El Parlamento de Galicia aprueba la Ley de mejora de la estructura territorial agraria para dinamizar la economía rural y evitar la despoblación

O Parlamento de Galicia aprobou, cos únicos votos favorables do Grupo Popular, a nova Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, que “vén complementar o corpo normativo comprometido ao inicio das lexislaturas do Presidente Feijóo e, xunto coa Lei de Mobilidade de Terras e a Lei de Montes, permitirá seguir incidindo na mellora da estrutura do territorio rural, dinamizando a economía e favorecendo o asentamento poboacional”, indicou a portavoz de Medio Rural, Isabel García Pacín.A portavoz popular subliñou que este novo texto lexislativo “derroga as leis ata agora vixentes nesta materia e introduce notables novidades non só normativas, senón incluso de concepto e filosofía”. Neste sentido, anotou que “a realidade galega mudou nas últimas décadas e as peculiaridades que nos definen, lonxe de consideralas un atranco, debemos continuar mellorándoas con normas como esta”.
En concreto, García Pacín sinalou que a nova lei introduce “un novo concepto de reestruturación parcelaria que supera a dimensión e capacidade de actuación da actual concentración parcelaria, cun procedemento de actuación áxil e máis curto no tempo que aposta polas agrupacións empresariais ou explotacións que favorezan a xestión en común das terras”. Na súa intervención, a portavoz popular engadiu que a nova lei permitirá mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións atendendo a criterios de ordenación con utilidade económica e social para fixar poboación no rural. “O obxectivo é seguir loitando contra o abandono de predios, facilitando a súa mobilización coa incorporación a explotacións existentes ou axudando á formación de novas, prestando especial atención á iniciativas asociativas de aproveitamento en común”, indicou.
Unha das cuestións salientables do novo texto é o abaratamento dos custes tributarios para favorecer a transmisión da propiedade, as permutas voluntarias, o arrendamento ou a incorporación ao Banco de Terras de fincas ociosas. Neste sentido, Isabel García Pacín explicou que “non se trata da dedución xa existente para herdeiros dunha explotación, porque esta medida vai máis alá co obxectivo de favorecer que as parcelas de herdeiros sen actividade agraria acaben nas mans daqueles que as precisan para traballalas”.Así mesmo, salientou a introdución dos Plans de Ordenación de Predios de especial vocación agraria (Popeva), nos que se combina un procedemento de reestruturación da propiedade cunha real e práctica ordenación dos usos do solo.Respecto das emendas presentadas polos grupos da oposición, a portavoz popular indicou que “se incorporaron emendas que melloran o texto inicial”, pero recoñeceu que, “aínda que foramos quen de incorporar un maior número ou unha maioría das achegas en forma de emenda propostas polos grupos da oposición, serían quen de opoñerse e non valorar na súa xusta medida o proxecto de lei a debate”.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del PSdeG:
Os socialistas galegos amosaron no pleno do Parlamento o seu rexeitamento ao proxecto de Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia. “É un texto pretencioso no seu nome, pero que non aporta solucións nin fala da xente”, asegura o portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Pablo García.
Como xa fixera hai uns días no debate en comisión, García acusou ao goberno galego de provocar “frustración e decepción” co texto, a pesares de levar seis anos afirmando que este tema “era unha prioridade para a Xunta”. Os socialistas presentaron 25 emendas “a un proxecto de lei que non vale, o problema é que non serve, non as emendas que poidamos presentar, este texto circunscríbese á propiedade e ese é un concepto superado nos días de hoxe”.
O responsable socialista culpou a Feijóo de “non facer nada” para resolver o problema “da mobilidade de terras deste país”, para o que o novo texto apenas supón un parche inútil “para que poidan aparentar que fixeron algo”. Advertiu que o problema da propiedade das terras agrarias deriva dunha “planificación que non se fixo” e no que o novo texto apenas incide.
García lembrou que hoxe “toda Galicia está en proceso de concentración parcelaria pola política do Partido Popular de decretar concentracións en moitos casos sen interese agrario, senón máis ben urbanístico, e noutros porque tardaron tanto en facerse que cando chegaron xa non quedaba ningún agricultor sen contar cos recursos mínimos imprescindibles”.
O deputado socialista explicou que hai 1,6 millóns de titulares de fincas no medio rural, o que supón 1,5 hectáreas por propietario, e onde cada propietario supera as 7 parcelas de media. Isto fai a actuación sobre a propiedade “unha encomenda case imposible” e incidiu en que os propietarios moitos deles xa non viven nin teñen interese agrario.
Recomendoulle ao PP que siga co exemplo da Deputación de Lugo, onde baixo a xestión socialista con apenas 300.000 euros foron mobilizadas 800 hectáreas que “foron postas a disposición dos gandeiros e hoxe están producindo”. Reclamoulle copiar esta xestión e o modelo de autonomías como Asturias, Cantabria ou País Vasco, onde, partindo dunha situación semellante, conseguiron incrementar a superficie agraria útil.
