Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Se anuncia la Estrategia Sergas 2020 con 20 objetivos de mejora de la sanidad pública gallega

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou a presentación proximamente da Estratexia Sergas 2020, un documento aínda en elaboración e que recolle o deseño do futuro inmediato do sistema. “Traballamos na súa elaboración coa ilusión e o obxectivo de facer un sistema mellor, revisando todas as actuacións postas en marcha con espírito crítico, co afán de reforzar os acertos e repensar todo aquelo susceptible de mellora”. Neste senso, sinalou que empeza con todas as aportacións de todos os axentes implicados: “Invitamos a participar a profesionais, usuarios, estudantes de medicina e enfermería, aos consellos asesores, aos membros da Comisión parlamentaria de sanidade e sindicatos e representantes de empresas”.

Así o destacou Jesús Vázquez, que compareceu a petición propia no Pleno do Parlamento para informar das liñas xerais de actuación do seu departamento. Precisamente destacou “o novo papel que desempeñan pacientes e cidadáns na súa interacción cos servizos de saúde, temos cidadáns moito máis decatados, mellor formados e informados e con maior capacidade de elección” e neste senso subliñou que hoxe en día “o usuario dos servizos de saúde esixe claramente que eses servizos se adapten ás súas necesidades, e queren garantías dunha atención integral, continua e personalizada”. Para Vázquez Almuíña facer da organización sanitario un sistema máis eficiente e elevar o nivel de saúde dos cidadáns é o principal reto do seu departamento.

Segundo explicou o conselleiro de Sanidade, actualmente, estase terminando “o proceso para validar os 20 obxectivos e identificar os proxectos a incluír na Estratexia Sergas 2020”. En concreto, hai definidos tres eixes estratéxicos, que se desenvolverán neses obxectivos nos próximos cinco anos.

Estes eixos son a atención integral adaptada ás necesidades dos pacientes, familiares e coidadores; profesionais comprometidos e coidados pola organización; e xestión eficiente, que contribúa á sostibilidade do sistema sanitario. Jesús Vázquez sinalou que “haberá un cuarto eixe estratéxico: adecuar as infraestruturas e o equipamento sanitario ás necesidades de pacientes e cidadáns”.

A Consellería de Sanidade apostou de forma decidida pola innovación, dende o ano 2010 funciona unha ferramenta para facilitar e coordinar este proceso, tanto na contorna asistencial como no ámbito investigador: a Plataforma de Innovación Sanitaria.

Neste eido destacan especialmente dous grandes proxectos de Innovación Sanitaria no Servizo Galego de Saúde, Hospital 2050 e Innovasaúde, dotados en conxunto con 90 millóns de euros do Fondo Tecnolóxico, con cofinanciación FEDER do 80%. Isto supón máis de 200 persoas implicadas directamente nos 23 subproxectos, así como o posicionamento de referencia nacional e internacional que conseguiu Galicia no terreo da Compra Pública Innovadora.

Así mesmo, Jesús Vázquez destacou que se está traballando co Ministerio de Economía e Competitividade, e coordinadamente coa Axencia Galega de Innovación, para atraer a Galicia mais fondos europeos -do periodo 2014-2020- para desenvolver novos proxectos de innovación, en particular no ámbito de envellecemento activo (Código CIEN).

O Servizo Galego de Saúde apostou nos últimos anos por medidas como a implantación da xestión integrada, a xestión por procesos, a protocolización dos criterios de priorización na xestión da lista de espera, a implantación das vías rápidas, as medidas de seguridade e calidade, a promoción do uso adecuado dos recursos farmacoterapéuticos, entre outras.

Para o conselleiro de Sanidade, “os resultados asistenciais obtidos foron bos” e conseguíronse grazas, entre outras cousas, ao bo facer dos profesionais, aos que agradeceu o seu compromiso. Entre outros, salientou que a lista de tempo de espera cirúrxica se reduciu, pasando por exemplo de 28,3 a 17,1 días en prioridade 1 entre 2009 e 2014, e a 16,2 en xuño deste 2015. A espera media para unha primeira consulta de enfermidade no hospital baixou nese mesmo período de 68,0 a 50,3 días; e o número de intervencións cirúrxicas nos centros de saúde ascendeu de 12.434 a 21.454.

