Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Feijóo asegura que la renovación no se cierra con la remodelación de su Gobierno, sino que la extiende al debate sobre el Estado de la Autonomía y al de los presupuestos gallegos para 2016

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asistiu ao acto de toma de posesión das novas conselleiras e conselleiros do seu Goberno. A renovación na Xunta supón un novo impulso social, económico e territorial para abordar o novo contexto de crecemento.

Ademais da aposta polos servizos públicos, refórzanse os ámbitos rural e marítimo para que a recuperación poida chegar a todos os sectores e ámbitos poboacionais; así como o medio ambiente e a ordenación do territorio para que esta sexa sostible. Así mesmo, lígase o emprego á promoción económica e á innovación industrial.

A remodelación supón unha maior presenza do ámbito social no Goberno coa creación dunha Consellería de Política Social, na que estará ao fronte José Manuel Rey Varela. Así mesmo, Jesús Vázquez Almuíña será o novo conselleiro de Sanidade.

Por outra banda, esta remodelación supón redobrar esforzos no sector primario. Ángeles Vázquez Mejuto será conselleira do Medio Rural e Rosa Quintana Carballo a conselleira do Mar.

Este cambio de Goberno tamén reforza o ámbito da ordenación do territorio coa creación dunha Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio que estará ocupada por Beatriz Mato Otero.

O impulso desta renovación é tamén económico. Créase a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na que será conselleira Ethel Vázquez e as competencias de traballo pasan a formar parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria con Francisco Conde como conselleiro.
Os novos membros do Goberno tomarán posesión do cargo mañá luns no Pazo de Raxoi ás 9.30 horas.

Jesús Vázquez Almuíña naceu en Baiona en 1962. É licenciado en Medicina e Cirurxía Xeral pola Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. É especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, experto universitario en Admisión e Documentación Clínica pola Universidade Complutense de Madrid e ten un Máster en Dereito Sanitario pola Universidade da Coruña. É alcalde de Baiona desde 2004 e deputado provincial en Pontevedra desde 2003. Foi director provincial do Sergas de Pontevedra; director-xerente do Hospital Meixoeiro; coordinador do servizo de Admisión, Documentación Clínica e Atención ao Paciente do Hospital Meixoeiro de Vigo; e médico do Servizo de Admisión do mesmo hospital. Con anterioridade, foi coordinador dos servizos de arquivo e Documentación Clínica e Atención ao Paciente en Povisa; xefe do Servizo de Recepción e Xestión de Pacientes no mesmo centro e médico no servizo de Urxencias. Tamén exerceu como médico de Medicina Familiar e Comunitaria na Unidade Docente de Segovia.

José Manuel Rey Varela naceu en Ferrol en 1975. É licenciado en Dereito pola Universidad Complutense de Madrid e especialista en Liderado e Xestión Pública polo IESE Business School. Actualmente, é presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e concelleiro no Concello de Ferrol. Entre os anos 2011 e 2015, exerceu como alcalde de Ferrol, municipio no que é edil desde 2002 e onde tamén foi concelleiro de Facenda, Patrimonio, Emprego e Xuventude entre 2003 e 2007. Tamén foi deputado provincial en A Coruña entre os anos 2007 e 2011. Así mesmo, foi presidente do Consello da Xuventude de Ferrol e de tesoureiro do Consello da Xuventude de Galicia.

Ángeles Vázquez Mejuto naceu en Melide en 1972. Acadou a Licenciatura en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade en Xeografía Aplicada. Así mesmo, é técnica en Información e cultura. É alcaldesa de Melide desde o ano 2011 ata a actualidade, cargo que tamén ocupou entre os anos 2004 e 2007. No ámbito municipal, previamente ás súas responsabilidades como rexedora, foi concelleira de Cultura, Deportes e Medios de comunicación. Tamén foi deputada provincial en A Coruña entre 2007 e 2009 e, posteriormente, deputada no Congreso dos Deputados por esa mesma provincia. Na súa traxectoria profesional tamén ten experiencia xornalística, como directora da radio municipal melidense e como correspondente en medios de comunicación.

Discurso do presidente da Xunta no acto de toma de posesión:

Hai algo máis de seis anos, comparecín nesta mesma sala, acompañado tamén por dez persoas. Dez mulleres e homes que, xunto a min, asumían o reto de gobernar Galicia nun dos momentos máis difíciles que tivemos que afrontar como pobo, toda vez que a crise económica comezaba a desgarrar os sonos de moitas galegas e galegos.

