipais, destacando que hai hai dous que teñen certas posibilidades de presidir as corporacións locais en Ourense e Noia: Jesús Vázquez e Santiago Freire, respectivamente. Así mesmo, dixo que dos 21 deputados que concorrían en 19 concellos, houbo tres maiorías absolutas (Vilalba, Cervo e Friiol), oito maiorías relativas, sete segundos postos e un terceiro.
Fotografía: Gabinete de Comunicación del PPdeG
R.