Galicia, única comunidad autónoma que reduce el gasto farmacéutico en septiembre

O conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia, para informar do orzamento da sanidade galega para o ano 2016, que ascende a un total de 3.513 millóns de euros.
Tal e como explicou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, os orzamentos do seu departamento increméntanse por segundo ano consecutivo. Se os presupostos de 2015 subiron 11,6 millóns con respecto ao 2014, os de 2016 soben 103,3 millóns en relación a 2015. Estes 3.513 millóns corresponden ao 40% do total da Xunta de Galicia, o que amosa o firme compromiso e a aposta decidida do Goberno que preside Núñez Feijóo polo noso sistema sanitario público, -remarcou o conselleiro-.
Dentro das actividades de promoción da saúde e prevención da enfermidade, Vázquez Almuiña destacou os programas de vacinación e cribado, aos que dedicaranse máis de 14 millóns de euros (11,7 a vacinas e 2,3 a cribado), o que supón 1,2 millóns máis que no 2015.
Os programas de cribado poboacionais continuarán no seu proceso de mellora constante, destacando o de prevención de cancro de colon, que no vindeiro ano porase en marcha en Pontevedra e Lugo.
Tamén en 2016 imos continuar, -dixo o conselleiro-, co Programa galego de protección social de saúde pública, a través do que se atenden aos pacientes sen aseguramento e que carecen de recursos. Ata a data, incluíronse no mesmo 2.588 persoas.
Respecto das políticas de persoal, máis do 45% do orzamento (1.551 millóns) están destinados aos nosos profesionais, o que supón 86,6 millóns máis que no 2015 (5,84% de incremento respecto de 2015).
No vindeiro ano continuarase desenvolvendo a Estratexia Galega de Atención Integral á Cronicidade e, neste marco, realizaranse programas de intervención dirixidos a cidadáns sans ou con patoloxías crónicas menores; a pacientes con patoloxías con morbilidade intermedia; e a pacientes moi complexos con alta comorbilidade.
Tamén subliñou que no orzamento dedícanse a programas de saúde mental, drogodependencias e programas sociosanitarios 11,4 millóns de euros. Adicionalmente, o orzamento dedicado a dispositivos concertados de saúde mental é de 5,2 millóns de euros. Ademais, en materia de asistencia ás drogodependencias, a través do convenio coa FEGAMP, dotamos aos concellos con 3,3 millóns.
No campo dos coidados paliativos traballamos para asegurar a equidade no acceso aos mesmos, favorecendo a permanencia do paciente no seu domicilio e establecendo os procesos asistenciais que aseguren unha rápida resposta ante calquera necesidade que se formule.
Segundo o conselleiro, cómpre continuar a traballar no bo uso dos recursos farmacoterapéuticos aos que, a pesar de todas as medidas tomadas nos últimos anos, dedicaremos 931,6 millóns de euros, e onde aínda cremos que existe capacidade de mellora.
Destacou, así mesmo, na súa intervención, a posta en marcha no vindeiro ano da Axencia galega para a xestión do coñecemento en saúde, destinada ao fomento e coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Sergas.
Recalcou, tamén, a colaboración coas universidades galegas, coas que temos convenios, -dixo-, por un importe de 5,7 millóns de euros.
Tamén fixo fincapé en que para actuacións en materia de tecnoloxías da información a dotación é de 28,4 millóns de euros.
No que atinxe á modernización das infraestruturas sanitarias, os investimentos máis destacados para 2016 son, a finalización do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e equipamento dos quirófanos (2,9 e 2,5 millóns de euros, respectivamente), a finalización do Plan Director do C.H. Universitario de Ourense, (18,5 millóns); o Plan Director do Hospital de Burela (1,8 millóns na anualidade do vindeiro ano), e a licitación do novo Plan Director e inicio das obras de reforma do Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, por un importe de 1 millón de euros.
Tamén no vindeiro ano dotarase de máis equipamento ao Hospital Álvaro Cunqueiro (14,9 millóns), adecuarase os espazos no C.H. Universitario de Santiago para iniciar a construción da nova Facultade de Medicina (1 millón de euros) e finalizarase a obra de reforma e ampliación do Hospital do Salnés (4,3 millóns).
En atención primaria, dótase o crédito necesario par finalizar os centros de saúde en construción (Gondomar, Ares, Culleredo, Galeras-Santiago, A Valenzá-Barbadás, O Couto-Ourense, Marín, Cambre e Arteixo), así como para iniciar a construción doutros novos (Melide, O Saviñao, Pereiro de Aguiar, Milladoiro-Ames, Narón, Salceda de Caselas, Caldas de Reis e A Illa de Arousa). En total, o importe do investimento para actuacións en centros de saúde é de 12,9 millóns de euros.
No apartado de renovación tecnolóxica, no vindeiro ano desenvolveranse actuacións nos ámbitos da radioterapia, medicina nuclear, radioloxía vascular intervencionista e doutro equipamento de diagnóstico por imaxe. Contarase con 33 novos equipos e mellorarase a prestación de 30 equipos da súa base instalada. En total, 9,1 millóns de euros.
Tamén será unha novidade para o vindeiro ano a posta en marcha da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos coa fin de aumentar a coordinación e a eficacia neste apartado.
Na colaboración co sector privado, entendemos, -dixo o conselleiro-, que é importante que exista un sector privado complementario ao sector público que engada valor ao sistema sanitario no seu conxunto. Sinalar a este respecto, que o orzamento en concertos redúcese en 2016 en relación co 2015 en 2,8 millóns de euros.
O conselleiro tamén referiu que, na primeira semana da campaña de vacinación fronte á gripe, vacináronse un total de 111.000 persoas, 7.000 máis que no 2014.
Para rematar a súa intervención, o conselleiro dixo que podemos sentirnos orgullosos do noso sistema público de saúde. Temos unha sanidade que investiga, que se preocupa pola formación e a docencia, que prevé enfermidades, que promove a saúde e que ofrece unha atención primaria de calidade. Unha sanidade que traballa en solucións eficientes para garantir os seus servizos a todas as persoas.
Tamén tivo palabras de agradecemento para os profesionais, aos que lles agradeceu a súa implicación, traballo e compromiso e, por suposto, para os pacientes, que depositan en nós a súa confianza para que lles prestemos unha asistencia personalizada, coa mellor tecnoloxía e calidade, e dunha maneira eficiente e eficaz, -concluíu-.
R.