Xunto a eles, entre todos, estabamos obrigados a avanzar afondando na máxima eficiencia, na blindaxe dos servizos públicos e na busca dun camiño que nos permitira encarar a recuperación económica. Seu, pero sobre todo das galegas e galegos, é o mérito de que hoxe podemos volver estar aquí, pero nun momento, nun contexto, diferente.

Dicimos con frecuencia que o comezo da recuperación económica se pode medir en números, nos que poñen en valor o descenso do desemprego, o crecemento económico, o aumento das exportacións, o mellor comportamento industrial ou o permanente control do déficit e da débeda.

Pero tamén dicimos con frecuencia que detrás desas estatísticas están persoas. Galegas e galegos que cada día dan o mellor de si mesmos para conseguilas. Desde todos os sectores. Desde todos os lugares. E tamén desde as responsabilidades públicas, e desde o Goberno galego.

Desde hoxe, a esa lista de mulleres e homes comprometidos co servizo público súmanse catro nomes máis. Pero permítanme que antes de falar do quen, lles explique os porqués, ou os para ques desta renovación do Goberno galego que acabamos de materializar.

O porqué deste cambio radica nun novo contexto en Galicia, que esixe novas políticas, novas actitudes e novos equipos. Un novo contexto ao que temos que responder intensificando a acción política en diferentes eixos.

En primeiro lugar, no eixo social, porque aínda que a crise comeza a ser pasado para algunhas persoas, aínda non é cousa pretérita para moitas galegas e galegos. Esas persoas deben saber que seguen a ser a máxima prioridade da Xunta de Galicia, e por iso, creamos unha nova Consellería dedicada con carácter exclusivo á política social e á atención daquelas persoas que ven a recuperación soamente nos xornais.

En segundo lugar, no eixo dos sectores primarios, porque temos a obriga como pobo de valorizar con máis intensidade as nosas contornas non urbanas. O rural, o mar, son sectores produtivos en si mesmos, alicerces da nosa economía, pero tamén esencia do noso país. Por iso, non só lle debemos recoñecemento e gratitude polo que nos permitiron ser no pasado, senón unha aposta reforzada por todo o que nos poden dar cara ao futuro.

En terceiro lugar, no eixo económico e laboral, e por iso vinculamos organicamente a política de traballo coa de impulso económico. Nunha Galicia que destrúe emprego é normal xuntar traballo coas políticas de benestar. Nunha que o crea, pensamos que é máis útil que estea directamente relacionada coa promoción económica e de innovación industrial.

E, finalmente, intensificar a acción política tamén no eixo territorial, porque tamén as infraestruturas e a ordenación do territorio deben ter un maior protagonismo. Despois de que nos últimos anos estas áreas se viran condicionadas polo esforzo de priorización das políticas ao que nos vimos abocados, agora cremos que é o momento de que teñan un rango máis destacado para o que queda de lexislatura.

Estes son os motivos que teñen fundamentado a miña decisión de renovar o Goberno galego: un novo goberno para un ciclo económico expansivo, que substitúe un goberno creado para un momento de profunda recesión.

E, explicados os porqués, permítanme que afonde no quen, a través de sete nomes, de sete persoas ás que quixera referirme.

En primeiro lugar, Rocío Mosquera. Rocío levou a Sanidade Pública onde había a necesidade de prestar un mellor servizo aos cidadáns. Fíxoo abrindo ou reformando novos centros de saúde. Fíxoo abrindo ou reformando novos hospitais públicos. Fíxoo con novas prestacións e dereitos que non existían, a través do desenvolvemento da Lei de Garantías. Polo tanto, Rocío, cumpriches co obxectivo de todo xestor público: deixar o teu país mellor do que o atopaches.

Jesús Vazquez Almuíña, é o segundo Jesús Vazquez que teño no Goberno e certamente o primeiro funcionou ben. Pero máis alá dese aval, que é pura coincidencia, o novo conselleiro de Sanidade ten tras de si unha traxectoria brillante en dous ámbitos: a xestión sanitaria e a xestión política.

Na xestión sanitaria, destaca non só a súa experiencia como médico, senón tamén o tempo que pasou como xerente dun hospital e da área sanitaria de Vigo. Na xestión política, destaca por ter gañada a confianza daqueles que máis o coñecen, que son os seus veciños. Jesús, pídoche que poñas a túa experiencia nese dobre ámbito ao servizo do pobo de Galicia.