Tamén se puxeron en marcha outras iniciativas como a consulta telefónica, que no período do 1 de xaneiro ao 30 de setembro de 2015 realizou 1.084.000 consultas médicas telefónicas, que representan o 9,83% do total de consultas do Servizo Galego de Saúde. Tamén se iniciou o programa Conecta-72, que desde o seu inicio o 13 de abril dese ano, e ata o 30 de setembro, realizou 91.892 chamadas, con máis do 82% de seguimento de todas as altas hospitalarias dese período.

O ano 2016 será tamén o do impulso definitivo da Plataforma e-saúde, unha ferramenta tecnolóxica de personalización de servizos para o cidadán, que fai que dende calquera lugar e dispositivo (ordenador, móbil, tableta...), este poida acceder a servizos e contidos personalizados en función do seu perfil; e se darán continuidade aos proxectos de Innova Saúde Hospital na Casa e Fogar Dixital Asistencial. Estas dúas iniciativas materialízanse nunha plataforma á que se pode acceder a través de distintas interfaces: televisión dixital interactiva, un portal web ou aplicacións en dispositivos móbiles. Estes tres instrumentos permitirán a monitorización domiciliaria e control mediante alarmas; teleconsultas, plans de nutrición e mantemento físico, formación na enfermidade de cada paciente, rehabilitación monitorizada, axenda de autocoidados, servizo de apoio a coidadores ou programas de saúde preventivos.

Nesta mesma liña, seguirase impulsando a interrelación entre profesionais a través da interconsulta electrónica ou e-interconsulta; continuarase co desenvolvemento e implantación dos procesos asistenciais priorizados; incorporaranse os procesos de urxencias á xestión por procesos asistenciais integrados; ampliaranse os grupos de traballo multidisciplinares para o deseño de novos procesos asistenciais integrados; e tamén na plena integración da saúde mental na asistencia sanitaria, desenvolveranse dispositivos nos hospitais xerais e na comunidade.

O conselleiro de Sanidade anunciou a posibilidade de atender aos lesionados medulares na zona sur de Galicia. Trátase, dixo, “dun número de pacientes non moi numeroso pero con moitas dificultades para facer desplazamentos”, e neste senso, explicou, traballando nun protocolo co 061 para a atención urxente e despois plantexar revisión periódicas para este colectivo no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Vázquez Almuíña fixo fincapé tamén noutros proxectos que levará adiante o 061, como a integración total de actividade operativa da Central de Coordinación do 061 en IANUS, a colaboración na posta en marcha dun programa integral de atención ao ictus na Comunidade, a renovación da electromedicina das unidades asistenciais, adaptando os desfibriladores ás innovacións tecnolóxicas actuais, a integración de rexistros e parámetros do paciente para garantir a continuidade asistencial, o Proxecto SIGUR. Tamén salientou a realización dun Estudo de supervivencia da Reanimación Cardiopulmonar en Galicia 2007-2015, a extensión do programa de Reanimación Cardiopulmonar nas aulas a toda Galicia, e a publicación do novo Plan de Emerxencias Sanitarias ante catástrofes e incidentes de múltiples vítimas.

A calidade e a seguridade deben ser, segundo afirmou Jesús Vázquez, “un importante eixo na asistencia que prestamos”. Nesta liña, as actuacións enmárcanse no Sistema de Notificación e Aprendizaxe para a Seguridade do Paciente (SINAPS), informatizado en todos os centros asistenciais de Galicia; o sistema de identificación nai-neno e de pacientes en urxencias en todos os hospitais; a implantación do sistema de identificación e verificación do paciente cirúrxico; o plan de humanización das áreas pediátricas, o sistema de minimización de erros na medicación; a actualización e impulso do Plan de Minimización de Riscos Microbiolóxicos nos Hospitais; e a Estratexia de Atención Integral ao Paciente con Dor, facendo especial fincapé na dor infantil, co desenvolvemento do grupo que lidera a estratexia “Tolerancia Cero á dor infantil” e o e o procedemento de abordaxe da dor crónica non oncolóxica.

