Noticias
-
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde mediante a cal se convocan as axudas da Política Agraria Común do ano 2024. Estímase que esta convocatoria manteña no seu conxunto unha dotación de 200 millóns de euros -similar á dos últimos anos- para os 25.000 agricultores e gandeiros galegos beneficiados de media cada ano. Esta orde ten dúas vías de financiamento, sendo a principal as axudas de xestión extraorzamentaria, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA) e que, debido aos cambios na xestión orzamentaria derivados da entrada en vigor do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, aínda non poden ser cuantificadas.
-
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai reforzar a protección dos pacientes inmunodeprimidos fronte a gripe na vindeira campaña de inmunización. Estas persoas serán incluídas entre os grupos de risco que recibirán unha vacina de alta carga e sumaranse aos maiores de 80 anos e as persoas de máis de 60 que viven nun centro residencial, que xa recibiron esta dose reforzada na pasada campaña. A vacina antigripal de alta carga ten un valor engadido con respecto ás convencionais ao mellorar a resposta vacinal nas persoas que a teñen indicada pola súa idade, que provoca que o sistema inmune non responda de forma óptima ás vacinas convencionais, ou en persoas inmunodeprimidas por algunha patoloxía.
-
Ao longo do encontro poderán verse 67 pezas procedentes de máis dunha ducia de nacionalidades. Serán 13 os filmes que compitan na sección oficial, dos que oito están dirixidos por mulleres. Deste xeito, a mostra, dirixida por Ana Estévez Lavandeira, volve un ano máis a darlle visibilidade ao traballo das realizadoras e directoras, o que supón un 50 % na programación desta edición. Ao mesmo tempo, o foco está posto na ollada do cinema etnográfico sobre o político, os rituais, o seu poder simbólico ou os espazos nos que se tecen as súas prácticas, relacións e significacións.
-
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, garantiu hoxe o apoio do Goberno galego na industrialización do sector lácteo da comunidade co obxecto de acadar o 75 % do leite transformado en Galicia para o ano 2025. 'É un obxectivo ambicioso, pero realista xa que progresamos moito nos últimos anos', argumentou en referencia á que Galicia xa industrializa arredor do 63 % do seu leite, á vez que se ten convertido na comunidade que produce o 42 % do leite de vaca de España. Precisamente, o mandatario galego en funcións gabou a implicación con Galicia de industrias lácteas como a de este grupo e amosou “toda a disposición” do Goberno galego en seguir apoiando con medidas iniciativas deste tipo que xeran riqueza e emprego local.
-
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, advertiu hoxe dun 'balance preocupante' no estado de execución das infraestruturas e servizos ferroviarios comprometidos en Galicia polo Goberno central e que, segundo admitiu, está a ser unha das 'inquedanzas fundamentais' do Executivo autonómico. Rueda informou de que esta é a principal conclusión dun informe da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, avaliado hoxe no consello da Xunta, sobre a situación dos servizos e das infraestruturas ferroviarias na comunidade, abordando as principais necesidades das liñas e dos servizos de tren en Galicia.
-
A Filmoteca de Galicia conmemora durante o mes de marzo o Día da Muller co regreso do ciclo anual Olladas de muller, organizado coa colaboración do Consello da Cultura Galega. O programa terá lugar entre os días 5 e 12 e ofrecerá 15 traballos de 12 directoras, entre as que destacan as dúas cineastas que gañaron en 2023 os principais festivais españois: Jaione Camborda en San Sebastián con O corno e Laura Ferrés en Valladolid con La imagen permanente. Así, o día 5 de marzo, a sala José Sellier acolle o coloquio de Camborda e Ferrés, moderado por Jara Yáñez, directora da revista Caimán Cuadernos de Cine. Ao finalizar a conversa, proxectaranse as curtametraxes Rapa das Bestas e Los desheredados. Xa o día 6 exhibiranse as súas premiadas películas La imagen permanente e O corno, que repite sesión o día 8.
-
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, estará presente na quinta edición da feira BioCultura, que se celebrará durante esta fin de semana no recinto de EXPOCoruña. A Xunta colabora co evento coa organización de actividades vencelladas coa produción ecolóxica, ademais de apoiar a presencia de quince operadores galegos coordinados polo o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), amosarán a calidade da produción ecolóxica con produtos lácteos, cárnicos, repostería ou conservas. Entre as actividades que promoverá a Axencia Galega da Calidade Alimentaria estará este fin de semana a presentacións de cociña con alimentos ecolóxicos, realizadas por cociñeiros de comedores escolares participantes na campaña “Come Local”.
-
A Xunta pide a Bruxelas unha “maior concreción e ambición” nas medidas de apoio a agricultores e gandeiros, en referencia á reunión celebrada onte polos ministros europeos de Agricultura, e da que, tras lamentar non ter unha comunicación oficial por parte do Goberno central, polo que “puidemos coñecer polos medios saíron boas intencións, pero sen acordos lexislativos nin un cronograma de actuacións”. Así o manifestou esta mañá o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, nunha visita a unha explotación de vacún de carne en extensivo de razas autóctonas Cachena e Limiá situada no concello ourensán de Laza, na que estivo acompañado polo alcalde deste municipio, José Ramón Barreal, e a xerente e socia da granxa, Teresa Gayoso.
-
O Instituto Nacional de Estatística (INE), fixo hoxe públicos os primeiros datos turísticos de 2024 referidos aos hoteis e pensións durante este mes de xaneiro. Neste mes, máis de 173.000 viaxeiros se aloxaron nos establecementos hoteleiros e fixeron máis de 310.000 noites, uns niveis levemente inferiores aos do ano pasado, e similares aos rexistros acadados antes da pandemia consolidando así a senda de intenso crecemento dos últimos anos. Neste contexto, o sector hoteleiro foi quen de manter a mellora da súa rendibilidade (nun 2%) e acadou ingresos superiores aos rexistrados antes da pandemia.
-
O sector marítimo-pesqueiro galego recolleu entre os anos 2020 e 2023 preto de 425 toneladas de lixo das costas galegas ao abeiro de 36 proxectos colectivos desenvolvidos no marco das convocatorias de axudas para accións de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos. Estas accións promovidas desde a Consellería do Mar, que lidera en funcións Alfonso Villares, involucraron a arredor de 1.200 persoas e 145 embarcacións de confrarías e pescadores repartidas por toda Galicia. Supuxeron un investimento público de máis de 1,6 millóns de euros.