Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Manuel María será el escritor homenajeado en el Día das Letras Galegas 2016

Nota de prensa de la Real Academia Galega (RAG):

O poeta Manuel María, autor dunha extensa obra e expoñente do activismo político, representa a conciencia e o compromiso inquebrantable coa lingua galega. Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador e dramaturgo recoñecido, de extensa obra e inquebrantable compromiso coa lingua galega.

No ano 1943, Manuel María trasladouse a vivir a Lugo, onde cursou o ensino secundario entre o Instituto Masculino e o colexio dos Maristas. Nesa altura entrou en contacto con personalidades como Uxío Novoneyra, Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero e Aquilino Iglesia Alvariño. Chegado o ano 1949, os seus versos viron por primeira vez a luz na revista de poesía Xistral, fundada por Pimentel. O seu primeiro libro tampouco tardou en chegar: Muiñeiro de brétemas publicouse en 1950, cando o autor contaba só 19 anos, o que o converteu no poeta máis novo que publicaba en galego na posguerra. Este primeiro poemario inaugurou a denominada "Escola da Tebra".

No ano 1951 matricúlase en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Nesta época concibe o libro de poemas Morrendo a cada intre, publicado en 1952, ano no que crea a Editorial Xistral en Lugo. Arredor de 1954 comeza a colaborar na revista Alba. É na casa do director da publicación, Ramón González Alegre, onde coñece a Bernardino Graña e Xosé Luís Méndez Ferrín. Con este último mantería unha forte relación de amizade, que se intensificaría cando os dous exerceron a docencia no colexio Fingoi de Vigo.

No ano 1953 volve a Lugo e un ano despois gaña os Xogos Florais de Ourense e coñece algúns dos máis importantes intelectuais ourensáns: Cuevillas, Antón Tovar ou Vicente Risco. En 1957, acadou o título profesional de Procurador, que o levou a comezar o exercicio da súa profesión en Monforte. En maio de 1959 casou con Saleta Goi García, a muller que o acompañou na maior parte dos seus proxectos e a quen o poeta quixo citar ao longo da súa obra. Con Saleta argallaría a colección Val de Lemos, onde viron a luz poemas de Luz Pozo, Carballo Calero, Pura Vázquez ou Cabanillas. No ano 1970, ambos os dous abriron en Monforte a libraría Xistral, auténtico centro de dinamización cultural da vila.

Nos anos sesenta e setenta, Manuel María atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar a Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evoluciona cara á unha poesía de compromiso social, canalizando unha resposta nacionalista ao franquismo.

No entanto, a carón do traballo intelectual, o poeta manifestou o seu compromiso na militancia política clandestina que culminaría na súa elección como concelleiro no ano 1979.

A partir da década dos oitenta, a súa poesía acada unha expresión máis íntima e humanista e nestes anos escribe e publica talvez o seu máis rico corpus poético. O poeta participa activamente nas actividades de entidades como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega e emprende tamén unha serie de viaxes que o levan a diversas partes de Europa. Nesta época son frecuentes as homenaxes, os premios e os recoñecementos.

En 1998 Manuel María e Saleta trasladan a súa residencia á cidade da Coruña, onde pasa os seus últimos anos e onde manterá unha tertulia no Kirs. Manuel María falece o 8 de setembro de 2004.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Xunta de Galicia congratúlase pola decisión da Real Academia Galega (RAG) de dedicar o Día das Letras 2016 a Manuel María Fernández Teixeiro, e traballa xa na homenaxe que todas as galegas e galegos lle van render ao poeta chairego o vindeiro ano.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere ademais salientar o labor deste sobranceiro poeta lucense en prol da nosa lingua e cultura propias dentro do mundo editorial, concretamente a través da colección Xistral.

Nado en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, a voz poética de Manuel María xorde moi cedo. Con tan só dezanove anos pasa a formar parte do faladoiro lugués do café Méndez Núñez, que reúne a autores xa consolidados nesa época como Luis Pimentel, Aquilino Iglesia Alvariño ou Ramón Piñeiro. Por aqueles anos convértese en editor ao crear, co seu amigo e tamén poeta Ánxel Xohán, a colección Xistral a que, en 1969, pasará a ser unha editorial. Deste período tan produtivo é o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inicia a denominada Escola Tebra.

Dono dunha prolífica obra poética –entre a que cómpre salientar as obras Morrendo a cada intre (1952), Mar Maior (1963), Versos para un país de minifundios (1969) ou A primavera de Venus (1993)–, co paso dos anos Manuel María estendeu a súa creación a outros xéneros como a narrativa, o teatro e mais o ensaio. A súa será sempre unha creación literaria fortemente vinculada ás conviccións políticas que defendeu.

Ao longo dos próximos meses, a Consellería de Cultura e Educación traballará da man coas máximas institucións culturais do país, nomeadamente coa Real Academia Galega e co Consello da Cultura Galega, para elaborar unha programación que contribúa a difusión da figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2016.

Fotografía: Real Academia Galega (RAG)

Más información en: http://galegos.galiciadigital.com/es/manuel-maria-fernandez-teixeiro
R.