Termina el Debate sobre el Estado de la Autonomía con solo 8 acuerdos por unanimidad de las 200 iniciativas políticas presentadas y discutidas

O Parlamento galego aprobou hoxe 50 propostas de resolución, das que 38 foron propostas polo Grupo Popular, dúas transacionadas por este grupo parlamentario co Grupo Mixto e as dez restantes correspondían aos distintos grupos da oposición e contaron co apoio dos deputados populares. A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Rodríguez, criticou que os grupos da oposición “apostaran máis polos seus intereses que por propostas dirixidas ás persoas, ás familias que aínda están padecendo os problemas da crise e os fogares aos que aínda non chegou a recuperación”.
Marta Rodríguez considerou “sorprendente que os grupos da oposición non apoiaran a redución do imposto sobre a renda, sobre todo ás rendas medias e baixas; nin que se exima do imposto de sucesións ao 99 por cento dos galegos; nin que se active un programa de impostos cero no rural”. “Trátase dunha espléndida batería de rebaixas fiscais que trasladan á cidadanía a nova situación económica que estamos a vivir”, apuntou.
“As nosas propostas de resolución apostan por consolidar a recuperación económica e loitar contra o desemprego, mellorar os servizos públicos e que os efectos da recuperación cheguen a toda a cidadanía galega”, manifestou a viceportavoz popular. Neste sentido, criticou que PSOE, AGE e BNG votaran en contra da redución de impostos, da posta en marcha dun plan estratéxico para o sector lácteo, a rebaixa do prezo dos carburantes ou da devolución da paga extra aos empregados públicos, ao tempo que non apoiaran ás medidas de apoio ás familias e á infancia
Marta Rodríguez recoñeceu que “a crise que vivimos ten consecuencias moi duras para moitas persoas, e a recuperación aínda non se nota en moitos fogares”, polo que considerou “imprescindible seguir a carón das persoas que non teñen emprego e das que se atopan en risco de exclusión”.
Porén, a viceportavoz popular fixo referencia ao informe da Rede Europea de loita contra a pobreza e a exclusión social publicado no día de onte, no que se recolle que Galicia foi a comunidade española que rexistrou un maior descenso da taxa de risco de pobreza desde o ano 2009, ademais de que fora a única comunidade autónoma onde a renda media por persoa se incrementou durante os anos de crise.
“A súa credibilidade non só queda en entredito cando se fala de sanidade, educación ou desigualdade, senón tamén cando se fala doutros ámbitos como o naval”, indicou Rodríguez Arias lembrando as críticas da oposición aos floteis e ao traballo existente na actualidade nos estaleiros galegos e, sobre todo, na ría de Ferrol.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
A viceportavoz do Grupo Socialista, Carmen Gallego, acusou ao presidente da Xunta de “deixar unha Galicia con menos galegos e galegas, con máis paro, máis empobrecida, máis desigual e máis endebedada”. Así o dixo no debate do Estado da Autonomía, que rematou hoxe no Parlamento de Galicia na que o rolo do PP vetou 36 das 40 propostas de Resolución socialistas.
A deputada socialista chamou a establecer como “gran prioridade” a “recuperación de dereitos, a derrota da desigualdade e a construción dun novo modelo de crecemento económico”. Chamou á construción dunha sociedade “máis xusta, inclusiva e igualitaria” e un país “máis libre, máis próspero e máis forte” e augurou que “o cambio está en camiño”.
Gallego realizou un balance “demoledor” da xestión de Feijóo, cun “resultado catastrófico que custará moito superar, cunha sociedade con menos dereitos”. Acusouno de substituír precisamente estes dereitos por “caridade, beneficencia e unha choiva de medidas cheques, axudas e bonos”.
Criticou que sexa o “único presidente dunha nacionalidade histórica sen proxecto político para o país”, que “renunciou a exercer o autogoberno e reclamar respecto polas nosas competencias”. Demandou “máis e mellor autonomía, un novo modelo de financiamento autonómico”, con cambios na política fiscal e afondando na autonomía tributaria de Galicia” para acadar un aumento de ingresos que permitan loitar contra a desigualdade.
Gallego comezou cunha batería de medidas para impulsar a creación de emprego, incrementando o orzamento e priorizando a atención a parados de longa duración a través de plans territoriais de emprego e dun novo salario de reinserción. O segundo eixo desta proposta é o impulso do emprego xuvenil de calidade a través dun Plan de Choque específico e da creación dun Observatorio de Xóvenes e Emigración que analice os fluxos migratorios.
A deputada socialista reclamou ademais “garantir a universalidade da atención sanitaria”, recuperando o nivel de orzamento da chegada de Feijóo ao goberno. Neste sentido, reclamou a paralización inmediata de tódalas privatizacións previstas e a reversión das xa realizadas, incluíndo a privatización do Hospital privado de Vigo, deseñado por Feijóo “para facer máis ricos aos seus amigos, e aínda por riba con deficiencias visibles”.