A Ángeles Vázquez non hai que explicarlle o que é o Medio rural porque vive nel, e porque a súa familia vive del. E, polo tanto, non só ten a experiencia política de ter sido concelleira de goberno, concelleira de oposición, e alcaldesa senón que as tres cousas terían sido imposibles se os seus veciños non recoñeceran nela a unha máis deles. Iso lógrase pateando o campo, e coñecendo as necesidades desas persoas que traballan nel.

Como conselleira de Medio Rural, pedireiche que fagas exactamente o mesmo, pero ampliando o radio de acción desde a comarca de Melide a toda Galicia.

Cercanía e proximidade é tamén o que precisa José Manuel Rey para afrontar os novos retos que asume hoxe, e que configuran algúns dos maiores desafíos que ten ante si a Xunta de Galicia

Tócache, en primeiro lugar, falar e xestionar en nome das galegas e dos galegos que teñen máis dificultades, pero non dubido que estás avalado pola experiencia non só no teu Concello, senón tamén como alcalde dos alcaldes na Federación Galega de Municipios e Provincias.

E tócache tamén, falar e xestionar para todos os galegos, que debemos ser conscientes da realidade demográfica da nosa terra, á que temos que seguir facendo fronte. Non dubido que para iso tes nun galego dun ano e de nome Adrián o mellor impulso.

Falei dos que se van, dos que chegan pero tamén quixera falarlles dos que permanecen no goberno con novas responsabilidades.

Rosa Quintana coñece mellor ca ninguén a área do Mar. Ten ante si o reto de reforzala nun novo contexto non só galego, senón tamén europeo, e con novos instrumentos como a Lei de Acuicultura aprobada esta mesma semana.

A todos os meus conselleiros débolles a gratitude de ter unha dedicación que non entende nin de domingos nin de festivos. Pero a Rosa débolle aínda máis. Débolle a gratitude que ten aquel que recibe de alguén máis do que pode dar. Rosa afrontou coa mesma serenidade, compromiso e éxito os desafíos máis difíciles desde o punto de vista da xestión públicas que as complicacións que a vida lle puxo no camiño. E por iso non teño dúbidas de que seguirá acertando.

Desde que en 2009 lle pedín a Beatriz Mato que asumira dúas competencias clave durante a crise, como as de traballo e de benestar, nunca tiven dúbidas da súa capacidade de liderado, de sensibilidade e de creatividade.

Quero contar con esas mesmas virtudes para outro dos principais retos da nosa terra, que é a súa protección ambiental e a súa ordenación territorial no novo contexto económico. A Galicia protexida pero viva que concibimos na Lei do Solo, a piques de aprobarse, así como no resto de instrumentos de vertebración que deseñamos nos últimos anos precisa dun impulso decidido para desenvolverse. Bea, estou seguro de que llo darás.

A Consellería de Ethel Vázquez foi un exemplo de adecuación á realidade económica. Como o seu predecesor Agustín Hernández, Ethel rendibilizou cada euro nos últimos anos.

Agora, cun departamento reforzado para a xestión das infraestruturas e da vivenda, tes ante si o reto de seguir vertebrando Galicia con esforzo, con dedicación e con visión de país. Fun conselleiro desa materia, e sei que non é doado. Pero como o fun, tamén sei que contas cos atributos necesarios para seguir facendo un gran labor nunha materia que precisa de coñecemento técnico e de compromiso político.

Haberá un punto no que sexa capaz de descubrir os límites de Francisco Conde. Tenteino cando estivo ao meu lado no gabinete da Presidencia. Tenteino cando lle pedín que abandonara o anonimato do seu despacho e asumira a Consellería de Economía. Agora volvo a explorar ata onde chegan as capacidades dun dos máis solventes colaboradores que tiven en 20 anos de servizo público.

Se é capaz de levar os éxitos que xa tivo en política industrial e creo que hai exemplos moi recentes que así o acreditan, se é capaz de levar a mesma aposta que no caso da innovación ou da internacionalización; se é capaz de levar todo iso á política laboral, estou seguro de que Galicia terá moito máis avanzado na mellora das cifras de emprego que, por suposto, segue sendo unha das nosas prioridades.

