El Gobierno gallego anuncia que activará una nueva agenda de empleo en enero de 2016 y la oposición considera un insulto que se hable del trabajador 4.0 con un paro juvenil que alcanza el 27%

A Consellería de Economía, Emprego e Industria activará no mes de xaneiro de 2016 a nova Axenda de Emprego para crear máis postos de traballo de calidade e en igualdade para os galegos e galegas. Así o anunciou o titular do departamento autonómico, Francisco Conde, no Parlamento de Galicia, onde compareceu para explicar as liñas estratéxicas da área que dirixe.
Conde sinalou que a Axenda será acorde coa recuperación e dará resposta aos perfís profesionais que precisan as empresas galegas “para competir, crecer e xerar emprego”. A nova ferramenta terá un carácter transversal, integrando ao resto de políticas económicas e industriais do Goberno galego, e avaliarase cos interlocutores sociais. Contará con cinco eixos principais: a mellora da formación e a capacitación dos traballadores e traballadoras galegos; a aposta pola calidade e a igualdade no emprego; o estímulo do emprendemento; o reforzo dos servizos públicos, apostando pola calidade na atención aos usuarios e a modernización; e, por último, fomentará o emprego 4.0, para responder ás necesidades futuras que plantexará a nova industria.
No ámbito da formación, destinaranse 75 millóns de euros en 2016 e entre as medidas que se porán en marcha, Conde destacou a nova estratexia de formación profesional para o emprego que promoverá, entre outros, a formación dos traballadores nas empresas e dos seus cadros directivos e unha liña formativa centrada nos sectores estratéxicos e emerxentes.
Ademais neste ámbito, impulsarase a formación dual en colaboración de empresas e entidades e accións formativas en habilidades transversais como son as TIC e os idiomas, dous eidos para os que se realizarán programas específicos para os menores de 30 anos.
Así mesmo, o conselleiro sinalou a importancia de capacitar aos mozos e mozas galegos nos retos da innovación e a internacionalización. Neste senso, lembrou que en 2016 se porá en marcha un novo programa para que 200 mozos, futuros investigadores, poidan participar nun departamento de I+D+i dunha empresa, ao tempo que se facilitará que 100 máis poidan formarse no exterior e favorecer a súa contratación en tarefas de comercio exterior das pemes galegas. A esta última acción dedicarase un millón de euros.
En canto á mellora da calidade e igualdade no emprego, Conde avanzou que se instará ao Consello Galego de Relacións Laborais a que negocie un Acordo Marco sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. O conselleiro explicou que contará co apoio da Xunta para que sexa un instrumento “de primeira orde” co propósito de “xerar resultados prácticos na corrección das desigualdades que aínda están vixentes”. Neste ámbito tamén indicou que se dará continuidade ás axudas para promover o emprego feminino, potenciaranse os plans de igualdade nas empresas cun aumento do 28 por cento no orzamento de 2016 e se reforzarán as actuacións dirixidas a perseguir a discriminación.
Así mesmo, manterase o compromiso do Goberno galego co fomento do emprego entre as persoas con discapacidade e será unha prioridade a aprobación da nova Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral.
O reforzo do emprendemento é a terceira liña prioritaria da nova Axenda de Emprego. Por iso, Conde lembrou que os orzamentos da Consellería para 2016 reservan 40 millóns de euros só para este obxectivo. Neste eido, o titular de Economía anunciou a convocatoria da mesa de Autónomos “como eixo catalizador do diálogo co sector” e sinalou que as axudas ao emprego autónomo e as microempresas crecerán un 20%.
Resaltou que se apostará pola creación de microempresas e se manterán as axudas para os novos autónomos e para contratar traballadores, ao tempo que se achegará a este colectivo asesoramento e o financiamento da Unidade Galicia Emprende, da Rede de Business Angels, dos préstamos Jeremie, das aceleradoras como Galicia Open Future, Vía Galicia ou Agrobiotech ou da business factory que proximamente se convocará para promover o emprendemento industrial.
Para a mellora dos servizos públicos, a cuarta liña prioritaria da Axenda de Emprego, a Consellería de Economía actualizará a formación dos seus profesionais e contará con novas ferramentas para coñecer mellor ás empresas e o contexto económico de Galicia. Así mesmo, continuarase apoiando a rede de colaboradores que existen en materia de orientación e de fomento do emprego con máis de 500 técnicos “O que pretendemos é facilitar aos cidadáns atopar un emprego que se axuste as súas características e a propia demanda do mercado laboral”, subliñou Conde.
Por último, a aposta polo emprego 4.0 incluirá un programa de formación de cadros directivos e intermedios nas tendencias e tecnoloxías da fábrica intelixente, ao tempo que se iniciará un estudo dos perfís profesionais que están vinculados co novo modelo produtivo. O obxectivo, segundo explicou Conde, é identificar as novas competencias clave e realizar as accións cara a súa aprendizaxe.
A nova Axenda de Emprego preparará ao capital humano galego para a consolidación da recuperación e ás necesidades do novo mercado laboral e isto coa axuda da reindustrialización e apoiando a innovación nas empresas galegas, os novos proxectos dos emprendedores e avogando pola internacionalización da economía galega.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
O portavoz de Economía e Industria do Grupo Socialista, Abel Losada, cualificou de “insulto político” o anuncio de “emprego 4.0” do conselleiro de Industria e Traballo “nun país onde o 27 por cento dos mozos e mozas non poden nin estudar nin traballar”. Así o dixo na comparecencia do titular do departamento no Pleno do Parlamento.
