Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Congreso Estatutario del PP Europeo: Núñez Feijóo valora los 4.000 millones de euros que percibirá de fondos europeos hasta 2020

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou no Congreso Estatutario do PP Europeo que Galicia cumpre con Europa e que, á súa vez, Europa cumpre con Galicia.

Segundo o líder dos populares galegos, que participou en calidade de vicepresidente do Comité das Rexións no panel “Execución de proxectos sostibles nas rexións e cidades”, en Galicia somos conscientes de que os fondos europeos non son un dereito adquirido, senón que supoñen unha serie de compromisos que se deben cumprir.

Nesa liña, indicou que Galicia está a cumprir con estes compromisos e lembrou que en 2013 a Comunidade foi elixida polo Comité de Rexións para elaborar un ditame sobre como se deberían gastar mellor os fondos comunitarios no período 2014-2020.

Tal e como lembrou, neste ditame, marcábanse dúas liñas claves, unha que recomendaba concentrar os recursos nas áreas e políticas que permitan incrementar a competitividade e crear emprego; e outra que implica aumentar o grao de descentralización co que se executan os proxectos.

Por outra banda, admitiu que tamén é xusto recoñecer que Europa está a cumprir con Galicia. Segundo Feijóo, grazas á decisión da Unión Europea que permitiu que os fondos non desaparecesen dun día para outro cando a Comunidade deixou de ser rexión prioritaria, Galicia dispón ata 2020 de 4.000 millóns de euros que se investirán cunha planificación transparente e cun amplo consenso de todos os axentes económicos e sociais implicados.

Alberto Núñez Feijóo recordou que os Fondos de Desenvolvemento Rexional da UE –Feder- funcionaron durante estes anos como unha maneira magnífica de ir labrando a solidariedade. Para o presidente popular galego, non é posible avanzar xuntos no proceso de cohesión europea se non se busca primeiro que todas as súas rexións avancen a un ritmo homoxéneo.

Deste xeito, asegurou que Galicia é un bo exemplo de como estes fondos axudaron a converter un territorio illado nun actor cada vez máis importante no panorama económico e político europeo.

Feijóo salientou que, desde a entrada de España na Unión Europea, Galicia percibiu 19.000 millóns de euros de fondos, sendo estes o mellor combustible para a nosa Comunidade. Neste sentido, o mandatario galego tamén sinalou que, desde 1986, Galicia pasou de ser unha rexión considerada prioritaria a ser unha rexión desenvolvida.

Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo indicou que grazas á responsabilidade á hora de investir os fondos comunitarios, estes repercutiron de forma directa no benestar de todos os galegos.

Deste xeito, Feijóo citou catro áreas onde estes investimentos contribuíron a que Galicia siga progresando con avances que non son efémeros e que responden a unha estratexia ben definida.

En primeiro lugar, fixo referencia ao ámbito das infraestruturas, destacando a ponte sobre a ría de Muros e Noia. Para o líder do PPdeG, esta construción representa unha nova xeración de infraestruturas, respectuosas co medio ambiente e integradas coa paisaxe.

No campo da educación, Feijóo sinalou que cos fondos Feder iniciouse o proxecto Abalar, que busca integrar as tecnoloxías da información e a comunicación nas escolas galegas, destacando como máis relevante o novo modelo de educación dixital que se está a consolidar.

Por outra banda, asegurou que a modernización dos servizos públicos chegou tamén á Sanidade galega, existindo dous proxectos cofinanciados pola Unión para adaptar os hospitais e os servizos asistenciais galegos ás novas demandas dos cidadáns.

Neste sentido, engadiu que Hospital 2050 componse de nove proxectos que definirán os centros sanitarios do futuro, mentres que Innovasaúde está a consolidar un dos principais obxectivos en materia de servizos públicos, que a Sanidade estea centrada no benestar do paciente.

Feijóo deixou para o final o ámbito da promoción económica, admitindo que dous de cada tres euros dos fondos Feder que recibirá Galicia ata 2020 van destinados a consolidar un crecemento intelixente, sustentable e integrador.

Neste campo fixo referencia a unha das pezas claves á hora de promover o crecemento, a Estratexia de Especialización Intelixente - Galicia Industria 4.0, a nosa aplicación da RIS3, que foi encomiada mesmo polo comisario Johannes Hahn.

Ademais, tamén se está a promover na provincia de Lugo un polo industrial e tecnolóxico de avións non tripulados de uso civil.

Á súa vez, tamén se abriu a Galicia rural a un sector con moito presente e futuro e para o que se vai investigar e construír avións non tripulados orientados á extinción de incendios, á planificación do territorio ou á vixilancia costeira. Ademais, Feijóo destacou que nove importantes grupos empresariais de todo o mundo mostraron o seu interese de investir en Galicia.

Para rematar, o líder dos populares galegos fixo fincapé en que non quere que Galicia se perpetúe como receptora neta de fondos de cohesión xa que a vocación é a de ser emisores de riqueza cara ás demais rexións europeas, devolvendo así o impulso que Europa lle deu durante tres décadas.

O presidente galego afirmou tamén que os fondos europeos xamais caen en saco roto e que a colaboración da UE permite implantar políticas de moita axuda para o futuro do continente, como as destinadas a mellorar a situación demográfica.

Nesta liña, Feijóo confirmou que ata 2020 destinaranse máis de 115 millóns de euros de fondos europeos a políticas para dinamizar a pirámide poboacional galega, un obxectivo ao que se lle dará máxima prioridade en 2016 e un dos maiores problemas estruturais da nosa comunidade, que non sería posible combater sen Europa.

Fotografía: Gabinete de Comunicación del PPdeG.
R.