Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Debate sobre el Estado de la Autonomía: el PPdeG defiende el autogobierno dentro de la Constitución, AGE pide nuevas elecciones y el BNG habla de fiasco de las políticas de Feijóo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O Grupo Popular rexistrou 40 propostas de resolución para o Debate sobre o Estado da Autonomía que inciden nas propostas avanzadas polo Presidente da Xunta co obxectivo de que a recuperación económica chegue a todos os cidadáns de Galicia. “Facemos un chamamento aos grupos da oposición para chegar a acordos nas propostas de resolución, porque neste momento o que necesita Galicia son solucións e propostas reais para mellorar a vida de todos os galegos”, sinalou a viceportavoz popular, Marta Rodríguez Arias.

Respecto do debate celebrado no día de onte, Rodríguez Arias manifestou que “o Presidente da Xunta levou claramente a iniciativa con propostas para que a mellora da situación económica chegue a todos os cidadáns”. “Demostrou que é unha persoa comprometida cos problemas e as solucións que pode dar aos galegos, esforzado por mellorar a situación económica da comunidade e a situación das persoas” sinalou.

Así mesmo, Marta Rodríguez apuntou que Feijóo “é perfectamente coñecedor das situacións polas que están pasando moitos cidadáns, ao tempo que sensato, responsable e sensible ante os problemas das persoas e a situación que atravesou Galicia nestes últimos anos”.

A portavoz popular indicou que “corresponde abrir un proceso diálogo entre todos os grupos parlamentarios para chegar ao maior número de acordos” nas propostas de resolución. Neste sentido, apuntou que “os galegos nos piden que poñamos a súa disposición medias reais e cuestións para tentar solucionar problemas como o desemprego, a mellora do estado do benestar ou o impulso dos servizos sociais, é dicir, falar das persoas”.

O Grupo Popular rexistrou 40 propostas de resolución, que a viceportavoz dividiu en dez grandes bloques. En primeiro lugar, as dirixidas á recuperación para os máis vulnerables, con propostas como o bono de alugueiro social ou as axudas eléctricas.

En segundo lugar figuran propostas de recuperación para os emprego, con medidas para a mocidade, os parados de longa duración e os empregados públicos, ademais da redución do IRPF no tramo autonómico ou a supresión do imposto de sucesións e doazóns para o 99 por cento dos galegos.

No ámbito da recuperación das familias, inclúese o bono para gardería, o bono de coidador do rural ou a axuda directa de 100 euros mensuais por fillo a partir do vindeiro 1 de xaneiro. Respecto da educación pública, o Grupo Popular propón impulsar a implantación das novas tecnoloxías nos centros de ensino, o impulso da educación trilingüe ou a creación de prazas de auxiliar administrativo nos colexios.

A sanidade pública tamén ocupa un bloque importante de propostas, con iniciativas para a modernización e construción de novas infraestruturas nos hospitais de Ferrol, da Costa, A Coruña, Ourense, Salnés e Lugo, ademais da incorporación de novas tecnoloxías e reforzo da calidade asistencial.

Dentro do bloque de políticas sociais, o Grupo Popular solicita o incremento de prazas públicas en residencias, centros de día, alzheimer ou discapacidade, así como a inclusión no sistema de 10.000 novos dependentes.

O impulso do Plan de Banda Longa, a mellora da mobilidade das persoas (coa creación do billete combinado tren-bus ou o impulso do transporte metropolitano); a xestión dos residuos, coa creación dunha planta de compostaxe nas instalacións do vertedoiro de Areosa ou a tramitación da Lei de Solo forman parte do bloque dirixido a conseguir un territorio máis vertebrado.

Tamén o sector primario centra as demandas do Grupo Popular, co programa de impostos cero no rural, a posta en marcha dun plan de desenvolvemento da pesca artesanal, o desenvolvemento dunha planificación específica para o sector lácteo ou a promoción da ordenación dos montes en Galicia.

Outro dos bloques ten como obxectivo o impulso da industria galega, a innovación e a súa internacionalización, cunha proposta específica para a promoción do cooperativismo en Galicia a través da redución do capital mínimo para crear unha cooperativa.

Por último, no ámbito do autogoberno e institucional, o Grupo Popular presenta unha proposta para defender o autogoberno de Galicia, o compromiso co galego e a súa implantación entre a mocidade; o impulso da riqueza cultural galega; e a implantación da sede electrónica e a plena dixitalización da Administración galega.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, advertiu que as propostas de Resolución presentadas polo PP desvirtúan os “anuncios grandilocuentes” feitos onte por Feijóo. Méndez Romeu e a viceportavoz, Carmen Gallego, presentaron as 40 propostas dos socialistas, que reclaman a reversión ao público dos servizos educativos e sanitarios privatizados por Feijóo, incluíndo o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

O portavoz socialista advertiu que o suposto “cheque – bebé” de 100 euros anunciado polo presidente da Xunta limítase, de acordo coas propostas do PP, a unha axuda para as familias con nenos e sen praza pública de gardería. Criticou que ademais de xogar á confusión, o presidente da Xunta agochara con este anuncio a súa intención de “decaer ou minorar a construción de prazas públicas” de gardería.

