Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o papel fundamental que xoga o sector vitivinícola na economía galega, tendo un carácter estratéxico ao xerar emprego, sobre todo no rural, fixando poboación con xente nova e promovendo o selo Galicia Calidade. Así o manifestou durante unha visita á bodega As Laxas, no concello pontevedrés de Arbo, no que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e na cal enxalzou a traxectoria desta "empresa familiar" como exemplo de emprendemento rural que, ao longo de catro xeracións, conseguiu combinar tradición e innovación, acadando "moito nome xa en toda Galicia".
  • Os hoteis e pensións galegos recibiron o pasado mes de xullo máis de 600.000 viaxeiros que fixeron preto de 1,3 millóns de noites, o que supón un incremento de 2,5% e que trouxo consigo bos datos económicos para o sector, cun incremento da rendibilidade hoteleira de máis do 7%. Así se desprende das magnitudes feitas públicas hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre viaxeiros e noites nos hoteis e pensións rexistrados en xullo. A falta de coñecer os datos do resto de establecementos de aloxamento que se publicarán a vindeira semana, constátase que o turismo en Galicia acumula tres anos consecutivos de estabilidade no verán e consigue situarse por riba dos valores previos á pandemia, superando nun 5% a cifra de xullo de 2019 en hoteis e pensións.
  • Galicia acordou, xunto ao resto de comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, no marco da Comisión de Saúde Pública, reforzar a información e as medidas para a detección e control da varíola do mono (mpox), tal e como se leva realizando xa nos últimos días desde a Consellería de Sanidade. A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, confirmou que Galicia está a intensificar a vixilancia epidemiolóxica de mpox, así como o seu control e prevención primaria a través da vacinación dos contactos estreitos e grupos de risco.
  • Os centros de Infantil e Primaria comezarán o curso o vindeiro 11 de setembro cun total de 174.998 alumnos, o que supón un descenso de 4.030 estudantes respecto ao curso 2023/24. A pesar deste descenso de matrícula, estes centros contarán co mesmo número de aulas. En concreto, no caso dos colexios públicos, haberá en funcionamento 7.336 aulas, dúas máis ca no ano académico que vén de rematar. Ademais, o número de mestres incrementarase nestes niveis respecto do ano anterior, con novas incorporacións ata o mes de setembro. A aplicación do acordo sindical permite manter abertas 204 aulas que, coas rateos anteriores, pecharían. Estímase que o acordo vai permitir manter arredor de 900 aulas abertas nos tres próximos cursos.
  • A Xunta de Galicia, a través da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), formou durante o primeiro semestre do ano a máis de 5.000 persoas no eido da xestión sostible dos residuos municipais. Estas accións divulgativas, impartidas en sesións presenciais polos educadores da empresa pública, repartíronse por distintos municipios das catro provincias da comunidade. A celebración destas xornadas dá resposta ás necesidades trasladadas por concellos, centros educativos e outros colectivos sociais para que, mediante charlas, cursos ou talleres, o público participante aprenda como é a óptima xestión tanto dos residuos que se xeran nos fogares como nas empresas.
  • A artista Bewis de la Rosa, impulsora do rap rural, e o dúo galego ALARIDO subirán esta semana ao escenario de Atardecer no Gaiás. O ciclo de concertos ao aire libre, impulsado pola Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude a través da Cidade da Cultura, continúa este xoves e venres con dúas propostas multifacéticas, innovadoras e descaradas para bailar coa posta do sol. Os concertos serán ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con entrada libre e gratuíta.
  • A Xunta reforza as medidas preventivas fronte ao mpox, máis coñecida como varíola do mono, e proporá ao Ministerio de Sanidade, nas reunións desta semana entre o Goberno central e as comunidades autónomas, no marco da Ponencia de Alertas Epidemiolóxicas e da Comisión de Saúde Pública, que se intensifique a información sobre esta enfermidade (características, síntomas, países con brotes, etc.) nos lugares que reciben viaxeiros das zonas afectadas pola nova variante desta enfermidade. O obxectivo do Executivo galego é que o viaxeiro dispoña de toda a información para que, en caso de aparición de síntomas característicos como poden ser as lesións na pel, saiban que facer e onde acudir.
  • O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2024 incorpora novidades en diferentes eidos, como a prevención e a vixilancia. O Pladiga, cuxas actualizacións foron aprobadas polo Consello da Xunta, estrutúrase en varios plans específicos, como son o de prevención (xa informado polo Goberno galego o pasado día 15 de abril); o de detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; o de extinción e o de formación. Este plan contempla a adquisición de seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes, que permiten facer traballos preventivos de roza (incorporando, de accesorio, un brazo lateral con disco de corte) e de extinción, ao dispoñer de espazo para depósito de auga con lanza e enganches para mangueiras e soprador de aire para limpeza de calzadas e gabias.
  • A Xunta impulsou unha bolsa de voluntarios para a cobertura dos Puntos de Atención Continuada; un programa especial de apoio á atención primaria por parte do persoal do 061; unha oferta de mobilidade temporal e voluntaria cara a aqueles centros que precisen reforzos; e a encomenda de funcións aos médicos residentes de cuarto curso, para que poidan axudar no verán de xeito voluntario, incentivado e baixo supervisión. Deste xeito, reforzáronse os centros de saúde, os PAC e urxencias hospitalarias con 111 médicos residentes, 104 de medicina familiar e comunitaria e 7 de pediatría, que se sumaron á encomenda realizada polo Sergas nos últimos meses da súa formación.
  • O Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, amplíase a máis centros e alumnos no próximo curso 2024-2025. A Xunta de Galicia publicou hoxe no Portal Educativo a resolución cos oito centros que se incorporan e os 45 que continúan neste programa. Trátase dos institutos IES Punta Candieira (Cedeira), IES A Sardiñeira (A Coruña), IES de Cacheiras (Teo), IES de Rodeira (Cangas) e IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa); así como dos colexios CPR Plurilingüe Alca (Ames), CPR Plurilingüe Cristo Rey (A Coruña) e CPR Plurilingüe Las Acacias (Vigo).