Losada cualificou de “conto de Nadal” as liñas xerais de xestión presentadas polo conselleiro e esixiulle que “aterre nos problemas de verdade dos 750.000 galegos e galegas –o 25 por cento da poboación-, que ven a súa situación económica negativa. Lembroulle que a xestión do seu departamento debe centrarse nas persoas que teñen dificultades e non da clase alta.
Lembrou que “o fillo dun gran empresario ten moita máis facilidade de atopar un emprego que un compañeiro coa mesma cualificación pero fillo dun albañil ou un chapista”. Criticou que o PP anuncie hoxe unha política de emprego “irreal” mentres o ministro de Educación asegura que “sobran universitarios” e os seus gobernos baixan as bolsas de estudos “para que estuden os de sempre”.
Advertiu que tódolos novos contratos asinados en Galicia no último ano foron temporais, mentres a metade dos parados levan dous anos ou máis sen traballar, unha terceira parte dos traballadores non chegan a mileuristas e 140.000 galegos non acadan o salario mínimo.
O parlamentario socialista sentenciou que “o problema desta Comunidade Autónoma é que o único capital social e o único elemento de desenvolvemento económico son un presidente da Xunta que se fotografía xunto con un narcotraficante e un presidente da Deputación de Ourense que pide sexo a cambio de traballo”.
Acusou ao PP de seguir o modelo económico dirixido a “competir vía salarios, deteriorar de forma dramática o mercado laboral e abandonar a política de incremento da competitividade a través da mellora da investigación e o valor engadido”. Explicou que a súa estratexia de subir a recadación do traballo cando os salarios e descender o imposto de sociedades cando aumentan os beneficios busca a “redistribución inversa”.
Losada reclamou maior esforzo para apoiar ás persoas con maiores dificultades e un modelo económico redistributivo. Sentenciou que “a única forma de garantir a igualdade entre os nenos e as nenas é que coman gratis e todos xuntos no comedor escolar, xa pagarán os pais as diferenzas económicas a través dos impostos”.
O responsable socialista criticou que o conselleiro “continúe a falar de industria 4.0 cando Galicia destina tan só o 0,87 por cento do PIB a I+D+i, ao nivel de Ucraína porque Turquía xa nos adiantou”. Sinalou que o gasto neste apartado apenas supón o 3,7 por cento do conxunto do Estado para unha Comunidade Autónoma que ten o 5,1 por cento do PIB do Estado.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:
Tras a comparecencia do titular de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, o nacionalista preguntou pola estratexia para frear a perda de empresas e falta de pedidos no sector privado e público do Naval, cuestións sobre as que o conselleiro non respondeu.
O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntou ao conselleiro de Economía, Industria e Traballo se conta con algunha estratexia para frear a perda das empresa galegas e resolver a situación do naval porque na súa intervención só presumiu do descenso do desemprego a base de “salarios de miseria”.
Jorquera lembrou que Francisco Conde compareceu moitas veces nesta lexislatura pero a pesar diso, “seguimos sen saber que estratexia económica ten para Galiza o seu departamento”. A non ser, engadiu, que considere unha estratexia reiterar “frases feitas e rótulos propagandísticos” como o de Industria 4.0. Que estratexia ten para os nosos sectores produtivos, preguntou Jorquera e por que modelo produtivo aposta o goberno.
Sobre a evolución dos últimos datos económicos, o parlamentario lembrou que o PIB medra pero explicou que nalgún momento “a economía galega tiña que tocar fondo para logo repuntar” e os datos tamén reflicten que seguimos diverxendo e que a fenda segue crecendo ata tal punto que remataremos 2015 cunha Galiza “á cola de crecemento”. Ademais o maior incremento do PIB por sectores prodúcese na construción e na hostalaría polo que volveu preguntar se esa era a aposta do conselleiro pola industria 4.0.
O nacionalista destacou que os compoñentes cun peor comportamento son “o gasto público” consecuencia das políticas de recorte do Goberno de Feijóo e o “consumo das familias”, consecuencia das políticas de devaluacións interna practicada polos gobernos do Partido popular en Galiza e Madrid.
Vostedes, dixo, buscaron a competitividade a base de producir máis baixo a costa de rebaixar salarios e incentivar as exportacións pero só a automoción e o téxtil copan o 50 por cento e pretenden con isto “fiar a recuperación da economía? preguntou. É moi importante incentivar a exportación pero é necesario ollar para as Pemes e microempresas moito máis dependentes do mercado interno que do exterior e necesitan que se reactive de xeito vigoroso o consumo. Que “a xente teña poder de compra”, manifestou é máis importante que todas as medidas que vostede anunciou.
Jorquera aludiu aos custes salariais en Galiza cunha baixada do 13% máis que a media do Estado. Hoxe, afirmou a renda anual dun galego é inferior en 3.000 euros a dun español e 12.000 euros dun madrileño, con estes datos non é de estrañar que o consumo medio en Galiza no último trimestre medrara menos da metade que no conxunto do Estado.
Finalmente, o parlamentario tamén se referiu as políticas de emprego de calidade do PP das que dixo, “un de cada tres asalariados a tempo completo non chega aos 1.000 euros e do total dos traballadores o 31 por cento cobra menos do salario mínimo” e a última EPA confirma que os contratos temporais subiron un 13,8 e os indefinidos 0,2.
O parlamentario rexeitou o “modelo de precarización das condicións laborais” do que dixo, “é incompatible co modelo de crecemento” e rematou a súa intervención preguntando se a consellería de Industria conta con algunha medida para o Naval porque o sector privado ten esgotada a carteira de pedidos e o público “está farto dos seus incumprimentos”.
R.