Na mesma liña, os documentos presentados “non acreditan a rebaixa de impostos” anunciada por Feijóo, e continúan sen especificar se a suposta rebaixa do IRPF vai ser lineal ou só para os primeiros 12.000 euros. Mentres, os “cero impostos no rural” en realidade limítanse ao imposto de transmisións patrimoniais relacionado á transmisión de fincas en solo rústico e ampliación de explotacións por agrupación de fincas.

A proposta do PP non especifica que pasará no caso de propietarios que non sexan agricultores, e lembrou que dende a Lei 09/95 xa existía unha amplísima exención fiscal para estas explotacións, que foi ampliado a moitos contratos de arrendamento na Lei de posta en valor das terras agrarias.

Os socialistas reclaman unha nova política fiscal “progresiva e mais ambiciosa” da reforma encetada por Rajoy, que “resulta tremendamente regresiva e empeora a situación das rendas baixas e medias”.

A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, explicou as propostas presentadas polos socialistas galegos en materia de política social, que inclúen a reversión ao sistema público das privatizacións de servizos en educación e sanidade decretadas por Feijóo. Esta proposta inclúe o “rescate da concesión do Hospital privado Álvaro Cunqueiro”, de Vigo, e o remate coa discriminación histórica na atención hospitalaria desta área sanitaria.

Gallego explicou que as propostas socialistas sitúan como prioridade a recuperación do emprego a través dun incremento orzamentario e da reforma do servizo público priorizando a atención a parados de longa duración a través de plans territoriais de emprego e dun novo salario de reinserción.

O segundo eixo desta proposta é o impulso do emprego xuvenil de calidade a través dun Plan de Choque específico e da creación dun Observatorio de Xóvenes e Emigración que analice os fluxos migratorios.

Lembrou que o goberno de Feijóo supuxo a perda de 65.000 galegos e galegas, polo que urxiu á posta en marcha dun Plan de Dinamización Demográfica con “obxectivos avaliables e concretos”, e que inclúa o impulso da contratación feminina e a mellora dos servizos no medio rural.

Como medida de loita contra a pobreza, os socialistas propuxeron a ampliación da Risga ata ofrecer cobertura á totalidade das persoas sen recursos. Carmen Gallego lembrou que hoxe só acada ao 30 por cento deste colectivo, e suxeriu a creación dunha Declaración de Familias en Risco de Exclusión para garantirlles “prioridade en materia de emprego, educación e tutela xudicial ante desafiuzamentos ou execucións hipotecarias”.

A deputada socialista propuxo un plan urxente para reducir as listas de espera da Dependencia, e cualificou de “absolutamente insuficiente” o anuncio de Feijóo de atender a 10.000 persoas en 2016. Galicia conta hoxe cunha lista de espera do 41 por cento, con 27.000 persoas co dereito recoñecido sen recibir prestación, ás que hai que sumar ás 8.000 que xa faleceron dende 2009 agardando pola súa prestación.

Gallego explicou que os socialistas queren que o goberno lle devolva aos concellos as competencias en política social, e que se dirixa ao goberno de Rajoy para esixirlle a devolución dos mais de 100 millóns de euros recortados da atención á dependencia ou o 70 por cento detraído do Plan Concertado.

Os socialistas galegos reclamaron o traspaso das competencias de vivenda pública para desafiuzados á Consellería de Política Social e a presentación dunha Lei de Vivenda nun prazo de 3 meses que garanta o apoio ás persoas sen recursos e vítimas de desafiuzamentos. Tamén solicitan un concerto social para priorizar ao terceiro sector a contratación de servizos.

O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu, presentou pola súa banda as propostas de Resolución dirixidas a acadar a execución íntegra dos orzamentos aprobados polo goberno galego, que roza a irrelevancia á hora de executar os investimentos ou as transferencias de capital.

Reclamou a concreción do impacto en Galicia do Plan Juncker de investimentos da UE e a recuperación do nivel de financiamento acadado polo Igape en 2009, recuperar de forma inmediata o gasto en I+D e destinar o 1,5 por cento do PIB ao financiamento das universidades galegas. Os socialistas esixen ademais o cumprimento dos compromisos de infraestruturas do AVE, unha nova política de peaxes e a mellora na competitividade dos portos.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del BNG:

As propostas de resolución do BNG buscan o impulso do emprego, a economía, os sectores básicos e o apoio a cultura e lingua galega. O grupo parlamentario do BNG presenta corenta propostas de resolución no Debate de Política xeral entre as que reclama unha investigación sobre as causas e responsabilidades do accidente ferroviario de Angrois e o proceso de privatización do novo hospital de Vigo, Álvaro Cunqueiro.