Pablo García anunciou que unha vez publicada a nova lei traerá ao Parlamento tres exemplos concretos do que está. “Denunciaremos un caso concreto de plantacións de eucaliptos en terras agrarias, denunciaremos cinco exemplos de fincas de titularidade do banco de terras que en plena época de perigo de incendios está a xestas e a toxos, e traeremos o caso concreto de dous propietarios que queren facer unha permuta e desistiron do intento polas trabas e polos custos que ocasiona; eses son os problemas deste país neste eido para actuar, e así demostraremos que con esta nova lei non se da solución a ningún deles”, rematou.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de AGE:
A desintegración do mundo rural logo de máis de trinta anos de gobernos do Partido Popular é patente. Así o volveu denunciar esta mañá o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Antón Sánchez no debate en pleno parlamentario sobre a denominada Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria. “Estamos diante de manobras de distracción dun goberno sen constantes vitais”, afirmou Sánchez no inicio da súa intervención, “ao que a lexislatura se lle fai demasiado longa”.
“Imos rexeitar esta lei, que nin é a solución nin queremos axudar a aparentar que se fai o que non se fai”, engadiu, “e mentres non haxa un enfoque integral do problema, non se poderá solucionar”. Cando o territorio rural galego sofre alarmantemente a perda de superficie agraria útil –entre 1985 e 2005, reduciuse en 150.000 hectáreas, e o proceso acelerouse nos últimos anos- e as explotacións gandeiras, responsábeis dunha importante parte da produción agraria, de falta de base territorial, a norma que impulsa o Goberno de Alberto Núñez Feijóo queda en anécdota. “O que precisamos é un proxecto de país, que conte cos recursos materiais necesarios e que estea coordinado”, dixo o parlamentario de AGE.
A presión urbanística e forestal contribúen á perda de superficie agraria útil. Galiza, sinalou Sánchez, non é quen de producir os alimentos que consume. O lácteo atópase eivado pola situación global. “O fracaso das políticas de ordenación do territorio resultan totalmente ineficientes, os plans xerais céntrase apenas no urbanístico, e non se dan aplicado nin as Directrices de Ordenación do Territorio nin o Plan de Ordenación do Litoral”, explicou. Os incendios son consecuencia directa desta situación. Igual que a falta de políticas de dinamización, diversificación e desenvolvemento de actividades no rural contribúen ao envellecemento da poboación. En 2013, o 60% da xente que vive no agro pasaba dos 60 anos.
Para reverter o panorama, non abonda cunha norma que apenas é máis que a reformulación lavado de cara da anterior lei sobre a concentración parcelaria. “Isto non se soluciona sen un enfoque integral”, considerou o deputado de Alternativa, que ao seu ver debe incluír a coexistencia entre sector agrario e forestal –“cómpre frear o forestal”-, dinamizar as actividades para fixar poboación moza, desenvolver novas políticas ou limitar os usos do solo. “Se non, apenas estamos diante de manobras de distracción”. Alternativa Galega de Esquerda (AGE) votou a prol das emendas de todos os grupos da oposición e rexeitou o texto do Goberno do Partido Popular.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del BNG:
A portavoz de Agricultura e deputada do BNG, Tereixa Paz anunciou o voto contrario do grupo parlamentario á tramitación do Proxecto de Lei do Partido popular de mellora da estrutura territorial agraria de Galiza.
A parlamentaria, que presentou unha emenda de devolución do texto na Comisión de Agricultura, afirmou hoxe que calquera lei que pretenda actuar sobre a base territorial e impulsar un efecto positivo sobre o medio e economía rural debe partir “dunha análise dos principais problemas neste eido”.
En Galicia explicou, tiñamos, segundo o censo agrario, 80.000 explotacións cunha perda dun 3,6% cada ano, unha superficie agraria útil en “abandono progresivo”.Na última década produciuse a a desaparición do 7, 05%, da “superficie apta para producir alimentos”. Simultaneamente en Galiza,engadiu, as explotacións agrarias son as que teñen menos superficie agraria a súa disposición cunha media de 8,15 hectáreas de superficie útil fronte a Cantabria cun 24,48%, ou en Francia que superan o 54% e Dinamarca o 63%. Estes, dixo, son os verdadeiros problemas que inciden na falta de dinamismo económico no medio rural ao que sumou o problema demográfico e envellecemento da poboación.
“Nun país normal, cun Goberno normal”, afirmou , unha lei que se denomina de modificación da estrutura agraria debería contemplar os aspectos nomeados pero só incide na fragmentación da propiedade e para “o único que serve esta lei”, é para que un propietario ou propietaria con dez parcelas poida agrupalas en unha coa mesma cantidade de superficie pero sen incrementar a “superficie útil”.
Galiza non pode permitirse o luxo de perder a súa capacidade útil para producir e xerar riqueza deixándoa “no abandono”. Esta lei, sentenciou, debería ser un elo máis dentro dunha política global para dotar as explotacións da máxima cantidade de terra.concentracións parcelarias 3
A deputada lembrou que nos diversos debates de investidura de Feijóo, o Presidente da Xunta comprometeuse a elaborar unha lei para poñer fin a situación actual, pero o que temos, “é unha lei de modificación de concentracións parcelarias sen medidas novas que dinamicen o mercado da terra”.
Tereixa Paz pediu máis recursos humanos e medios para reducir os prazos das concentracións parcelarias para axilizar os procesos. Nós, concluíu, consideramos que a lei que será aprobada hoxe debería ir acompañada do Banco de terras que o PP “ten hibernado”, máis instrumentos para actuar sobre a propiedade forestal e diminuír os custes das explotacións agrarias.
Fotografía: Carlos Rodríguez Arias.
R.