Noticias
-
Galicia rexistrou o pasado mes de outubro un incremento da demanda hoteleira, medida en noites, do 4,8% e un crecemento tamén da cifra de viaxeiros aloxados do 5,6%, mentres que o crecemento medio do conxunto de España foi do 4,7% en pernoitas e do 3,7% en número de viaxeiros. O turismo galego medra, con 510.524 viaxeiros en outubro, case dous puntos por riba do indicador nacional, alcanzando así o valor máis elevado dos últimos once anos no mes de outubro.Confírmanse así os avances de resultados da política desenvolta pola Xunta de Galicia para desestacionalizar o turismo fóra da tempada alta e garantir unha actividade sostible durante todo o ano.
-
A Cidade da Cultura presentou o resultado das últimas Residencias Artísticas do Gaiás de 2024, correspondentes aos catro proxectos beneficiarios da liña de axudas promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Catro iniciativas contemporáneas que abordan temáticas como a situación do acceso á vivenda, as representacións do colectivo LGBTI+ no rural galego e na cultura portuguesa, a aplicación de técnicas de alta costura á creación de esculturas téxtiles e a creación de música a partir de cartas náuticas.
-
Desde o ano 2019, membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo estudan o xacemento arqueolóxico de Ceada das Chás/Castelo de Lobarzán, nos concellos ourensáns de Oímbra e Monterrei. Os traballos realizados para coñecer o seu pasado prehistórico deron un avance significativo coa intervención arqueolóxica levada a cabo este ano, onde se localizou unha estrutura que agora vense de corfimar que data de mediados do IV milenio aC, de hai arredor de 5500 anos. A última campaña, financiada a través das axudas GDR Agader e promovida polos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra, centrouse en áreas clave como a plataforma da aba norte do Monte Castelo.
-
O Proxecto Xenoma Galicia botará a andar a vindeira semana co envío de SMS de citación a 2.000 persoas no marco da fase piloto. Trátase dun conxunto de cidadáns seleccionados para conformar unha mostra representativa da poboación galega na súa diversidade, contando con persoas dos dous sexos, de diferentes franxas de idade e residentes en distintas contornas, tanto rurais como urbanas. Logo desas citacións, no mes de decembro, procederase á toma de mostras de sangue do primeiro grupo de 1.000 participantes, nun proceso que se desenvolverá de xeito simultáneo nos 14 hospitais da rede do Servizo Galego de Saúde.
-
A Sociedade de Vivenda Pública de Galicia ten o obxectivo de promover 2.350 vivendas públicas ata el 2028, para conxuntamente coas impulsadas polo IGVS acadar o reto de chegar ás 4.000 novas vivendas protexidas nesta lexislatura. Neste sentido a Xunta ten xa máis de 1.600 vivendas en distintas fases de execución. Para este reto, a sociedade disporá do solo residencial actualmente titularidade de Xestur, de tal xeito que poderá iniciar a construción de vivendas de promoción pública de xeito inmediato. Ademais, disporá do solo obxecto de cesión polo IGVS ou polos concellos. Unha vez que sexan redactados os proxectos de edificación correspondentes, executará as obras e entregará as vivendas aos adxudicatarios.
-
Presentáronse en Pontevedra os principais eixos arredor dos que xirará a 17ª feira Culturgal, que terá lugar do 29 de novembro ao 1 de decembro. O Pazo da Cultura da capital do Lérez volverá acoller tres intensos días de actividade, cunhas 200 citas programadas entre espectáculos, presentacións, obradoiros, exposicións ou mesas redondas. Entre as actividades programadas, os contacontos de A Vendedora de Fume e de Vero Rilo, os espectáculos do Mago Teto, Pedro Volta e Teatro Ghazafelhos, un achegamento ao proceso creativo da proposta escénica Ca-co-flex, ou as performances de Kirenia Danza e de Daniel Rodríguez arredor das súas respectivas coproducións co Centro Coreográfico Galego.
-
A Xunta de Galicia vén de seleccionar a proposta Phygital land, traducións do físico ao virtual como gañadora do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, convocado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude entre os creadores e creadoras participantes no XIV Encontro de Artistas Novos. Presentada pola artista visual Irene Molina, esta proposta achégase á relación entre o natural e o dixital desde a idea dunha paisaxe post-apocalíptica, onde a natureza foi substituída por unha imperfecta e desacougante versión dixital.
-
Este documento busca non só consolidar o liderado de Galicia como primeira potencia europea nos sectores pesqueiro, acuícola e transformador, xerando máis de 50.000 empregos directos, senón tamén promover unha conexión entre tradición e modernidade que fomente o uso das novas tecnoloxías e a dixitalización no sector, e procurar un futuro onde Galicia sexa referente en modernización e eficiencia no ámbito mariño, liderando en áreas emerxentes como as enerxías renovables e a biotecnoloxía azul. Co lema 'Onde o mar nos conecta', a Estratexia da Economía Azul de Galicia pon en valor a relación histórica da comunidade co mar, co seu futuro, coa natureza e coas persoas. Así, promove o compromiso co coidado da súa biodiversidade mediante prácticas sostibles, como a economía circular e o uso de enerxías limpas.
-
A exposición pon o foco no rico acervo de lendas e tradicións de influencia celta e precristiá, así como características climáticas e orográficas, que contribuíron á xestación dunha atmosfera favorable para que agrome a literatura fantástica en Galicia, que se transmitiu orixinalmente de modo oral, ao redor da lareira. Deste xeito afóndase en catro bloques: a tradición popular galega, a fantasía, a ciencia ficción e o terror. Comisariada pola escritora Alba Rozas e o técnico da Biblioteca de Galicia Lorenzo Romero, a mostra permanecerá aberta ata o mes de maio no horario de apertura das instalacións. Esta proposta forma parte da programación impulsada pola Administración autonómica co gallo do Día das Bibliotecas, celebrado o pasado 24 de outubro.
-
Inaugurouse hoxe na Cidade da Cultura 'Tattoo. Arte baixo a pel', a maior exposición internacional sobre tatuaxe desenvolvida ata o momento. A mostra ábrese ao público no Gaiás logo de ser visitada por máis de dous millóns de persoas no seu amplo percorrido por museos e institucións culturais de Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán, Rusia e os centros da Fundación “la Caixa” en España. 'Tattoo. Arte baixo a pel' presenta 240 pezas históricas e contemporáneas procedentes dunha vintena de países. Atopamos obxectos rituais e decorativos, fotografías, debuxos, pinturas, utensilios de tatuar tradicionais e 26 modelos hiperrealistas de silicona tatuados por algúns dos mellores artistas actuais da tatuaxe.