Ana Pontón, encargada de presentar ante os medios de comunicación as corenta propostas do BNG asegurou que van destinadas a impulsar o emprego, a economía, os sectores básicos e apoiar a cultura e lingua galega.

Para a deputada, Feijóo onte no debate demostrou non “coñecer os problemas deste país” e confunde “as estatísticas coa realidade” ademais de esquecer a principal preocupación de todos os galegos e galegas que é “o paro e a emigración”. Constatamos tamén, dixo, a “súa incapacidade para dar resposta ás preocupacións da sociedade galega”.

A parlamentaria asegurou que detrás dos anuncios e promesas de Feijóo “non hai vontade real de rectificar a súa política errática e sobre todo estamos ante un goberno esgotado para enfrontar o retos que a sociedade galega ten por diante”.2

A deputada criticou o “acordo bipartidista” que limita a presentación de 40 propostas de resolución por grupo parlamentario suxeitas ademais a un “corsé” na súa formulación, en todo caso, dixo, as propostas do BNG abordan tres eixos para acabar coa submisión de Galiza aos intereses de Madrid e da U.E, a defensa dos dereitos sociais e de igualdade e un novo modelo territorial e ambiental.

Neste sentido, destacou o modelo de financiamento aceptado por Feijóo que discrimina a Galiza polo que o BNG propón “ un cupo” co que se poderían recadar 2.000 millóns de euros máis ao ano así como unha fiscalidade plena subindo os impostos ás rendas máis altas e novos impostos a empresas que contaminen o medio ambiente e as grandes superficies comercias. A maiores, o BNG propón outro imposto ás empresas subministradoras de ADSL destinándoo ao apoio do audiovisual e o cinema. Pontón tamén reclamou que Feijóo rectifique sobre a suba de hidrocarburos que fai que a gasolina sexa máis cara en Galiza.3

Crear unha Banca pública galega, unha tarifa eléctrica galega, derogar o “imposto ao sol” e acabar coas as peaxes abusivas na AP 9 e na D 53 son algunhas das propostas que defenderá o BNG. Asemade, propón crear un fondo dotado con “400 millóns de euros para desenvolver o servizo de cercanias do ferrocarril”.

A deputada tamén defendeu un plan de emprego cun apoio real ao sector naval, pesqueiro, marisqueiro e medio rural e pediu que se cuestione o decreto sobre as axudas ao sector lácteo que “discrimina aos produtor@s galegos” polo que propuxo crear unha comisión de seguimento do acordo e medidas eficaces.

Pontón tamén aludiu ao I+D+i, ámbito no que o goberno galego, dixo, aplicou grandes recortes e reclamou “unha Lei galega da Ciencia e da Investigación” para este sector estratéxico destinando o 3% do PIB.

A deputada salientou que é necesaria unha nova lei do solo e considerou que non se pode falar dun novo modelo ambiental se “Ence non sae da ría”.

Neste bloque de propostas, o BNG reclama eliminar os “vetos e corsés” no Parlamento imposto polo PP e PSOE e que a participación a través de consultas populares sexa real nesta institución.

A loita contra os desafiuzamentos cun “plan especial para que durante os próximos 5 anos se poñan en marcha 10.000 vivendas de promoción pública en aluguer”, medidas para loitar contra a corrupción, que Galiza conte cunha radio e televisión públicas que non estean ao servizo do Partido popular, unha comisión de investigación sobre a privatización do Hospital de Vigo e que a concesionaria “asuma todas as deficiencias” do centro, son outras das propostas presentadas hoxe polo BNG.4

Pontón reclamou unha solución para os preferentistas, os emigrantes retornados e o colectivo long hope que reclaman as súas pensións a Noruega.

A parlamentaria pediu axilizar o cobro da RISGA “en dous meses” e que se cumpra a lei de igualdade no emprego. Tamén reclamou ampliar as axudas ás vítimas de violencia de xénero introducindo a figura de “feminicidio”.

Finalmente, reclamou unha nova etapa para a lingua galega e que se apliquen as leis de Normalización Lingüística e cun “novo decreto” que cumpra o Plan xeral de Normalización Lingüística.

A parlamentaria do BNG concluíu pedindo que se recupere a consellería de cultura “con máis fondos” e que un dos edificios da cidade da Cultura sexa destinado a “unha pinacoteca nacional galega”.
R.