El Consello de Contas de Galicia alerta del elevado endeudamiento de la Xunta y de posibles problemas de sostenibilidad financiera

A Consellería de Facenda lembra que Galicia é a comunidade autónoma que menos incrementou o seu endebedamento dende 2008, tal como confirman os últimos datos oficiais do Banco de España. Polo tanto, estes datos ratifican que Galicia segue sendo a comunidade de referencia no control do endebedamento.
A ratio de débeda da Administración galega xa é 4,5 puntos inferior á media das comunidades autónomas, e tendo en conta as empresas públicas o diferencial amplíase ata os 4,9 puntos. Trátase precisamente do maior diferencial positivo da historia da Autonomía, mentres que en 2008 dábase a situación contraria: Galicia tiña máis débeda que a media.
O propio Consello de Contas vén recoñecendo nos seus últimos informes que Galicia ten un endebedamento inferior ao conxunto das autonomías, e que a Xunta está a cumprir os límites de débeda que aproba o Estado para cada comunidade. De feito, Galicia foi unha das catro comunidades que en 2014 cumpriu os límites de débeda, déficit e regra de gasto.
Neste sentido, a Xunta vai seguir cumprindo estes límites, e na medida en que estes límites tenderán a reducirse nos vindeiros anos, isto permitirá tamén ir diminuíndo o endebedamento da Comunidade galega. Cómpre lembrar que a ratio de débeda/PIB de Galicia reduciuse no primeiro trimestre do ano ata o 18,0%, mentres que no total das comunidades autónomas aumentou ata o 22,5%. Ademais, a Comunidade galega foi tamén a comunidade de réxime común onde menos creceu a débeda durante o ano 2014.
A xestión da Xunta de Galicia tamén está avalada pola Autoridad Independiente de Responsabilidad Fiscal (AIREF), que a pasada semana situou a Galicia entre as comunidades que poden cumprir o límite de déficit neste 2015. Pola contra, advertiu de que once autonomías incumprirán o obxectivo do 0,7% fixado para este exercicio. A AIREF tamén remarca que o endebedamento das comunidades irá diminuíndo nos vindeiros anos.
Ademais, as axencias de cualificación outorgan a Galicia un rating de débeda superior ao do Estado, pero Standard&Poor´s e Moody’s non permiten que unha comunidade autónoma -agás as forais- teñan unha cualificación superior á do Estado soberano ao que pertence. As dúas axencias tamén destacaron nos últimos meses o rigor orzamentario da Comunidade galega e o feito de que, por exemplo, estea entre as administracións que mellor paga aos seus provedores.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
O portavoz de Facenda do Grupo Socialista, Juan Carlos González Santín, sinalou que o goberno galego ten superado os 9.000 millóns de euros de débeda en 2014, un 121% mais que cando Feijóo chegou ao goberno. Así o confirma o informe de fiscalización do Consello de Contas do ano 2014, que foi presentado en Comisión parlamentaria.
O responsable socialista alertou de que a débeda pública do goberno galego suporá para este ano o 16,3 por cento do PIB, moi preto do límite máximo permitido polo Ministerio de Facenda, do 16,4 por cento. Esta dramática situación financeira coincide cun aumento dun 11,82 por cento nos salarios de persoal eventual, que supoñen 12 millóns de euros anuais e xa duplican a tódolos altos cargos do goberno galego. Mentres, o goberno galego continúa precarizando ao persoal de sanidade, eliminando 882 funcionarios mentres aumenta o persoal interino e eventual. Ao mesmo tempo deixa sen executar 550 millóns de euros dos investimentos previstos, retirándolle ás empresas 242 dos 423 millóns de gastos previstos, outros 58 ás ONGs e 56 ás corporacións locais.
González Santín sinalou ademais a crítica do Consello de Contas contra o elevado recurso ás modificacións orzamentarias por parte do goberno galego, que pasou de alterar 950 millóns en 2013 ata 1.211 en 2014, un 27 por cento mais e que supoñen o 12 por cento do orzamento. Ademais, estas alteracións, dixo, continúan prexudicando a partidas como I+D, educación ou protección social, xa castigadas pola precariedade imposta por Feijóo.
O responsable socialista considerou “incomprensible” que o goberno galego continúe sen atender ás recomendacións do Consello de Contas e manteña a 34 entidades cunha fiscalidade opaca, sen render contas diante do ente fiscalizador, e continúan sen incorporar ás fundacións de investigación dos centros hospitalarios do Sergas. Advertiu ademais do baixo nivel de execución dos fondos procedentes da UE, que pon en perigo a súa continuidade, unido a unha palmaria “falla de control dos fondos por parte da Xunta”.
