Noticias
-
Os hoteis galegos rexistraron o pasado mes de setembro máis de 632.000 viaxeiros aloxados que fixeron 1,15 millóns de noites, o que supón un incremento do 5,9% e 4,2% respectivamente con respecto a 2023. En canto ao impacto económico, tamén se rexistrou un incremento da rendibilidade hoteleira que sobe 8,6% con respecto ao ano pasado e estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos de 51,6 millóns de euros, un 7,8% en relación co 2023. Así se desprende dos datos feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que indican que Galicia supera en ocupación hoteleira os rexistros previos á pandemia, nun 10,9% e que volve medrar por riba da media española.
-
O Centro Dramático Galego inicia este xoves día 24 en Lugo a xira que levará o seu espectáculo Terceiro acto a oito escenarios durante o seu regreso ás táboas co gallo da celebración do 40º aniversario da compañía pública de Galicia. Materializarase así o percorrido que non fora posible levar a cabo con esta produción en 2021 por mor da pandemia. O Auditorio Municipal Gustavo Freire da capital lucense recibirá esta montaxe o xoves ás 20,30 h., na que será a súa primeira representación fóra do Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede da unidade teatral da Xunta. Alí vén de ofrecer 14 funcións tras a súa reestrea do pasado día 3, nas que tamén recibiu público dos preto de 50 concellos que fixeron uso do plan de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?
-
Unha vez analizados todos os expedientes, resolveuse outorgar 24 galardóns a outros tantos concellos, o que supón un 33% máis que na edición anterior e a cifra máis alta de bandeiras verdes concedidas desde a creación deste distintivo. Ademais, 11 dos municipios lucirán o galardón por primeira vez. Concretamente son: Ares, Begonte, Boiro, Cospeito, Larouco, Lugo (a primeira cidade galega en obter a bandeira verde), Muíños, Ribadeo, San Sadurniño, Silleda e Vilariño de Conso. Repiten como municipios galardoados, nunha ou en varias edicións anteriores, os de Porto don Son, Cervo, Curtis, A Illa de Arousa, Muros, Ordes, Outeiro de Rei, Parada de Sil, Porqueira, Ribeira, Sanxenxo, Sober e A Laracha.
-
A Rede Localis, Rede de Administración Local, fixo público este venres un novo documento de análise do seu Observatorio Municipal Galego, unha das actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo. Nel preséntase un ránking de solvencia financeira dos concellos galegos máis poboados, é dicir, das sete grandes cidades. O informe, titulado 'Diferenzas nos indicadores de solvencia financeira entre os municipios con máis poboación en Galicia', foi elaborado por Alberto Vaquero, codirector da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.
-
Este sábado 19 e outubro, ás 19,00 h., o Auditorio de Galicia acollerá a estrea estatal da produción do Teatro Nacional São João de Porto As bruxas de Salem, dirixida por Nuno Cardoso a partir do texto orixinal de Arthur Miller. O CDG, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, posibilita esta representación no marco das liñas de traballo abertas entre a unidade de produción teatral da Xunta coa escena lusa e da carteleira Quintas do Camoẽs. Con esta revisión do texto do dramaturgo e guionista estadounidense Arthur Miller, Nuno Cardoso continúa a súa investigación sobre os fundamentos da vida comunitaria, realizando un novo ensaio sobre a cegueira do home social.
-
A través do programa PIMA Eventos Adversos, e cun investimento de máis de 450.000 euros, incorporaranse á extensa rede de observación de MeteoGalicia, un conxunto de sensores específicos para medir novas variables atmosféricas. Así, ademais dos modelos de previsión actuais, contarase con medidas reais sobre a estrutura vertical da atmosfera, cuxo coñecemento é fundamental, por exemplo, á hora de deseñar a mellor estratexia para a extinción dun incendio forestal. Ademais, a aplicación de técnicas de intelixencia artificial permitirá o cruzamento de datos co que se obterá máis información sobre o comportamento de fenómenos como vagas de calor, inundacións, períodos de seca, etc.
-
O Teatro García Barbón-Afundación acollerá o ciclo organizado por Vitruvia para o vindeiro mes de novembro (días 5, 6, 12 e 13) no que destaca a calidade da música e dos seus intérpretes. A apertura dos concertos correrá a cargo de Corrente do Golfo, enmarcado no world-jazz de orixe ibérica, que fusionará a cultura galega, española e cubana a través do produtor Alberto Conde e a cantante cubana Diana Darín. O mércores 6 de novembro será a quenda da música clásica co concerto De Bach a Glass da man de Paula Diz.
-
A segunda cita de Ópticas contemporáneas, o ciclo impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, propón ao público unha experiencia sonora e visual que reflexiona sobre cuestións actuais abordadas pola antropoloxía e as ciencias sociais. A saúde mental, a degradación do medio ambiente, as desigualdades extremas ou as violencias son algúns dos temas que traslada desde o coñecemento científico á práctica artística a orixinal proposta multimedia Mudar a pel, o venres 18 de outubro, ás 20,00 horas, no Museo Gaiás. Mudar a pel é resultado da primeira residencia de investigación e experimentación artística impulsada polo Instituto de Ciencias do Patrimonio e a Xunta de Galicia.
-
Do 21 ao 25 de outubro, o Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá a vixésimo segunda edición desta cita, baixo o lema Existir é resistir. Ao longo da semana, o público poderá gozar de filmes como The teacher, da directora nomeada aos Óscar e gañadora do BAFTA, Farah Nabulsi; Insahallah Wallad, estreada mundialmente no Festival de Cannes de 2023 e primeira longametraxe do xordano Amjad Al Rasheddd; To a land unknow, do cineasta palestino Mahdi Fleifel, multipremiado con galardóns como o Premio da Paz da Berlinae, e The Old Oak, do prestixioso director británico Ken Loach que conta con varias filmacións premiadas internacionalmente, nas que predominan os temas sociais e políticos.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou hoxe a necesidade de mellorar as conexións ferroviarias entre Galicia e Portugal e dar un impulso real á liña de alta velocidade que unirá ambos territorios. 'Ten que ser un obxectivo fundamental porque vai permitir interconectar persoas e mercadorías', indicou Rueda. Así o reclamou esta mañá tras asumir a presidencia rotatoria da Comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal, un organismo creado en 1991 para potenciar a colaboración na Eurorrexión. 'Temos unha relación que é un tesouro e temos que coidar', indicou sobre a cooperación entre ambas rexións en diferentes eidos desde hai anos.