Manuel Baltar ofrece una gestión de manos abiertas a la oposición en su investidura al frente de la Diputación de Ourense

Manuel Baltar foi elixido presidente da Deputación de Ourense para o cuadrienio político 2015-2019, nunha sesión plenaria que tivo lugar no Salón de Plenos do Pazo Provincial de Ourense na que quedou constituída a nova corporación provincial, que presenta unha renovación do 68 % -a máis importante da historia da institución provincial- con 17 novos deputados e deputadas. Trala constitución da mesa de idade e comprobación de credenciais tomaron posesión os 25 deputados e deputadas, quen procederon á votación resultando elixido presidente Manuel Baltar, con 14 votos a favor (os que integran o grupo do Partido Popular), e obtendo 8 votos José Ignacio Gómez Pérez, candidato á Presidencia polo grupo do PSOE, e 2 votos Gonzalo Pérez Jácome, do grupo de Democracia Ourensana, rexistrándose un voto en branco.
No seu discurso, Manuel Baltar destacou a importancia "de facer máis política para facer máis Ourense" e "defender leal e contundentemente os intereses de Ourense por riba da calquera outros", "un Ourense que forma parte dunha Galicia que será máis forte canto máis fortes sexamos nós". O presidente do goberno provincial avogou por unha nova etapa "de máxima cooperación e participación", afirmando que os grupos da oposición son "grupos de alternativa de goberno" e que esta lexislatura "debe estar marcada pola aposta pola política". Nesta liña, adiantou seu ofrecemento para delegar a un representante dos grupos de alternativa de goberno a presidencia da comisión informativa de Economía e Facenda.
A sesión plenaria contou coa presenza de representantes políticos e institucionais e dos ámbitos empresarial, cultural e social. Entre eles, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro; o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e os ex presidentes da institución provincial José Luis Baltar e Eduardo Olano, así como deputados nacionais e autonómicos.
Relación de deputados e deputadas
PP: José Manuel Baltar Blanco, Rosendo Luís Fernández Fernández, Jorge Pumar Tesouro, José Antonio Feijóo Alonso, Pablo Pérez Pérez, María Consuelo Vispo Seara, Manuel Doval Soto, Antonio Montero Fernández, Plácido Álvarez Dobaño, Monserrat Lama Novoa, Juan Anta Rodríguez, Teresa Cerdeira Valiñas, Ana Villarino Pardo e Miguel Antonio Cid Álvarez.
PSOE: Francisco José Fraga Civeira, Vicente Gómez García, Elvira Lama Fernández, Miguel Bautista Carballo, Isabel Gil Álvarez, José Ignacio Gómez Pérez, Adolfo González Nóvoa e Susana Rodríguez Suárez.
DO: Gonzalo Pérez Jácome e Armando Ojea Bouzo.
BNG: Ramiro Rodríguez Suárez.
DISCURSO DE INVESTIDURA DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE OURENSE
Señoras e señores: comezarei este discurso coa mesma frase que pronunciei hai 1253 días neste mesmo salón cando tomei posesión por primeira vez como presidente do goberno provincial.
Dixen e digo: Son Ourensán e creo en Ourense. Creo de crer e creo de crear, dous verbos básicos no debuxo da provincia ambiciosa na que vos convido a participar.
Ourensán agradecido. Este ourensán, concelleiro en Esgos, que agradece a presenza de todos vostedes e o voto dos que veñen de confiar en min para estes próximos catro anos de responsabilidade e compromiso renovado con esta provincia.
Agradezo á miña formación política por presentarme diante da pasada convocatoria electoral como candidato coñecido a presidir esta institución cun programa de goberno claramente definido e cun cronograma preciso de implantación.
Agradezo a participación dos ourensáns na pasada xornada electoral e, por suposto, agradezo , neste relevante momento da miña vida, o apoio , o afecto e a comprensión da miña familia, meu pai, miña nai, meu irmán, e especialmente a da miña muller María e ás das miñas fillas Elena, Alejandra e Catalina.
Señoras e señores:
É o momento da POLITICA con maiúsculas. Para seguir exercitando a palabra clave neste momento histórico: A COOPERACIÓN.
Cooperación para a recuperación económica, para o fornecemento social e para a solidez institucional, garante da estabilidade e do progreso.
Eu non entendo a política como unha aventura persoal. Eu creo no "nosoutros". En "nós". Sempre en primeira persoa do plural. A política é pensar como mellorar as cousas e melloralas. Pensar e facer o que se pensa.
