Dositeo Rodríguez aplaza la decisión sobre su dimisión en el Consello de Contas. La Xunta niega que Galicia esté sobrefinanciada

Galicia traballará conxuntamente co Land de Sajonia-Anthalt para obter fondos comunitarios dedicados a combatir a crise demográfica, que será precisamente unha prioridade do Plan Estratéxico 2015-2020. Este asunto foi abordado durante a constitución do comité asesor do referido Plan, reunión que estivo presidida polo titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
O comité asesor está conformado por 12 persoas de recoñecido prestixio no eido da empresa, a innovación, os recursos humanos, a universidade e as políticas públicas. Os membros deste organismo farán as súas achegas para definir as prioridades de actuación, e realizarán un seguimento da evolución do plan.
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e o representante do ‘Land’ de Sajonia-Anhalt ante o Goberno Federal de Alemaña, Michael Schneider, explicaron hoxe que ambos territorios farán presión para poder dedicar á loita contra a crise demográfica unha parte dos fondos estruturais do novo período comunitario 2014-2020.
Neste sentido, o conselleiro advertiu de que a demografía é “un problema común” en moitas rexións europeas, incluído o ‘Land’ de Sajonia-Anhalt. Este é un dos 16 estados federados de Alemaña, conta cunhas características poboacionais similares ás de Galicia e experimentou nos últimos anos unha evolución económica moi positiva.
Ademais, o titular de Facenda explicou que a constitución do comité asesor permite completar a fase inicial de elaboración do Plan Estratéxico 2015-2020. De feito, a Xunta xa puxo en marcha os primeiros foros e mesas especializadas para recibir as achegas de toda a sociedade civil galega, así como unha páxina web específica (www.planestratexico.gal).
O comité contará tamén co asesoramento de representantes de compañías punteiras, tanto en Galicia como no resto de España e no estranxeiro, expertos de acreditada traxectoria académica e investigadora na Universidade, especialmente no eido económico. A configuración do comité asesor do Plan Estratéxico 2015-2020 complétase coa presenza do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez; e co director xeral de Planificación e Orzamentos da Xunta, Miguel Corgos.
O comité asesor está conformado por:
-ANTONIO ABRIL, secretario xeral e do consello de administración de Inditex, e presidente do Consello Social da Universidade da Coruña.
-JOSÉ LUIS VÁZQUEZ, foi director de Banca e Servizos Financeiros de Arthur Andersen, e membro independente dos consellos de Administración de Banco Pastor ou Inditex.
-ROSA GARCÍA PIÑEIRO, foi elixida en febreiro de 2014 presidenta de Alcoa España. É enxeñeira industrial e acaba de ser nomeada directora global de Sustentabilidade de Alcoa.
-FRANCISCO PUGA, presidente de Delta Vigo, compañía especializada en enxeñería e deseño para sectores como automoción, aeronáutica ou espacial.
-ROBERTO TOJEIRO, presidente e conselleiro-delegado de Gadisa. Presidente de Honor da Asociación Galega da Empresa Familiar.
-MANUEL GOMEZ-FRANQUEIRA, presidente do Grupo Coren. Asumiu a dirección xeral do grupo en 1984 e dende 2011 ocupa a presidencia do grupo.
-ÁNGEL PRADO, enxeñeiro especialista en seguridade informática, é responsable de seguridade da compañía TIC Salesforce.
-JOSÉ MARÍA ARIAS, presidente da Fundación Barrié de la Maza e do Consello Social da Universidade de Santiago. Presidente de APD-Zona Noroeste.
-ANTÓN COSTAS, catedrático de Economía Aplicada da Universidad de Barcelona e presidente do Círculo de Economía.
-SANTIAGO LAGO, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo e director de Governance and Economics Research Network (GEN). É director do Foro Económico de Galicia.
-LUIS CARAMÉS, catedrático de Facenda Pública da Universidade de Santiago de Compostela.
-MICHAEL SCHNEIDER, representante do ‘Land’ de Sajonia-Anhalt ante o Goberno Federal de Alemaña.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.