Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

La conselleira de Medio Rural de la Xunta comparecerá en el pleno autonómico extraordinario para hablar del sector lácteo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del BNG:

O PP impuxo a súa maioría para vetar a comparecencia do presidente da Xunta para explicar as medidas do goberno galego ante a situación crítica do sector leiteiro e a celebración dun pleno para abordar a creación dunha comisión de investigación do accidente de Angrois, mentres as vítimas seguen a reclamar responsabilidades políticas dous anos despois da traxedia.

A deputada nacionalista Tereixa Paz subliñou durante o debate na Deputación permanente da Cámara que hai 3.000 explotacións leiteiras en risco de desaparición ante a extorsión da industria e das cadeas de distribución, que impoñen prezos por debaixo de custe e moi por debaixo doutros territorios.

“Andalucía, Extremadura ou Castela-La Mancha aumentan espectacularmente a súa produción de leite mentres aquí non nos deixan producir, e iso pese a ser territorios con menores aptitudes, ao que se suma o feito de que os seus produtores cobran moito máis polo leite cos e cas gandeiras galegas”, denunciou Paz, o que proba que “non se trata dun problema de mercado”.

Neste contexto, alegou a deputada, “pregúntolle ao presidente da Xunta senón lle preocupa que esteamos ante unha estratexia de deslocalización da produción de leite para centralizala nos lugares máis próximos á comercialización, que nos deixen a nós a produción marxinal e que Galiza acabe condenada a ser o low-cost da produción de leite no Estado español”.

Paz denunciou o total descrédito da conselleira Rosa Quintana, como quedou de manifesto no recente “plantón” da industria, unha “fraqueza” da Xunta consecuencia “de ter desertado” da defensa do sector. Nas antípodas, o goberno francés é capaz de “coller das orellas á distribución” e impedirlle que utilicen o leite como reclamo comercial, “pero aquí o PP non pode porque seguramente é o PP quen está collido polas orellas da caixa B”, ironizou a deputada.

O PP, ademais de impedir a comparecencia de Feijóo para explicar a estratexia da Xunta en defensa do sector leiteiro, tamén vetou debater en pleno a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois, tal como seguen a reclamar as vítimas dous anos despois da traxedia sen que se tivesen asumido responsabilidades políticas.

“As vítimas non se merecen que o 24 de xullo pase á historia como o aniversario da impunidade”, subliñou o portavoz parlamentario Francisco Jorquera, quen instou aos responsables do PP a “acudir á manifestación convocada na praza do Obradoiro e explicarlles ás vítimas que considera inmoral a creación desa comisión de investigación”.

O BNG lembrou que a investigación xudicial leva case un ano parada, “entre outras cousas pola táctica obstrucionista dos responsábeis de Renfe e ADIF”, mentres lonxe de producirse dimisións políticas “algúns, para humillación das vítimas, mesmo foron premiados”, lamentou Jorquera.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O Grupo Popular anunciou na Deputación Permanente que a solicitude de comparecencia da conselleira do Medio Rural e do Mar para falar da situación do sector lácteo será incorporada á orde do día do Pleno Extraordinario que vai solicitar o Goberno galego e que tamén incluirá a aprobación do teito de gasto. Así mesmo, os deputados populares reiteraron que o Parlamento galego carece de competencias en materia ferroviaria para rexeitar a constitución dunha Comisión de Investigación sobre o accidente de Angrois.

A portavoz do Medio Rural, Isabel García Pacín, recoñeceu que a situación actual do sector leiteiro “pódese cualificar de complicada, difícil e con incertidume cara ao seu futuro”. “Estamos nun escenario de transición no que o sector produtor e a industria están obrigados a entenderse”, engadiu.

Neste sentido, García Pacín salientou que “tanto o o Ministerio como a Consellería, as deputacións e os concellos actúan con axilidade e rigor dentro das súas responsabilidades”, lembrando as diversas reunións e negociacións realizadas cos axentes do sector.

García Pacín acusou aos grupos da oposición de “intentar manipular e falsificar os datos” e explicou que “as nosas explotacións están producindo por enriba das cotas de anteriores campañas pero non existe falta de recollida”.

Respecto da solicitude de convocatoria dun Pleno Extraordinario para a creación dunha comisión de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois, o portavoz popular de Infraestruturas, Alejandro Gómez Alonso, reiterou que “este Parlamento no é o competente para levar a cabo esa investigación porque non ten competencia en materia ferroviaria nin na súa seguridade”. “O competente segundo a lexislación vixente é o Ministerio de Fomento e para averiguar as causas do accidente xa existe o informe elaborado pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF)”, indicou Gómez Alonso.

Na súa intervención, o portavoz popular amosou “a nosa solidariedade coas vítimas” e sinalou que “queremos que se investiguen e se depuren as responsabilidades e as causas deste terrible accidente que marcou a historia de Galicia para que non se volva repetir nunca máis”.

Por último, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou que “en Galicia, segundo todas as cifras oficiais, estamos significativamente mellor que a media de España en relación co risco de pobreza e a exclusión social, e mesmo na evolución dos ingresos medios por persoa nos últimos anos”.

Así mesmo, a nivel social subliñou a posta en marcha do Plan social contra a pobreza, a bonificación dos medicamentos, os convenios con entidades financeiras para seguir pelexando para solucionar os desafiuzamentos das familias máis febles ou o incremento das axudas do cheque escolar. “Non se pecharon centros de saúde no rural, máis ben se construíron novas instalacións, ao tempo que os hospitais comarcais ampliaron a súa carteira de servizos nos últimos anos”, engadiu.

Fotografía: Carlos Rodríguez Arias.
R.