E facer política en Ourense e para Ourense é un reto que todos, sen excepcións, debemos afrontar xuntos. Unha dinámica obrigada. Un compromiso co noso pobo e coa nosa terra.
Hai ben pouco, menos dun mes, publicaba Alfredo Conde, en La Región, un artigo titulado "Como non vou amar Ourense!" no que dicía que "Ourense segue aí porque alguén o soñou antes ca nós. Ourense está feito da materia dos soños e a min gústame pasear por eles". Unha auténtica declaración de principios do que vimos en chamar OURENSANÍA, un sentimento integrador que non ten límites porque vai máis aló dos 7.273 quilómetros cadrados do territorio provincial.
A política é SUPERACIÓN. A política é AUTOESIXENCIA. E quero citar unha frase de Carlota Meruéndano Padrón, a ourensá, nacida en 1997, que encabezou este ano a lista de mellores cualificacións de bacharelato e selectividade en Ourense. Declarou: "Intento superarme a mí misma, nunca a los demás". Esa é a actitude.
A política está en todo pero non todo é política. E a política hai que explorala, é tamén un escenario no que pódese innovar, no que existe o emprendemento, un territorio onde cabe calquera proposta e no que o debate constitúe o mellor e máis san exercicio. Como propoñer eleccións directas ás deputacións provinciais ou cuestións como as que fixen públicas en materia de participación política cando falei de Democracia Substantiva.
A política importa. Así o reflicte o "Informe sobre la Democracia 2015. Reformulando la política", dirixido por Joaquín Estefanía e Belén Barreiro, presentado pola Fundación Alternativas e no que queda claro que a economía non parece ser suficiente para gañar eleccións. O relevante é a política.
E a política non é so a política local. Non somos illas. Formamos parte dun sistema, dun contexto e dun escenario nacional e internacional con múltiples variables e equilibrios que inflúen nas decisións públicas.
A perspectiva –unha cualidade inherente ao ourensán para entender realidades como Galicia, quizais por contar co punto máis alto da comunidade autónoma –Pena Trevinca con 2.127 metros-, a capacidade predictiva, a intuición política, as alianzas e estratexias non son alleas, senón máis ben constitúen parte fundamental, da dirección dos asuntos públicos. Por iso, por exemplo, temos que estar atentos ao Tratado de Libre Comercio entre a UE e USA, o máis ambicioso que se teña asinado nunca, estancado no Parlamento Europeo.
Por iso temos que ser conscientes de que "o futuro é hoxe". Hai so cinco anos non existía ningunha das empresas máis prometedoras do momento. Por iso temos que interiorizar que o futuro inmediato, os vindeiros anos, están vencellados á tecnoloxía 5G, aumentando a velocidade e o número das conexións por internet ata extremos que hoxe sonan a ciencia ficción. Contará cun xigantesco mercado...en 2020 seis mil cincocentos millóns de persoas usarán móbiles con acceso a internet. Proporcionará unha "súper-conexión".
Por iso non podemos pensar que a situación Grega, a "grecopolítica" como lle chaman algúns, non interfire no modelo produtivo a medio e longo prazo ou nas posibilidades financeiras ou mesmo nos fondos comunitarios do escenario 15-20.
Nun tempo no que os países mesmo cambian os seus modelos produtivos como fixo Israel no seu momento na aposta polo talento e o emprendemento ou como está a facer neste intre Corea do Sur no ámbito tecnolóxico ou o seguinte paso do modelo de crecemento de Perú que non é outro que a industrialización.
Por iso actúamos e actuaremos coñecendo claves e tendencias. Sabendo que a banca abriu a billa da financiación, tendo claro que os gobernos teñen que asumir o seu papel na educación financeira. Contemplar este ano 15 como decisivo para o regreso da actividade, vistos os datos de exportacións e de reactivación do crédito. As pemes, as máis castigadas pola crise, apuntan á recuperación. O Mercado Alternativo Bursátil, creado para facilitala financiación ás empresas de menor tamaño, busca rexurdir.
Cuestións macroeconómicas e micro económicas que temos que ter en conta ao decidir publicamente. Contando con ferramentas clave como veñen sendo, a nivel provincial-comarcal e local de cada un dos 92 concellos da provincia, os informes do Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta ao servizo da provincia que nos axuda a adoptar as mellores decisións públicas posibles. E que aborda xa un amplo estudo da problemática demográfica, sen dúbida a nosa maior preocupación xunto coa de xeración de emprego.
Unha política que tamén debe estar atenta aos debates doctrinais de carácter económico en cuestións como a desigualdade. E mirar con interese e nunca con desprezo propostas como as que nos fai chegar Anthony Atkinson en "Inequality".