Sinalou finalmente que os concellos mais endebedados de Galicia, sinalados polo Consello de Contas, son na súa maioría xestionados polo PP, como é o caso de A Coruña, a única de mais de 50.000 habitantes que aumentou o endebedamento, así como Lalín, Cangas ou Ribeira entre os do tramo de 20 a 50.000 habitantes, ou A Illa e Moaña, entre 10 e 20.000.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, salientou que o Informe de fiscalización do Consello de Contas respecto dos orzamentos do sector público de Galicia de 2013 pon de manifesto o incremento das partidas destinadas a gasto social nun orzamento que decae no seu conxunto un 4 por cento. “A estabilidade orzamentaria está garantida e Galicia presenta unha carga financeira pola débeda pública que cumpre o establecido na LOFCA e está 3,7 puntos por baixo da media das comunidades autónomas no 2013”, sinalou.
En primeiro lugar, Puy felicitou ao Consello de Contas, “que está a traballar nunhas circunstancias anómalas, con so tres conselleiros que están a realizar unha labor digna de todo eloxio”. “Presentan excelentes informes obxectivos, que analizan a situación e fan propostas de mellora”, engadiu.
Neste sentido, criticou a quen fai “eloxios aos informes, pero presenta dúbidas sobre quen os emite”. Considerou esta situación como “unha incongruencia, tanto como criticar pactos ocultos para redactar unha lei que ten lugar en ponencia pública e comisión o mesmo día que se están pactando deputacións entre forzas políticas para desprazar á máis votada na dirección destes organismos”.
O portavoz popular destacou que “a estabilidade orzamentaria está garantida, logo de que o déficit de 2013 se situara no 1,13 por cento, cumprindo o obxectivo marcado para as comunidades autónomas do 1,20; ao tempo que o endebedamento neto foi de 874 millóns de euros, dentro dos límites orzamentarios”, indicou Puy.
“Pensei que o grupo de AGE ía felicitar ao Goberno por non ter aceptado nos últimos exercicios orzamentarios a emenda que sistematicamente presenta para que a débeda pública se incremente 200 ou 300 millóns de euros, porque iso permitiu cumprir a lei e manter por baixo da media das comunidades autónomas o endebedamento total”, indicou.
Pedro Puy explicou que o Consello de Contas indica no seu informe que a Conta Xeral da Xunta “reflicte razoablemente a actividade económica e financeira do ano 2013, o que quere dicir que a Administración galega rende as contas con informes adecuados á realidade”. Salientou que a execución orzamentaria se sitúe no 93,21 por cento, mellorando o 90,6 do ano 2012.
“Os ingresos tributarios se incrementaron un 3,57 por cento sobre a previsión orzamentaria e os dereitos recoñecidos netos e a execución se incrementaron ata o 106 por cento do que estaba previsto nos orzamentos, o que quere dicir que se ingresou máis e se executou máis do que estaba nos orzamentos”, indicou.
Así mesmo, Puy subliñou que os investimentos pasaron dun 66 a un 76 por cento de execución, mentres que as transferencias de capital se manteñen constantes: do 67 ao 68 por cento. “Hai unha execución do orzamento mellor, especialmente do capítulo de investimentos”, engadiu.
Un dos aspectos máis salientables é o gasto en políticas sociais, que se sitúa no 74,6 por cento do orzamento, con partidas como os comedores escolares que medran 7,75 millóns de euros. “Os servizos directos de carácter social que presta a Administración soben un total do 2,6 por cento, dentro dun orzamento que decae no seu conxunto un 4 por cento”, sinalou.
O portavoz popular tamén se referiu ao gasto en sanidade: 3.419 millóns de euros, dos que unha terceira parte foi para gasto farmacéutico. “Esta cifra supón un 1,6 por cento máis que no ano anterior e un 8,2 por cento máis do que estaba previsto, que se cubriu co fondo de continxencia e co endebedamento”, explicou.
“Nun escenario de crise e restrición orzamentaria, que se incremente o peso do gasto sanitario desminte o mito de que cada vez destinamos menos á sanidade pública”, subliñou. Ademais, dixo que mentres sube o gasto sanitario, “o que cae significativamente son os gastos relacionados cos concertos sanitarios, que se reducen un 9 por cento respecto a 2012 e desfai o argumento repetido de que se está a desmantelar o público para darlle máis cartos ás privadas”.
Respecto do gasto desprazado, Puy sinalou que “Galicia está a actuar con total transparencia, xa que rexistra todas estas operacións e as inclúe nunha conta específica”. Deste xeito, apuntou que o Consello de Contas considera que o pasado ano se desprazaron 285 millóns de euros, o que supón un descenso do 18 por cento respecto de 2012 e do 49 por cento sobre 2011.
Pedro Puy tamén fixo referencia aos datos de aforro corrente que figuran no informe do Consello de Contas: 74 millóns de euros no 2013, mentres que no 2012 rexistrouse un saldo negativo de 171 millóns de euros. “Esta recuperación do aforro corrente da unha pauta da mellora das contas da comunidade autónoma”, dixo.
Para concluír, o portavoz popular agradeceulle ao conselleiro maior en funcións, Xesús Palmou, a súa intensa dedicación ao servizo público, particularmente a desenvolvida durante os últimos anos no Consello de Contas, lembrando que “con informes como os presentados hoxe non só se demostra a apariencia de honestidade senón tamén o feito de que se é honesto no traballo público”.
R.