La oposición en el Parlamento de Galicia critica los fondos públicos destinados a centros privados

Mil millóns de euros. Esa a cifra de cartos públicos, achegados por todas e todos, que a Xunta de Alberto Núñez Feijóo entregou, ao longo da última lexislatura, ao ensino público. Denunciouno o deputado de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Ramón Vázquez logo dunha comparecencia do conselleiro de Educación no pleno parlamentario en que este se gabou da “normalidade” do inicio de curso. “Coincido con vostede”, retrucou Vázquez, “o inicio de curso foi normal. Recortan vostedes o ensino público con absoluta normalidade, como nos últimos sete anos”.
Porque, tal e como lembrou o parlamentario de AGE, mentres o fluxo de cartos públicos destinado a que empresas privadas fagan negocio co ensino público galego, a Consellaría de Educación dedicouse a, por caso, desmantelar as escolas rurais. O pasado agosto, recordou Ramón Vázquez, o Goberno galego anunciaba o peche de 13 escolas e 82 aulas rurais. “Isto non é nin poderá ser nunca normal”, apostilou, “a súa aposta polo exterminio do rural”. Que inclúe unha inacción total como programa de goberno no que respecta aos sectores produtivos e aos servizos públicos.
Ou dedicouse a eliminar profesores. Concretamente, 1250 e máis dun millón de horas de docencia. “Esa é a súa nefasta xestión, pola que o 27% dos docentes, un de cada tres, dan materias nas que non son especialistas. Velaí a calidade do seu ensino”. Un 12% do cadro de profesores son interinos cando, no seu día, chegou a ser o 4%. Mentres a Xunta de Feijóo entrega mil millóns de todas as galegas e galegos, as familias gastan unha media de 700 euros para escolarizar as cativas e os cativos. O denominado “cheque escolar” para material, explicou Ramón Vázquez, son 50 euros para cada familia composta polos pais e máis un fillo, sempre e cando os proxenitores non cobren máis de 675 euros, “o salario da miseria”.
O 17,6% do financiamento foi o que perderon as universidades nos mandatos do Partido Popular de Feijóo. “Nove puntos máis ca a media no Estado”, concretou Vázquez. “A súa normalidade é absolutamente aberrante. Vostede leva feito moi pouco, apenas máis que atentar contra o dereito básico á educación. Isto non é normal e, no seu caso, é reincidente”, concluíu.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
Tras a comparecencia do conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez para informar do inicio de curso, o deputado do BNG, Cosme Pombo reiterou as súas críticas sobre o “deterioro” do ensino público e as consecuencias da imposición da Lomce “a toda presa e improvisación” e contra toda a comunidade educativa, das forzas sindicais e políticas galegas.
O nacionalista salientou que na Lomce aparecen “unhas revalidas” para segregar o alumnado e lémbranme, dixo “a época franquista”. Aparece un novo curso demasiado caro para máis de 200.000 familias en paro da que a metade “non percibe ningunha axuda” e que o 23% do noso país está ao borde da pobreza. O ensino público obrigatorio que “por lei é gratuíto” é unha realidade que o PP non pode negar nin acusar a oposición de “calumniar” o cuestionar ao profesorado.
O parlamentario lembroulle ao conselleiro que se produciron catro mil xubilacións e só unha oferta de emprego público de 1.000 e en Galiza segue aumentando a interinidade entre un 15% e un 20%, “non faga, dixo, comparacións con outras comunidades”. En Galiza, o profesorado que fai “a fins” aumentou nun 12% en primaria e nun 35% en secundaria e a inestabilidade no profesorado chega ao 20%, “ os cambios que vostedes fan cada ano, non son para mellorar o ensino e a calidade”.
O nacionalista reclamou “rigorosidade” ao conselleiro e denunciou o peche de escolas dende hai sete anos dende o goberno do PP, e centos de escolas que se abren “na privada”. Polo tanto, dixo, o Partido popular “ampara o ensino concertado e denigra o ensino público” con 15 millóns de euros para centros privados que segregan por sexo.
O parlamentario tamén criticou “a obsesión” do PP por manter o decreto do plurilinguismo, a pesar, dixo, de existir unha sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que “manda retiralo” e que a propia Real Academia Galega pide tamén a súa retirada igual que as AMPAS, Organizacións sindicais e partido políticos.
O deputado concluíu a súa intervención asegurando que en efecto, “estamos pasando un momento económico difícil” pero é necesario que o ensino siga sendo público, obrigatorio e “gratuíto”.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu a petición propia no Parlamento de Galicia para dar conta do desenvolvemento do inicio do curso escolar 2015/2016, ano académico no que se realizará unha enquisa a 500.000 membros da comunidade educativa para testar a saúde da convivencia escolar nos centros galegos.
Logo dunha primeira enquisa piloto, a macroenquisa online desenvolverase na primeira quincena de novembro e terá como participantes a todo o alumnado, profesorado, familias, directores e persoal non docente de Galicia. Unha vez rematada, corresponderá a cada centro analizar o seu caso particular para elaborar o seu propio Plan de Convivencia; ademais da análise global da convivencia escolar en Galicia que realice a Consellería
Esta actuación enmárcase no desenvolvemento da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 “educonvives.gal”, e a ela sumaranse outras novas medidas en prol dunha escola inclusiva e da mellora do clima nas aulas da nosa Comunidade. Neste sentido o conselleiro explicou que o seu departamento ten xa elaboradas unhas ‘Orientacións para garantir a igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero’, que foron consensuadas coa asociación de familias con menores trans (Arelas). Nesta liña, indicou tamén que o departamento que dirixe está a preparar un novo protocolo de ‘Atención en urxencias sanitarias e atención educativa ao alumnado con enfermidade crónica’ – coas súas addendas específicas para o alumnado con diabete e para a atención educativa domiciliaria, as primeiras que se desenvolven deste instrumento- , así como un ‘Protocolo integral de Protección de Datos Persoais e Identidade Dixital’, do que xa hai un primeiro borrador do referido á protección de datos; e outro en materia de autismo.