Tamén se continuarán as medidas dirixidas a facilitar a prescrición eficiente dos profesionais. Entre estas actuacións, o conselleiro de sanidade destacou a implantación da receita electrónica no 100% da dispensación e no 98,7% da prescripción -Galicia foi a primeira comunidade autónoma que o fixo-; fixando obxectivos de boa utilización de medicamentos obxectivos nos acordos de xestión; e incorporando ferramentas na receita electrónica que lles sirvan de axuda.

No que se refire a actividades de promoción da saúde e prevención da enfermidade, o conselleiro de Sanidade destacou os programas de vacinación e cribado. Na vacinación infantil asegurou que a Consellería actuará sempre “conforme á evidencia científica e ás recomendacións dos organismos nacionais e internacionais, e non fronte a outro tipo de presións”.

Respecto dos programas de cribado poboacionais, lembrou a renovación tecnolóxica con novos equipos para o Programa de cancro de mama, e salientou que se continuará estendendo o programa de prevención do cancro de colon, pilotado en Ferrol, a todo o territorio da Comunidade. Actualmente está en fase de implantación en Ourense, e ampliarase a Pontevedra e Lugo.

Anunciou tamén o impulso de tres novos programas de prevención e promoción da saúde como o Proxecto lecer sen alcohol para menores, da creación dunha marca que distinga ofertas de lecer alternativo para menores de idade en discotecas ou similares onde se garanta ausencia de alcohol; o proxecto Praias sen Fume; e un progama Quitline tabaquismo, para por en marcha unha liña telefónica de apoio a fumadores en fase de deshabituación, atendida por profesionais.

Anunciou, así mesmo, que en 2016 se porá en marcha o Sistema de Vixilancia Epidemiolóxica de Enfermidades Crónicas.

No marco do exercicio da autoridade sanitaria, a Consellería de Sanidade continuará desenvolvendo o Plan de Inspección 2014-2017 que se centra nas seguintes liñas estratéxicas básicas: tutela de dereitos dos pacientes e usuarios; garantía de calidade dos servizos sanitarios, incluíndo o acceso equitativo a eles; e a loita contra o fraude nas prestacións sanitarias, instrumentando actuacións específicas para a detección de irregularidades no seu uso, así como posibles desviacións ou utilizacións indebidas.

Tamén está en marcha o Plan de inspección e auditorías que desenvolve a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, e que se centra na planificación, xestión e difusión da información das actividades inspectoras en materia de seguridade alimentaria, e a coordinación e seguimento das actuacións no marco das redes de alerta alimentaria e ambiental. Así como na implantación da política de calidade establecida para os servizos de inspección de saúde pública.

Novas axencias: de Coñecemento en Saúde e de Sangue e Tecidos
Jesús Vázquez sinalou a posta en marcha da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde como un fito fundamental para mellorar a capacidade na toma de decisións do Sergas transformando o seu capital intelectual. Esta axencia terá como obxectivos básicos realizar a xestión da formación no Sistema público de saúde de Galicia, o fomento e a coordinación da investigación nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, a coordinación e o impulso da actividade innovadora da Consellería de Sanidade e do Sergas, e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios.

Máis en concreto, a través da Axencia se estrablecerá un marco para a estabilización de recursos humanos de investigación; coordinará aos tres institutos de investigación sanitaria; continuará o desenvolvemento da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia - RIS3, en particular no seu Reto 3 “Novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación”; e se facilitará o acceso a programas de investigación da Unión Europea como o programa Horizonte 2020 da Unión Europea.

En definitiva, a Axencia nace como instrumento de cohesión de todo o ecosistema galego de coñecemento e traballará conxuntamente cos outros actores deste ecosistema -Institutos de Investigación Sanitaria, fundacións biomédicas, universidades, centros tecnolóxicos, empresas, axencias financiadoras...- para posicionar a Galicia como referente no eido da I+D+i en saúde.