Gallego reclamou tamén a recuperación das condicións laborais e materiais do ensino público, “a base sobre a que debe descansar o crecemento da Galicia do futuro”, derrogando a Lomce e “volvendo a un sistema educativo inclusivo”. A deputada socialista sinalou ademais o plan urxente para reducir as listas de espera da Dependencia ou a ampliación das prestacións de inclusión –Risga- a tódalas persoas sen ingresos.
Criticou a ausencia da política de igualdade por parte dun goberno que “incumpre a paridade” con tan só catro mulleres dun executivo de 11 persoas, mentres estrangula o orzamento da Secretaría Xeral de Igualdade.
O mesmo goberno, engadiu, que se nega a recoñecer como vítimas de violencia machista ás mulleres ás que os compañeiros lles asasinaron aos fillos, e negouse a apoiar a “milleiros de mozas que perderon o dereito a decidir por unha reforma inxusta e cruel da Lei de interrupción voluntaria do embarazo” e que deixou sen desenvolver a Lei que recoñece os dereitos das persoas LGTBI.
Carmen Gallego criticou a “inacción, discrecionalidade e improvisación” do goberno galego cara aos sectores produtivos, polo que propuxo a recuperación do Igape como un dos principais instrumentos de impulso económico e recuperar o nivel de execución e o papel dinamizador da obra pública. Propuxo recuperar de forma inmediata o gasto en I+D e destinar o 1,5 por cento do PIB ao financiamento das universidades galegas
Neste sentido, lembrou a intensidade das reclamacións do goberno galego para executar o AVE, que hoxe quedou paralizado por Rajoy diante do silencio cómplice de Feijóo e instou ao goberno galego a “aproveitar os recursos económicos” postos enriba da mesa pola UE a través do Plan Juncker, dos que Galicia podería aspirar a 1.500 millóns de euros.
A deputada socialista criticou a inacción do goberno galego para impulsar os sectores produtivos primarios, esquecendo a aplicación do paquete lácteo e despreocupándose da situación do sector gandeiro “ata que chegaron as tractoradas”.
Instounos a “defender a nosa pesca, sobre todo na baixura e no marisqueo” poñendo en valor os produtos da pesca mentres Feijóo “só pode presentar como balance menos persoas traballando, menos barcos faenando, menos caladoiros nos que pescar e nin un só metro cadrado de instalacións acuícolas”.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de AGE:
“Se vostedes tivesen decencia, recoñecerían que están mortos, esgotados, e votarían a primeira proposta de resolución de Alternativa Galega de Esquerda, disolverían o Parlamento e convocarían eleccións”. Así rematou Yolanda Díaz a súa intervención no Debate sobre o Estado da Nación que finalizou no Parlamento galego e que se resolveu cun Partido Popular absolutamente illado na súa negativa a chegar a apenas algún acordo coa oposición a respecto das propostas de resolución. “O presidente ausente”, dixo, en referencia á ausencia de Feijóo no hemiciclo durante a intervención de AGE, “non se decata que, como no Gran Gatsby, a súa festa rematou”.
E a festa, segundo a definiu a viceportavoz de Alternativa seguindo ao profesor Manuel Monereo, non é máis que o sistema, “unha trama que actúa como unha forma de corrupción” e na que se enlazan os intereses bastardos “do capitalismo, dos medios de comunicación e do bipartidismo”. “Mandan os que non se presentan ás eleccións, na Xunta de Feijóo mandan os que non se presentan ás eleccións”, explicou Yolanda Díaz, quen ilustrou a súa afirmación cunha galería con maioría de caídos en combate procedentes dos poderes económicos: os pescanovos, os gayosos, os jose luis méndez, os banescos. “Eses son os nosos inimigos, o Goberno deste país e os seus alíados económicos”, resumiu.
Para enfrontalos politicamente, Alternativa Galega de Esquerda someteu a votación do pleno parlamentario 40 propostas de resolución que se poden consultar nesta ligazón:
http://age.gal/propostas-de-resolucion-de-age-para-debate-estado-da-nacion-2015/
“As nosas propostas teñen que ver con iso que se reclama nas rúas, pan traballo e teito”, expuxo. Referíase ao lema que empregan as Marchas da Dignidade e que o vindeiro 24 de outubro volverán manifestarse na Praza do Obradoiro de Compostela.
Na defensa das proposicións, Yolanda Díaz aproveitou para trazar un retrato do país logo de seis anos de gobernos de Alberto Núñez Feijóo. “Atopamos un país máis pobre e un Goberno esgotado, sen ideas, que tivo que acudir ao roupeiro de ZP para vender algo no discurso de antonte”. Referíase ao “cheque bebé” e máis á baixada indiscriminada de impostos. “Queremos que expliquen onde, se é que baixan dous puntos de IRPF, van recortar os servizos públicos”, inquiriu Díaz. Por suposto, a deputada do PP que interveu no debate non respondeu. Tampouco ao sindicato Gestha, de técnicos de Facenda do Estado, que cualificou os anuncios de Feijóo sobre fiscalidade de “autenticamente irresponsabilidade”.