Propostas no ámbito da "pre-distribución", máis aló da tarefa redistribuidora do estado de benestar, pois non se formulan en termos de transferencias e impostos senón que teñen que ver con outro tipo de políticas, referidas á de loita contra os monopolios ou a tecnoloxía. E agora case todo o mundo admite que a desigualdade frea o crecemento.
O pensamento, o estudio, a importancia da universidade, esa importante institución que seguirá sendo un aliado estratéxico desta Deputación nos próximos catro anos. Moitas grazas, reitor, pola túa presenza.
Practicamos e defendemos un discurso do territorio, do equilibrio territorial. Pero sen esquecer que o eixo de toda a nosa acción é o cidadán, as persoas, as veciñas e veciños da provincia que teñen dereito a servizos públicos de calidade alí onde residan. As persoas sempre.
Pensamos en clave global pero actuamos en clave de Ourense. Para min a única posible.
E falar de Ourense é falar de futuro. Das inmensas posibilidades dun territorio que ten demostrado capacidade para situarse con fortaleza no ámbito empresarial, económico, social, cultural, turístico...
O Ourense da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. O Ourense de empresarios que fan o AVE a Á Meca, os que fabrican autobuses que circulan por Regent Street ou dos que fan gala do cooperativismo agroalimentario máis potente a nivel nacional.
A "Marca Ourense". Do Ourense da sempre inspiradora e providencial Xeración Nós. A "Marca Ourense" das denominacións de orixe, da pizarra, do noso patrimonio artístico, de creación singulares como o barallete ou o pirandárgallo.
O Ourense da cultura e do pensamento político.
O Ourense de Manzaneda, a Estación de Montaña de Galicia.
O Ourense do Parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño.
O Ourense do Parque Tecnolóxico de Galicia, da Tecnópole, en San Cibrao das Viñas.
O Ourense da Estación de viticultura e enoloxía de Galicia en Leiro.
O Ourense da entrada da alta velocidade en Galicia, o Ourense capital da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Por iso, por Ourense, temos unha folla de ruta: O Plan 15-19. Con 77 medidas que serán realidade moito antes das vindeiras eleccións locais que terán lugar o domingo 26 de maio de 2019. 77 e máis. Máis realidades pioneiras como o Clúster do Viño de Ourense ou con servizos cidadáns como o pagamento de tributos a través do teléfono, cuestión que será unha realidade en días.
E coa colaboración público-privada como bandeira. Así tiven a oportunidade de explicitalo hai cinco días, o pasado xoves, cando me convidaron a clausurar a Asemblea Xeral da Confederación de Empresarios de Ourense, "... porque non chega antes quen vai máis rápido senón quen sabe adonde vai". E de novo atopamos conceptos clave como planificación e previsibilidade, que redundan non so en seguridade xurídica senón en comportamentos e escenarios que me atrevo a denominar de SEGURIDADE INSTITUCIONAL ou, mellor dito, de SEGURIDADE DEMOCRÁTICA.
E nesta institución, na Deputación, asumimos como propia a defensa dos intereses de Ourense por riba de calquera outros. E seguiremos reivindicando ante os outros gobernos o que en xustiza lle corresponde á nos aterra. Con total lealdade mais tamén con absoluta contundencia.
E no modelo estatal de administracións territoriais figuran como grandes aliados das deputacións os concellos. Sen dúbida somos a administración provincial a máis achegada aos concellos. E os concellos a máis achegada aos cidadáns. Afondemos nesa proximidade con eficiencia, determinación e resolución.
Porque os concellos garanten máis que nunca a estabilidade de España e son motores da súa cohesión. E é que os resultados do conxunto da administración local sitúana como o alumno avantaxado dos entes territoriais. Trátase dunha evidencia: o esforzo local serviu para melloralos resultados finais do conxunto das administracións e axustalos aos obxectivos fixados pola Unión Europea.
E o pasado 24 de maio os cidadáns en España elixiron a 67.640 concelleiros e 8.122 alcaldes, abrindo unha etapa decisiva no municipalismo español que vai ver como no XI Pleno da FEMP dos días 18 e 19 de setembro elixiranse a Xunta de Goberno e o Consello Territorial.
Un municipalismo no que a Deputación de Ourense xa xoga un importante papel coa súa presenza actual no núcleo duro de organizacións como a Fundación Democracia e Goberno Local e a Asociación de concellos con centrais hidroeléctricas ou a futura participación en Partenalia, a Asociación Europea de Gobernos Locais Intermedios.
