El PPdeG impide la designación de Gómez Besteiro como senador, aplaza el Consello de Contas y nombra a Rey coordinador de su Ponencia política

O Grupo Popular vén de solicitar o aprazamento do punto único da Sesión Plenaria Específica e do punto primeiro do Pleno ordinario convocado para o luns, 22 de xuño, nos que estaba prevista a designación dun senador en representación da Comunidade Autónoma e de tres membros do Consello de Contas, respectivamente, dado que, unha vez que se tiña acordado co Grupo Socialista o nomeamento para o Consello de Contas de persoas con perfil profesional que non estiveran estreitamente vinculadas aos partidos políticos, o Grupo Socialista propuxo os nomes de persoas de recoñecida valía profesional pero que incumprían o requisito previamente pactado entre ambos grupos.
Pola súa parte, o Grupo Popular propuxo para ocupar as vacantes que lle corresponden no Consello de Contas a:
• Ana María Otero López, licenciada en Dereito e en Económicas e Empresariais pola Universidade Pontificia de Comillas. É membro do Corpo Superior de Inspectores de Facenda do Estado e na actualidade é conselleira do Consello Consultivo de Galicia.
• José Antonio Redondo López, doutor en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago; catedrático numerario da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago; académico numerario e membro da Xunta de Goberno da Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras de España; e director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo entre 1995 e 2005.
O Grupo Popular quere deixar claro que non existe bloqueo algún á designación do secretario xeral dos socialistas galegos como senador por designación autonómica, senón que a solicitude de aprazamento dos puntos da orde do día da sesión plenaria específica e do pleno ordinario son consecuencia do incumprimento por parte do Grupo Socialista do acordo para propoñer para ocupar a vacante do Consello de Contas a unha persoa sen vinculación directa con formacións políticas: a última proposta é o ex portavoz parlamentario do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga.
O acordo de non nomear para o Consello de Contas a persoas con vinculación a formacións políticas foi anunciado polo portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, na rolda de prensa que se celebrou ao remate da Xunta de Portavoces do pasado martes, sen que houbera desmentido algún por parte dos responsables socialistas e logo de que o propio portavoz do Grupo Socialista criticara en repetidas ocasións a presenza de políticos no Consello de Contas.
Ademais, ao marxe de que o Grupo Popular respecta e respectará sempre a persoa que o Grupo Socialista designe como senador por representación autonómica, resulta significativo que sexa agora (desde o pasado luns e unha vez que se conformaron as novas corporacións municipais) cando o Partido Socialista se acorde de abordar a designación do senador e a renovación das vacantes no Valedor do Pobo e no Consello de Contas. Máxime cando o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou ao secretario xeral dos socialistas galegos na reunión que mantiveron o pasado mes de novembro a necesidade de abordar as renovacións institucionais pendentes nos órganos estatutarios, demanda que foi reiterada en posteriores ocasións tanto a través do Presidente da Xunta como polo propio portavoz do Grupo Popular pero que non tivo resposta algunha desde o Partido Socialista.
Ponencia política
O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, anunciou a designación de José Manuel Rey como coordinador do equipo redactor da Ponencia política que os populares celebrarán no mes de xullo. Ademais, adiantou o resto de acordos aos que chegaron os integrantes do equipo redactor da Ponencia na súa primeira reunión, celebrada esta mesma mañá e que estivo presidida polo presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo.
Con respecto as principais razóns da elección de José Manuel Rey como coordinador, Rueda destacou que a política municipal é máis preta aos cidadáns e que esa proximidade é clave para inaugurar a etapa do PPdeG. Para iso, consideran por unanimidade que non hai persoa que coñeza mellor esa política que Rey, quen ten sido concelleiro de goberno, concelleiro de oposición, alcalde e, ademais, presidente da Fegamp. A segunda das decisións adoptadas tivo que ver coa vontade dos populares de facer eminentemente participativa a elaboración deste texto. Para iso xa está a funcionar unha conta de correo electrónico á que mandar propostas e en breve haberá un espazo web específico para recibir ideas pero pensado tamén en manter unha comunicación fluída coas persoas que desexen participar activamente da elaboración desta Ponencia.
Alfonso Rueda asegurou que ademais das persoas que voluntariamente se queiran dirixir a eles, “nós imos a dirixirnos a esa sociedade civil”; facendo referencia aos galegos que os votaron el 24 de maio, aos que non o fixeron nesta ocasión e aos que nunca o fixeron. Para iso, o secretario xeral dos populares informou de que remitirán unha carta á preto de 200 asociacións, organizacións e colectivos diversos co obxectivo de recordarlles as canles de participación abertas e para informarlles de que o equipo encargado de redactar esta Ponencia está a súa disposición para atendelos e recoller as súas inquedanzas. Ademais, outra das decisións que tomaron neste aspecto foi que pedirán “ao propio partido que se implique dende o primeiro momento nesta Ponencia, que suporá un novo xeito de facer as cousas” declarou.
O terceiro acordo ao que se chegou tivo que ver coa propia estrutura da Ponencia para o que decidiron presentar -de maneira inicial- un prólogo que defina as súas prioridades, tres bloques temáticos, e un apartado final a modo de conclusións. Con respecto aos bloques temáticos, Rueda explicou que farán referencia a tres áreas concretas: un área económica, un área social, e un área de participación, sendo esta última, clave para avanzar ao mesmo ritmo que a sociedade.
Fotografía: archivo GD/PPdeG
R.