PPdeG y PSdeG llegan a un nuevo acuerdo para renovar el Consello de Contas y el consejo de la CRTVG. AGE y BNG critican el pacto bipartidista

O Grupo Popular solicitou na Xunta de Portavoces a convocatoria dunha sesión extraordinaria da comisión para abrir as comparecencias dos candidatos para formar parte do Consello de Administración da Corporación da Radio Televisión de Galicia, renovación de cargos que se sumarán aos pendentes no Valedor do Pobo e no Consello de Contas. A preguntas dos xornalistas, o portavoz popular, Pedro Puy, afirmou que estas renovacións de cargos “poden verse como unha aposta polo cumprimento do Estatuto, polo reforzamento do noso entramado institucional e polo funcionamento ordinario das institucións estatutarias”.
A Xunta de Portavoces tamén aprobou a convocatoria de sendas sesións das comisións 3ª e do Regulamento para o debate e aprobación dos ditames da reforma do Consello de Contas e outras normas para previr a corrupción, así como para a modificación do regulamento do Parlamento, respectivamente.
“Estamos a renovar órganos institucionais, algúns de rango estatutario como o caso do Consello de Contas, de acordo co que sempre se fixo e cumprindo o que marca a normativa como unha forma de reforzar a nosa aposta polas institucións autonómicas”, manifestou Pedro Puy.
O portavoz popular subliñou que “unha das cuestións que se fai nas leis que regulan a elección de membros institucionais é que teñen que ter unha garantía de independencia, xunto con requisitos para entrar nestes organismos”. Así, apuntou que “unha das formas de garantir esa independencia é desvincular a elección dos representantes neses órganos institucionais do que é a duración do mandato representativo”.
Respecto das críticas dos grupos da oposición sobre a suposta falta de transparencia na tramitación das proposicións de lei, Puy cualificou de “sorprendentes” estas afirmacións, xa que todos os grupos parlamentarios participaron tanto na ponencia para a reforma do Consello de Contas como para a modificación do Regulamento da Cámara. En concreto, lembrou que “o grupo de AGE dixo que non estaba de acordo coa reforma do regulamento, mandou un escrito cuns cualificativos chamativos respecto desta reforma e, pese a excluírse do proceso de reforma e non presentar emendas, tivo un representante en todas e cada unha das reunións da ponencia que se celebraron, polo que coñece perfectamente o informe da ponencia”.
Cuestionado sobre o reparto de cargos nos órganos institucionais, Puy explicou que “hai unhas normas de proporcionalidade nas propostas dos candidatos para ocupar estes postos, de acordo co mandato do pobo que elixiu uns grupos e teñen uns representantes no Parlamento”. “Comprendo que os grupos minoritarios podan sentirse excluídos, porque o que sería ideal para eles é que mandaran máis que os maioritarios, pero tamén é certo que hai cuestións nas que a lei pide unhas maiorías que establecen requisitos de proposta e que neste caso, dada a composición da Cámara, afecta aos grupos maioritarios”, engadiu. “Estamos a recuperar unha certa normalidade institucional, porque o que é reprochable é a falta de dilixencia para cubrir determinados postos que levan moito tempo vacantes, porque iso afecta ao funcionamento ordinario das institucións e é un incumprimento do que establecen as normas que establecen as renovación dos cargos institucionais. Facelo tarde é mellor que non facelo”, manifestou.
R.