Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

La UDC anuncia la constitución de una comisión para estudiar un plan de reestructuración global, tras paralizar la fusión de ocho centros

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Universidade de A Coruña:

Ante a extraordinaria situación económica na que se encontra a Universidade da Coruña e que levou a tomar medidas drásticas das que se informou a todos os directores e decanos o pasado 17 de xuño, ao resto da comunidade universitaria a través do correo electrónico, e hoxe en sesión de Consello de Goberno, queremos precisar:

1. A UDC é unha universidade pública polo que a súa estrutura debe estar suficientemente financiada pola administración pública.
2. O Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego (PFSUG) 2012/2015, e que no seu día a UDC non votou a favor ao consideralo lesivo, acrecentou as diferenzas históricas de financiamento no SUG e no Sistema Universitario Español (SUE).
3. Pídesenos o mesmo pero se financia menos. A estrutura do PFSUG é basicamente: financiamento por unha parte estrutural fixa (dividida entre unha parte que se financia por criterios históricos e outra por indicadores) e outra parte por resultados. A porcentaxe máis baixa de financiamento da UDC no PFSUG está na parte estrutural fixa. O financiamento por resultados é sensiblemente mellor. Conclusión: os resultados son bos. Pero o financiamento para I+D+i ou outros resultados non financian nóminas nin gasto corrente.
4. O PFSUG establece un financiamento da parte estrutural en dúas partes: unha parte fixa e outra por indicadores. O acordado foi que a parte de indicadores sería do 5% en 2012, 10% en 2013; 15% en 2014 e 20% en 2015, da parte estrutural. A Xunta cumpriu co reparto en 2012 mais nos anos seguintes aplicou esas porcentaxes ás cantidades totais acumuladas ata o ano anterior, de aí a discrepancia que mantén a UDC, de tal forma que o reparto que está a facer a Xunta axustado ás contías foi aplicar os indicadores ao 5% en 2012; 14,5% no 2013; 27,3% no 2014 e 41,8% no 2015 da parte estrutural. Isto incumpre o acordado.
5. A UDC vén de presentar ante a Xunta un contencioso administrativo para que abone as cantidades económicas resultantes desta discrepancia que se eleva 8.789.679,5€
6. A UDC permanece no último terzo do SUE en financiamento por estudante. Segundo o Informe CyD a UDC recibe 4.271€ por alumno, un 54% menos que a Universidade Pública de Navarra, que con 9.363€ é a mellor financiada de España.
7. A UDC leva máis dunha década de contención de gasto e máximo aforro que fixo que se tivese remanente de tesourería e liquidez. A falta de liquidez pola non percepción en prazo de ingresos previstos levou a tomar medidas extraordinarias como a suspensión temporal de gasto.
8. As medidas que se están a tomar buscan acadar o reequilibrio do orzamento e dos fluxos de tesouraría, de forma que tamén os pagamentos a provedores queden asegurados.
9. A UDC non ten débeda financeira.
10. O problema da UDC é, por tanto de ingreso, non de gasto.
11. O Consello de Goberno de hoxe concordou por unanimidade a necesidade dun Plan de Reestruturación de centros e departamentos na UDC que analizará a situación partindo de cero e desde unha perspectiva xeral. Abre un prazo de suxestión dos membros do Consello de Goberno para completar a composición da Comisión que tratará o tema. En ningún caso implica prexuízos nin para as titulacións, nin para a comunidade universitaria.
12. O reitor reuniuse o pasado 22 de xuño co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e co conselleiro de Facenda para tratar o tema económico. Acordouse traballar para buscar solucións.
13. A UDC traballa arreo neste escenario adverso, no que ten que reestruturar o orzamento, con dúas prioridades: manter o plantel de persoal, PDI e PAS, e as axudas ao estudantado.
14. A UDC reclama á Xunta que o novo PFSUG corrixa o déficit histórico de financiamento da UDC e lle permita converxer dentro do SUG.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, destacou na Reitoría a importancia que a Universidade da Coruña ten para a cidade e a contribución da entidade académica para que sexa unha realidade a mobilidade social ascendente, nun ano en que a UDC celebra o 25 aniversario do seu nacemento. Ferreiro confesou ademais que el mesmo “non podería ter unha carreira universitaria se non existise a Universidade da Coruña”.

O alcalde estivo na Maestranza en visita institucional, onde foi recibido polo reitor, Xosé Luís Armesto. Logo de asinar no Libro de Honra da Universidade, reitor e alcalde trataron diversos temas de actualidade universitaria dos que deron conta, posteriormente nunha comparecencia ante os medios de comunicación.

Nun contexto de dificultades económicas para a Universidade da Coruña, Xulio Ferreiro destacou a consideración de “valor para a cidade” que ten a UDC e reivindicou “a necesidade de servizos públicos de calidade que teñen que estar garantidos con fondos públicos”. Así mesmo, o reitor sumouse á reivindicación dun financiamento estrutural público suficiente para cubrir o funcionamento da Universidade. “E debe haber un financiamento para mellorar as cousas dentro da cooperación intelixente que fará ao Sistema Universitario Galego un referente para o país”, engadiu Armesto.

O reitor, ademais, manifestou a súa satisfacción por recibir na Reitoría ao alcalde da Coruña que é tamén un membro da súa comunidade universitaria. Subliñou a relevancia de ter unha boa relación institucional entre a Universidade e o Concello porque “as persoas mudan e as institucións permanecen.
R.