Román Rodríguez, e Valeriano Martínez. Sodes os únicos que non estreades nin competencias nin consellerías. Por iso, pídovos que, na medida das vosas posibilidades, axudedes aos que si o fan a seguir sendo o exemplo de constancia, traballo e xestión acertada que os vosos compañeiros ven en vós e sempre quererán ter ao seu carón.

Alfonso, como vicepresidente, de ti espero a mesma eficacia e o mesmo compromiso que me tes demostrado desde hai case dez anos en diferentes responsabilidades. Quedas por suposto encargado deste novo equipo nunha etapa máis ilusionante que a anterior, pero igual de crucial para o futuro de Galicia e dos galegos.

Eles son os que nos encomendan o privilexio de traballar desde a Xunta de Galicia. Pídovos a exemplaridade e a dedicación que as galegas e os galegos merecen. A exemplaridade e a dedicación que os galegos teñen. E a exemplaridade e dedicación que os galegos reclaman.

Pídovos tamén que busquedes neles a inspiración porque son un pobo esforzado, e nós temos que ser coma eles.

E pídovos que decidades baseándonos no que eles nos digan, porque é a eles a quen temos que escoitar para analizar, para xestionar e para decidir.

A renovación que nos piden non remata na configuración do novo Goberno. En todo caso, comeza nela e no traballo impulsado desde 2009 porque é iso o que a fai posible. Debémola concretar nas próximas semanas e meses, comezando polos orzamentos que estamos elaborando para o próximo ano ou polo Debate do Estado da Autonomía que se celebrará a semana que vén. E só a daremos por alcanzada cando a maioría das galegas e dos galegos se sintan beneficiados dela.

A iso vos convoco a todos os membros do Goberno galego. A tarefa é esperanzadora pero difícil. E son moitos as galegas e os galegos que nos esperan.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou que a remodelación realizada polo Presidente da Xunta no Goberno galego constitúe “un novo impulso para o remate da lexislatura e deixa claras cales son as prioridades: reforzar o crecemento económico e contribuír desde a Xunta a paliar os efectos que a crise económica deixou no ámbito social”.

Pedro Puy explicou aos xornalistas que os cambios demostran que “o Presidente Feijóo é consciente do que está a pasar na sociedade galega, tanto no ámbito político como no económico, e ten reflexos para reaccionar fronte aos cambios da situación política, económica e social”.

Na súa intervención, Puy sinalou que “moitas veces estamos a comprobar que as políticas que desenvolveu o Partido Popular durante a crise non están o suficientemente explicadas”, ao que engadiu que “a recuperación económica por si soa non basta para que haxa unha plena recuperación dos efectos que a crise deixou entre nós, o que leva a propoñer unha renovación de ideas, de caras e de actitudes”.

“Nese contexto, é evidente que as persoas chamadas para formar parte do Goberno galego están acostumadas a tratar os problemas a pe de rúa e tiveron éxito nas distintas responsabilidades a nivel municipal que desenvolveron ata o día de hoxe”, sinalou o portavoz popular. Neste sentido, apuntou que “trátase de aunar unha superación do que é a recesión económica para, a través de novos impulsos políticos, contribuír a recuperarnos dos efectos que a crise deixou entre nós”.

O portavoz popular explicou que un Goberno galego de dez membros, comparado co conxunto das comunidade autónomas, “está na franxa baixa do número de persoas que forman parte dun Goberno autonómico e, desde logo, moi lonxe do que son os gabinetes das coalicións que neste momento teñen máis dificultades á hora de repartir funcións e nomear persoas”.

Ademais, lembrou que “xa sabemos que para 2016 imos ter unha capacidade de gasto superior ao do presente ano, polo que parece razoable acomodar a Xunta ás necesidades do momento”. En concreto, sinalou a necesidade de atender “sectores que están pasando por circunstancias que non tiñan cando se decidiu esta estrutura do Goberno, así como ámbitos da xestión, como a sanidade, con problemas que non existían no momento que se configurou o goberno e outras cuestións, como as infraestruturas ou as políticas medio ambientais, están a ter un protagonismo maior que hai algún tempo”.

Por outra banda, Pedro Puy explicou que os deputados do Grupo Popular están a preparar o Debate sobre o Estado da Autonomía, “o derradeiro dunha lexislatura que afronta o seu último ano cunha perspectiva de impulso e de aproveitar a recuperación que permite un cambio de determinadas políticas”.


R.