El secretario xeral del PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, será nombrado senador el 22 de junio

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, confirmou que o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, será proposto polo Grupo Socialista como senador por designación autonómica en substitución de Paula Fernández. Así o dixo logo da Xunta de Portavoces que tivo lugar hoxe no Pazo do Hórreo. No Pleno Extraordinario, previsiblemente instantes antes do Pleno ordinario no que será votada a proposta de Besteiro como senador autonómico. Galicia conta con tres senadores designados polo Parlamento, dos que dous son propostos polo PP como grupo maioritario e outro polo PSdeG, principal grupo da oposición.
Méndez Romeu salientou o “momento axeitado” para executar o relevo no Senado na persoa de quen dirixe o PSdeG nas catro provincias galegas, así como fronte ao resto do Estado e diante de tódalas institucións de Galicia. Advertiu “motivos de abondo” para que quen ten esta posición interna teña tamén “unha presenza institucional destacada e que todo o socialismo galego estea representado no Senado”. O responsable socialista valorou tamén o desbloqueo da renovación en diversos órganos institucionais, como é o Valedor do Pobo, por canto o actual titular leva tres anos en funcións á espera dun novo nomeamento, ou o Consello de Contas, funcionando con tan só 3 dos 5 representantes polo bloqueo do PP.
Tamén chamou a iniciar “canto antes” a aplicación da Lei dos medios públicos, o que implica o debate e aprobación do Mandato Marco e a remuda dos membros do Consello de Dirección. O Pleno ordinario comeza co debate final da Lei de dereitos e dignidade dos enfermos terminais, presentada e impulsada polos socialistas galegos e que ven de acadar un amplo consenso logo do seu “traballo intenso e construtivo” de tódolos grupos parlamentarios no debate en Ponencia e Comisión.
Méndez Romeu salientou que a norma permitirá innovar o ordenamento xurídico galego, que quedará situado “á vangarda” ao consolidar o respaldo aos profesionais sanitarios que atenden ás persoas en situación terminal, uns doentes que grazas a esta norma ven ordenado o seu sistema de dereitos e garantías. O responsable socialista lamentou que o grupo maioritario desestimara a solicitude de habilitar o mes de xullo para celebrar sesións ordinarias de Pleno e comisións na liña da proposta de reforma do Regulamento presentada polos socialistas galegos.
Tampouco estimaron oportuno apoiar as solicitudes de comparecencia presentadas polo PSdeG, que reclamaba a presenza de Feijóo para dar conta da situación do mercado de traballo galego. Si que terá lugar un debate sobre unha proposición non de Lei do PSdeG para aumentar a cobertura de desemprego logo de que 40.000 galegos e galegas perderan as súas axudas ao quedar sen traballo. Tamén rexeitaron a comparecencia do goberno galego para dar conta da situación da Fundación Camilo José Cela logo da imputación dos seus directivos e varios dos membros do Padroado que hoxe ostentan cargos institucionais relevantes e do que a día de hoxe “sorprendentemente ninguén ofreceu unha mínima explicación”. O asunto será tratado sen embargo como pregunta oral no Pleno.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de AGE:
Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través da súa viceportavoz Yolanda Díaz, denuncia novos pactos tácitos das “forzas políticas maioritarias, das forzas políticas do réxime”. Díaz refírese aos acordos entre Partido Popular e PSdeG, comunicados aos demais grupos da oposición na xunta de portavoces parlamentarios desta mañá, e que atinxen á escolla dun novo senador por designación autonómica, á nova persoa será Valedor do Pobo ou á renovación do Consello de Contas. “Manifestamos a nosa sorpresa polos pactos tácitos das forzas do réxime”, afirmou a viceportavoz de AGE na posterior comparecencia de prensa, na que encadrou o asunto no “baleirado do Parlamento” ao que procede “un réxime político empresarial” que esboroa.
Na estratexia do Partido Popular, da man en non poucas ocasións do PSdeG, entra igualmente a redución de iniciativas da oposición nos plenos do Parlamento de Galicia. “Seguimos en tempada de retalladas”, expuxo Yolanda Díaz. Alternativa Galega de Esquerda disporá dunha proposición non de lei menos e carecerá de interpelación.
R.