Para a elaboración destes textos contarase coa colaboración tanto das autoridades sanitarias como de diferentes asociacións implicadas para, posteriormente, seren presentados diante do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia.
Cómpre lembrar, ademais, que a Rede de Orientación educativa de Galicia é unha das mellores do Estado, e que a Comunidade Autónoma dispón dun plantel conformado por uns 3.300 profesionais, entre coidadores, especialistas de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica, orientadores e intérpretes de linguaxe de signos.
As devanditas actuacións procuran unha mellora do sistema educativo, no marco da estratexia xeral en prol da calidade do ensino que supón a implantación da lexislación orgánica vixente neste eido, a LOMCE ; en 1º, 3º e 5º de primaria no curso 14-15; no resto dos cursos desta etapa, en 1º e 2º de ESO e en 1º de Bacharelato no presente ano académico. Neste sentido o conselleiro quixo salientar “a boa acollida que os centros educativos galegos deron á posibilidade de ofertar materias de libre configuración, entre as que se atopaban Oratoria e Xadrez, a partir dun acordo parlamentario promovido polo grupo maioritario nesta Cámara”.
Non en balde, un total de 12.386 alumnas e alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato de centros de ensino galegos cursan as materias de libre configuración autonómica propostas pola Consellería Segundo os datos recompilados polo departamento educativo da Xunta de Galicia, a que máis matriculados rexistra é de Investigación e Tratamento da Información, seguido de Oratoria e a de Programación.
Por etapas educativas, en ESO impártense Educación financeira, con 263 matriculados; Investigación e Tratamento da Información, con 3.141; Oratoria, que acada os 2.727; Paisaxe e sustentabilidade, con 644; Programación, con 1.785; Promoción de Estilos de Vida Saudable, que ten 1.629 inscritos; e Xadrez, que cursan 684 alumnos e alumnas. No referido ao Bacharelato, Antropoloxía rexistrou 1.076 matriculados, Literaturas Hispánicas 96 e Robótica conta con 341 inscritos.
Ademais do esforzo do conxunto da comunidade educativa para a posta en marcha da LOMCE, Román Rodríguez quixo salientar o traballo realizado durante o verán polo seu departamento para a mellora das instalacións dos centros de ensino. Neste sentido salientou un investimento de 32’7 millóns de euros a partir de fondos FEDER, Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), fondos propios da Consellería e achegas das deputacións provinciais (agás á da Coruña); grazas ao que foi posible a mellora e ampliación de numerosos centros, así como o comezo dos labores para a dixitalización - en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia- da totalidade das aulas de ensino público de Galicia a partires de 5º de Primaria.
Neste mesmo marco de investimentos o conselleiro salientou o esforzo en equipamento en Formación Profesional, do cal se beneficiarán 46 centros e un total de 3.541 alumnos de 118 ciclos formativos. Trátase de dotar a estes centros de equipamentos de alto valor tecnolóxico (autómatas, robots, adestradores, simuladores) para o seu uso nas aulas de FP, adquirindo un total de 287 unidades repartidas en 24 tipos de equipamentos distintos relacionados coa electricidade e a electrónica, a fabricación mecánica, a instalación e mantemento e o transporte e mantemento de vehículos, entre outros. “Unha dotación que resulta fundamental para que os alumnos manexen as últimas tecnoloxías nos seus obradoiros de aprendizaxe, co que acadarán unha maior cualificación para o mercado do traballo”, destacou.
A maiores do impulso á calidade e das inversións, o sistema educativo galego do presente e do futuro baséase na equidade. Para iso, o Goberno galego ten posto en marcha un sistema de comedor escolar baseado na renda familiar, un dos máis xustos socialmente e asequibles para as familias de todo o Estado español, no que o 85,5% dos usuarios gozaron do servizo de balde ou pagando 1 euro ao día - datos do curso 2014/2015-.
Así mesmo, desenvolveuse o Gratuidade Solidaria para o acceso aos libros do texto, ao abeiro do que se repartiron 216.146 manuais do Fondo Público de libros de texto, se concederon 90.640 axudas para a compra de manuais e se deron 83.385 vales de 50 euros por neno para que as familias cunha renda pér cápita igual ou inferior a 5.400 euros/ano por membro da unidade familiar adquiriran material escolar.
Neste mesmo sentido, o conselleiro salientou o rápido crecemento do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, ao abeiro do que hoxe 4 de cada 10 alumnos da educación obrigatoria (preto de 90.000) teñen un ensino plurilingüe, cun 75% dos centros sostidos con fondos públicos participando no programa. Non en balde, a Rede de Centros Plurilingües está composta por 257 centros, funcionan 3.630 seccións bilingües e 454 auxiliares de conversa prestan apoio ao ensino de idiomas en Galicia.
Á vista destes datos Román Rodríguez quixo agradecer o labor desenvolvido polo persoal docente e non docente, Inspección educativa, equipos de orientación e demais membros da comunidade escolar nos últimos anos para avanzar na excelencia do sistema de ensino galego, “cunha folla de ruta fundamentada na calidade e na equidade”.
R.