Un municipalismo que evoluciona non so en España senón en Europa e temos, dende Ourense, que estar atentos a esas novas experiencias.
Como, por exemplo, modelos de éxito como o MODELO TILBURG DE ADMINISTRACIÓN MUNICIPAL (165.000 HABITANTES, PAISES BAIXOS), método de traballo similar ao das empresas constituídas por unha sociedade principal e departamentos e no que os departamentos funcionan como empresas públicas que venden produtos claramente definidos.
Señoras e señores: somos a Deputación, a corporación e o goberno provincial. E temos amosado capacidade de transformación para contribuír á transformación da provincia. Un goberno rigoroso, medioambiental, cooperador e transparente. E non o dicimos nós. O din os datos. Como o do incremento dos orzamentos todos estes anos no contexto de crise económica máis acusada dos case corenta anos de democracia.
Como o da redución espectacular do endebedamento, pasando do 116 % ao 34 % na actualidade, rexistrando en 2014 o remanente de tesourería máis alto da historia da institución e que superou os 25 millóns de euros. Como o papel que desempeñamos en materia medioambiental en cuestións como a Rede de concellos pola sostibilidade ou servizos como o de recollida de lixo en máis da metade dos da provincia, sen dúbida un referente nacional de xestión.
O terceiro dos 45 gobernos provinciais máis transparente de España segundo Transparencia Internacional. O primeiro en contar cun código ético, o primeiro en aprobar unha ordenanza de transparencia, o primeiro en retransmitir os plenos, as aperturas de plicas nas mesas de contratación, os sorteos dos membros dos tribunais nas probas de acceso ao emprego público, e o primeiro en utilizar ferramentas de xestión pública tan innovadoras como a vídeo-acta.
Contamos coa carta de servizos máis completa do Estado a nivel provincial, as ordenanzas de subvencións e contratación máis vangardistas, o consello de publicacións..., quizais por todo elo tamén promovemos e organizamos a primeira Conferencia nacional de Presidentes de gobernos provinciais de España.
Nun tempo no que tamén celebramos o primeiro debate sobre o estado da provincia, un Ourense que conta xa tamén cun himno propio da man da obra de Manuel De Dios, medalla de Ouro da provincia, "Ourense no solpor".
Un tempo no que os servizos públicos da Deputación son máis coñecidos e mellor valorados. Onde nos ocupamos de cuestións tan importantes como os servizos sociais municipais, co Plan BenOurense, que proba que somos, das de Galicia, a Deputación que máis inviste porcentualmente nos seus orzamentos en cuestións sociais.
Unha traxectoria que fala moito e ben dos profesionais desta administración que souberon interpretar perfectamente as directrices políticas establecidas. A maior profesionalización do persoal desta Deputación , así como unha profunda revisión da relación de postos de traballo fará que o labor desta institución mellore en eficacia, en eficiencia e en calidade.
Neste tempo o papel das deputacións fortaleceuse como elemento imprescindible na xestión e coordinación dos servizos a implementar nas provincias. As deputacións son e serán sinónimo de vertebración e cohesión territorial. Así se puxo de manifesto nas xornadas anuais que vimos organizando sobre o funcionamento e posibilidades das administracións provinciais que empezamos chamando "O futuro das deputacións" e que xa anuncio na edición de 2016 falaremos "das deputacións do futuro".
Unha Deputación que elabora a súa propia estratexia de desenvolvemento urbano sostible na que incluímos ao concello da capital para conseguir da Unión Europea a materialización dos catro grandes proxectos que tiven a oportunidade de expoñer en Bruxelas o pasado decembro: O Plan Termal, a Axencia Provincial da Enerxía e do Medio Ambiente, o Plan de Competitividade Empresarial e o Plan de Administración Electrónica ou Provincia Intelixente.
Señoras e señores. O futuro está sendo. Estamos nese futuro. Nese Plan 15-19 que contempla a primeira plataforma provincial de participación cidadán. Nese Plan 15-19 que verá realizados plans de emprego e de apoio á natalidade. Plans para os que contarei coas aportacións que se fagan chegar dende tódolos grupos políticos dende xa.
Tamén para os orzamentos de 2016 que aprobaremos nesta sala o vindeiro 25 de setembro, dentro de 73 días.
Antes, o cinco de setembro, celebrarase o primeiro cumio de alcaldes e alcaldesas da provincia, que terei a oportunidade de convocar en breve.