Sobre a posta en marcha da Axencia Galega do Sangue, Órganos e Tecidos, que integrará ao Centro de Transfusións de Galicia, a Oficina de Coordinación de Transplantes, e as unidades de procesamento de células e tecidos da Comunidade Autónoma, Vázquez Almuiña destacou que permitirá unha optimización dos recursos e unha mellor atención aos pacientes.

Modernización de infraestruturas sanitarias e alta tecnoloxía
O titular de Sanidade referiuse tamén a varias intervencións que serán as máis destacadas en 2016: a finalización dos plans directores do Complexo Hospitalario da Coruña, e equipamento dos seus quirófanos; do Complexo Hospitalario de Ourense; a elaboración do Plan Director do Hospital da Costa e na revisión do correspondente ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Tamén destacou a dotación de equipamento para o Hospital Álvaro Cunqueiro, e a adecuación de espazos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. Tamén durante 2016 rematarán as reformas e ampliacións que se están a executar no hospital do Salnés.

Sobre as infraestruturas de Primaria, o conselleiro de Sanidade afirmou que se finalizarán os 14 centros en construción, e que se dotará de crédito necesario para iniciar a edificación doutros novos.

Sobre a dotación con alta tecnoloxía, Jesús Vázquez Almuiña destacou o Socio Tecnolóxico, cuxo obxecto é dotar ao Servizo Galego de Saúde da alta tecnoloxía necesaria para aumentar a calidade asistencial, mellorar a dispoñibilidade de dito equipamento e atender de forma máis eficiente á demanda de realización das probas diagnósticas e dos procedementos terapéuticos que empregan alta tecnoloxía, permitindo á cidadanía galega o acceso aos últimos avances.

No campo das TICs e dos Sistemas de Información, o Servizo Galego de Saúde traballará en seis grandes liñas proxectos. Os enfoques serán darlle ao cidadán unha plataforma personalizada; fomentar a asistencia non presencial e través de telemonitorización dos pacientes en casa; facilitar aos profesionais mellores ferramentas para a súa práctica clínica; mellorar os recursos sanitarios facendo especial énfase nos servizos de urxencias, programación cirúrxica e trazabilidade de recursos; seguridade dos pacientes e profesionais dotándoos de ferramentas que aseguren a confidencialidade no manexo da información; e explotación máis eficiente dos datos de saúde (Big Data).

O obxectivo no eido dos recursos humanos, segundo explicou o conselleiro de Sanidade, é continuar na aposta pola estabilidade no emprego público sanitario. Así destacou a convocatoria de OPE 2016 cunha dotación de aproximadamente 700 prazas, a creación da categoría de enfermería especialista, a regulación de itinerarios profesionais, implementación de novas funcionalidades no expediente electrónico, entre outras melloras.

No que atinxe á integración da prevención de riscos laborais na xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, anunciou a implantación dun sistema centralizado de comunicación e rexistro dos incidentes, que permitirá obter a información precisa cara a previr e adoptar as medidas correctoras que sexan necesarias.

Sobre os cidadáns, o conselleiro de Sanidade destacou que a súa participación no sistema sanitario é un dereito, mais tamén un deber. Neste senso, avaliou positivamente as “leis recentemente desenvolvidas, como a Lei de garantías, ou a de e dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais, que establecen canles para facelo”.

Doutra banda, tamén sinalou que “a información aos cidadáns parece un elemento esencial para que estes decidan individualmente como queren xestionar a súa propia saúde”; de aí o traballo da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, que realiza actividades de formación dirixidas a xerar pacientes máis activos e expertos, pero tamén cidadáns con mellores niveis de coñecementos relacionados cos recursos sanitarios do sistema e a súa adecuada utilización. Ata o pasado 30 de setembro, pasaron 19.185 pacientes, e formáronse 97 pacientes expertos, cuns elevados niveis de satisfacción.
R.