Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A 21ª edición do Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto exhibirá desde o 1 ata o 6 de outubro un total de 41 películas de pequeno formato procedentes de 16 países, distribuídas en tres apartados: a sección oficial Cosmos, Planeta GZ para as propostas máis singulares de Galicia, e Supernova, dedicada ao cinema emerxente galego, ademais dunha ampla programación paralela que se estende ao pensamento e ás artes sonoras e visuais máis vangardistas. As cineastas Elena López Riera, Marina Lameiro, Gala Hernández, Sandra Schäfer ou Rainer Kohlberger presentarán as súas novas obras neste certame organizado polo Concello de Santiago de Compostela.
  • En Outono Gastronómico participan 77 establecementos de turismo rural, 31 dos cales ofertan a actividade Outono Plus, con propostas que van desde paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo, visitas culturais, e outras. Por provincias, A Coruña conta con 24 establecementos participantes; Lugo, con 23, e Ourense e Pontevedra con 15 establecementos cada un. A iniciativa desenvolverase desde este 13 de setembro ao 15 de decembro, coa intención de desestacionalizar e impulsar o sector do turismo rural que, ata xullo, se aloxaron máis de 100.000 persoas.
  • Galicia converterase na capital mundial da maxia do 3 ao 20 de outubro coa terceira edición do Festival Galicia Ilusiona. O Festival Mundial de Ilusionismo – Galicia Ilusiona comezará o vindeiro 3 e 4 de outubro en A Coruña, para continuar o 5 en Ourense; o 6 en Pontevedra; o 11 e o 12 en Santiago de Compostela; o 13 en Ferrol; o 18 en Lugo e finalmente, o 19 e 20 en Vigo. En total serán 20 sesións da maxia máis internacional. As entradas poden mercase aínda na web de Galicia Ilusiona. Así o anunciou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, na presentación desta iniciativa que, encherá a oferta turística urbana do outono con sesións de maxia nas sete principais cidades de Galicia.
  • Ante a presenza de partículas de po en suspensión procedentes do fume dos incendios de Portugal, que pode producir efectos adversos na saúde, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, fai unha serie de recomendacións á cidadanía. Ata que este episodio non remate, a Xunta recomenda tomar precaucións como non practicar actividades ao aire libre, sobre todo exercicio intenso, pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios, manterse en ambientes húmidos e hidratarse, sobre todo, no caso daquela poboación que pode ser máis sensible.
  • A cita inclúe os concertos que terán lugar en diferentes localizacións onde o mércores 2 de outubro actuarán no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia a soprano Roberta Invernizzi, o tenor Marcello Nardis e Ars Atlántica dirixidos polo director Manuel Vilas. O sábado cinco será o turno de Concert le Phénix e Fernando Santiago na igrexa da Universidade, onde tamén estarán El Afecto Ilustrado e Adrián Linares o martes 15. O Teatro Principal acollerá o luns sete de outubro a Dolce Rima, o martes oito a Diego Ares e o sábado 12 a La Reverencia e a Andrés Alberto Gómez. Ademais haberá actividades como conferencias, club de lectura, proxección e improvisacións.
  • Este domingo 22 a partir das 16,00 horas, o Festival Go! Go! Zo! abre as súas portas no Monte do Gozo para ofrecer a macroactuación organizada pola Casa do Rock con versións en galego de temas míticos do rock de sempre como Born To Be Wild, de Steppenwolf; Holiday, de Green Day; Believer, de Imagine Dragons, e o himno da mesma escola. Ao encontro, no que xa se prevén máis de medio milleiro de asistentes, pode participar calquera persoa, tanto cun instrumento como coa súa voz. O único requisito para facelo é inscribirse na web oficial da escola e descargar as partituras.
  • Presentouse hoxe a quinta edición do 'Maré. Festival de Músicas e Artes Atlánticas', un evento de carácter multicultural que converterá a cidade de Santiago de Compostela nun punto de encontro cultural e lingüístico. Esta cita contará cunha trintena de artistas chegados doutros países como Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina ou Portugal. A iniciativa, que se celebra dende o día 25, pon de manifesto esta diversidade lingüística cunha programación específica polo Día Internacional das Linguas o día 26. O Maré acollerá unha ampla oferta de iniciativas que van desde a música ata as artes escénicas.
  • Boa parte do público do Underfest Xacobeo, un dos últimos eventos do verán musical en Galicia, procede, non só de fóra da cidade de Vigo, senón da comunidade, grazas a un cartel que combina bandas e artistas consagrados como Richard Hawley, Ash, Gigolo Aunts e El mató a un policía motorizado con novos talentos como La Cendejas, La Milagrosa ou Sistema de Entretenimiento. Tamén forman parte da carteleira deste ano os concertos dos artistas galegos Eladio Santos e Santi Araújo.
  • O primeiro concerto do ciclo Ópticas contemporáneas, organizado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, liga este domingo os sons dos devanceiros coa composición contemporánea. A actuación reúne o Ensemble Música Práctica co multiinstrumentista e luthier Abraham Cupeiro, convidado de honra para interpretar por primeira vez en Galicia a obra A constelación de Saxitario, composta especificamente para el polo compostelán Fernando Buide. A peza é un encargo conxunto da Quincena Musical de San Sebastián e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, dentro das accións de apoio á creación artística.
  • Os días 20 e 21 de setembro, 42 novas iniciativas empresariais darán a coñecer os seus produtos e servizos na décimo primeira edición do encontro do emprendemento Pont-Up Store, que terá novamente como sede central a carpa que se instalará na praza de España, onde se desenvolverán tamén boa parte das máis de 25 actividades que integran o seu programa. Impulsado pola Universidade de Vigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, co Concello de Pontevedra como patrocinador principal e o apoio de Deputación e Xunta de Galicia, esta iniciativa converterá a cidade na “capital do emprendemento”, como sinalou a vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, na presentación do programa de actividades.