Para todo elo estou seguro de contar co apoio do grupo de goberno. Pero tamén pido do resto dos grupos todas as aportacións posibles que melloren a nosa visión co compromiso de estudialas con todo o interese porque poden contribuír a enriquecer todas as propostas. Eu non vexo ao resto dos grupos como grupos da oposición. Os contemplo como grupos da alternativa de goberno. E para seren alternativa teñen que ter capacidade propositiva dabondo. Por iso creo na política e esta lexislatura debe estar marcada por esa aposta pola política. Máis política para facer máis Ourense.
Quero que sexa unha etapa de goberno de máxima colaboración e participación, que exista a crítica que nos sirva a todos para construír. Unha nova etapa na que dou a benvida aos 17 novas deputadas e novos deputados que chegan a esta cámara de representación política, sen dúbida a renovación máis grande da Historia desta corporación, un 68 % .
Unha nova etapa con nova organización, novo goberno, máis redárquica, novo funcionamento, nova denominación das comisións informativas e na que non terei inconveniente en delegar a presidencia na correspondente á de economía e facenda a un representante dos grupos da alternativa ao goberno.
Ese é o meu compromiso: transparencia, colaboración e máxima participación. Mans abertas para xuntalas fortemente entre todos e defender contundentemente unha visión integral da provincia de Ourense e dos seus intereses.
Un Ourense que forma parte dunha Galicia que será máis forte canto máis fortes sexamos nós.
Un Ourense creativo que conxugue o respecto ás nosas tradicións e ao noso patrimonio material e inmaterial coa puxanza das vangardas como fixemos nesa Ourense ICC Week que converteu a esta provincia en capital nacional da creatividade e últimas tendencias nas máis diversas disciplinas artísticas.
Un Ourense traballador que sexa capaz de xerar postos de traballo pero tamén de ser referente no ámbito do emprendemento como se puxo de releve na recente xornada que esta Deputación co-organizou con Start Up Spain.
Un Ourense emigrante que sempre pensará cada cuestión que faga sen esquecer aos que marcharon desta terra e crearon riqueza noutras latitudes sen deixar nunca de ser os mellores embaixadores da nosa provincia. Velaí a razón do futuro Museo Galego da Emigración. Un Ourense identitario, con forza de seu, coa Ourensanía por bandeira, que homenaxeará ao seu gran símbolo que non é outro que a Roda de Afiar co Museo que poremos en marcha en colaboración con Florencio de Arboiro. Esa roda dos afiadores que representaban á perfección esas tres características deste noso gran pobo: traballador, creativo e emigrante.
Señoras e señores: hoxe é 14 de xullo, día da Festa Nacional en Francia. Aniversario da Toma de la Bastilla, acontecemento considerado o punto de inicio da Revolución Francesa (1789). Un momento histórico no que xurdiu a Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán que serve de base a tódalas posteriores dos séculos XIX e XX. Na que se inspira a Constitución Española de 1978 que outorga ás Deputacións o importante papel que desenvolven e que temos que protagonizar os 25 deputados e deputadas que hoxe tomamos aquí posesión para traballar por Ourense nos vindeiros 48 meses.
Neste ano 2015, no que Ramón Piñeiro cumpriría 100 anos. Ese Ramón Piñeiro que dicía: "Somos galegos por Nación, españois por historia e europeos por cultura".
Permítanme, para finalizar, que lembre hoxe aquí as verbas, perfectamente pronunciables hoxe, increíblemente actuais, publicadas por Antón Losada Diéguez, o xenio de Moldes (Boborás), no seu artigo "Conversa" do número de A Nosa Terra do Día de Galicia de 1926 (cumpriranse, dentro de once días, 89 anos):
"Cómpre decatarse fondamente de que rematou unha época, e estamos vivindo outra ben diferente. Non se pode esperar unha volta ao que foi, porque non pode vir endexamais un tempo igual a outro tempo. Camiñar coa Historia é camiñar coa vida, e a fecundidade da Tradición, e o espírito da Patria está nese avantar de cada día e de cada hora.
Non preguntedes a cada un polo seu camiño, falade con el, aledádevos con el, mais non lle preguntedes ¿que fas? Si ides cara a mesma ermida, xunto ao altar vos atoparedes".
Moitas grazas. Son ourensán e creo en Ourense. Creamos e creemos todos en Ourense.
Dixen.
Comeza o novo cuadrienio político da décima lexislatura democrática da corporación provincial de Ourense.
Levántase a sesión.
Fotografía: http://www.depourense.es/index.php/es/actualidad/1223-manuel-baltar-elixido-presidente-da-deputacion-de-ourense-para-o-cuadrienio-politico-2015-2019
R.