Mais o Partido Popular non aceptou ningunha das medidas que AGE levou ao Parlamento para reverter unha situación en que a Xunta de Feijóo reduciu, dende 2009, os orzamentos de sanidade nun 21%, os de educación nun 26%, un 51% en promoción de emprego e o 65% en vivenda. Alternativa Galega de Esquerda incluíu todas estas cuestións nas súas corenta resolucións. “Este é o país real que a brétema de Monte Pío lle impide ver, señor presidente ausente”, asegurou Yolanda Díaz, “o país que vai moito peor que a media do Estado”. Mentres o crecemento económico, no Estado, é do 3,5%, Galiza queda no 1,8%. E se dende 2009, a destrución de emprego, na media estatal, foi do 9,4%, en Galiza ascendeu ao 15,6%. Por non mencionar o 500% de aumento no que respecta a desempregradas e desempregados de longa duración.
“Vostede tivo a desvergoña e vir aquí o luns a dicir que estamos en situación case óptima”, lembrou Díaz, dirixíndose a un Feijóo que faltaba do seu escano no debate parlamentario máis importante do ano. “Se Galiza vai tan ben, derroguen as leis que son ataques contra os traballadores e traballadoras”. Para iso e para defender o sector naval, para retirar as normas lexislativas contrarias aos funcionarios públicos, para promulgar o dereito a decidir de Galiza ou para combater a pobreza severa de máis de 150.000 galegas e galegos presentou Alternativa Galega de Esquerda as súas 40 propostas de resolución.
Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del BNG:
Na defensa das corenta propostas de resolución presentadas polo Grupo parlamentario do BNG, a deputada Ana Pontón acusou a Feijóo de gabarse dos seus logros e éxitos, que levan a Galiza a ser cada vez máis pequena, non en territorio, pero si en “poboación, emprego, riqueza e vida cultural”. Realmente o PP e Feijóo, recalcou, a deputada convertéronse nun goberno minifundista, “cunha política antisocial, sen perspectiva de país, nin esperanza de futuro”.O BNG, hoxe presenta 40 propostas como “alternativa a un Goberno en declive”.
Pontón denunciou “o sexenio negro” no que Galiza viu como se malvendían as súas caixas, como a mocidade volvía a emigrar en masa ou como boa parte do escaso tecido empresarial era desmantelado.
Por outra parte, a deputada utilizou un conto popular, rescatado por Ben-Cho-Shey, como metáfora para denunciar as políticas do Partido popular contra a lingua galega nestas dúas lexislaturas.
Nos últimos meses, tres asuntos centraron boa parte do debate político, o Hospital de Vigo, o sector lácteo ou o sector enerxético.
Intervención de Ana Pontón
Para a deputada, o Hospital de Vigo é o gran “fiasco de Feijóo” e a segunda gran mentira en materia sanitaria. A primeira foi ás xentes de Lugo, “prometeulles hemodinámica 24 horas, radioterapia e medina nuclear, que aínda seguen agardando”.
O hospital de Vigo, “é unha chapuza multimillonaria” é unha herdanza envelenada que hipoteca a sanidade durante 30 anos e convertendo nun “negocio o dereito á saúde”.
Mais o debate do hospital de Vigo, dixo, non remata co cese de Rocío Mosquera. A conselleira tivo responsabilidade por un traslado temerario, inseguro e desastroso, pero todo o escándalo que rodea ao Hospital Álvaro Cunqueiro ten unha dimensión maior e o “propio Feijóo debe dar a cara ante o fiasco do seu proxecto estrela para a sanidade”.
Queremos saber, dixo a deputada, porque se un hospital que pola vía pública custaba 450 millóns, polo recurso privado vai custar 1.400 millóns de euros?.Queremos saber se realmente é legal a fórmula de contratación que empregaron?Queremos saber tamén, porqué o Sergas permitiu recortes no contrato, recortes significativos, como reducir a 850 as 1.450 camas previstas ou os quirófanos.
Porqué se di que non hai recursos públicos e despois se financia con cartos públicos a privatización do hospital, volveu a preguntar a nacionalista.
Hoxe facemos tres propostas para o futuro da sanidade na Galiza: unha comisión de investigación parlamentaria, que sen ningún tipo de límite, vaia ao fondo sobre construción e a concesión do hospital de Vigo, que de inmediato as deficiencias sexan asumidas pola empresa e non con recursos públicos e que finalmente se reverta este proceso privatizador.
Das corenta propostas defendidas polo BNG só foi aprobada unha relativa ao apoio ao colectivo social Long Hope para reclamar doas pensións ao Estado noruegués, no resto o Partido popular aplicou novamente “o rodillo” e rexeitou transacionar os textos nacionalistas en defensa do sector naval e contra a emigración que incluía un Plan para potenciar políticas activas de emprego destinado á mocidade.
R.