Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • CulturON, a campaña de actividades estivais que se estenderán por toda Galicia ata setembro, chegará este ano a máis de 200 concellos co obxectivo de dispor dunha oferta cultural descentralizada e diversificada, accesible a todos os públicos con independencia da súa idade ou do seu lugar de residencia. Organízanse así case 550 actividades no marco dos distintos festivais que se celebran en moi diversas localidades (de narrativa, teatro, música...) con algunhas citas de especial relevancia como son as englobadas no Fest Galicia ou a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Ademais, súmanselle os máis de 800 eventos vencellados a circuítos de danza, maxia, música, espectáculos de rúa, novo circo ou literatura, que farán fincapé nas zonas rurais.
  • Os hoteis e pensións galegos melloraron a súa rendibilidade e rexistraron datos históricos de viaxeiros e noites no mes de maio, como así o constatan os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con 552.000 viaxeiros aloxados e algo máis de 911.000 noites nos establecementos hoteleiros en maio, incrementouse un 16% a cifra de viaxeiros e un 14,5% a de pernoitas, en ambos casos con cifras superiores á pandemia e por riba da media española. Por mercados, destaca o incremento do internacional que medrou un 23% nese mes e Galicia colocouse como a terceira comunidade que medrou con máis intensidade en maio, por detrás de Aragón e Cantabria.
  • Quedan tres meses para inaugurar a oitava edición do festival de cine freak e fantástico de Vigo e o equipo de programación está inmerso na busca das mellores curtametraxes de ciencia ficción, terror, fantasía, humor e animación producidas en todo o mundo e que formarán parte da Selección Oficial do GFFF. O traballo intensifícase logo de pechar a convocatoria de recepción de pezas o pasado 10 de xuño que, gozou de gran aceptación en toda Europa, América e Asia. Recibíronse máis de 400 curtametraxes, que se suman ás máis de 700, a maioría inéditas en Galicia, que o equipo xa leva visionadas.
  • A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, puxo en valor hoxe a aposta da Xunta polo emprego inclusivo no peche da xornada Trazando Camiños: oportunidades e aprendizaxes arredor da orientación especializada en persoas con dano cerebral adquirido, que tivo lugar en Santiago e estivo organizada por Sarela, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela. A iniciativa busca reflexionar e poñer en común experiencias de inclusión sociolaboral no terceiro sector co obxectivo de crear ferramentas e estratexias para mellorar as taxas de emprego das persoas con dano cerebral.
  • O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, recolleu hoxe en Bruxelas o premio a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, que recoñece a aposta da Xunta por desenvolver o potencial das nosas catro provincias a través de actividades empresariais que contribúan a fixar poboación. O acto celebrouse no marco da 161 sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións e alí o conselleiro destacou que se viu recoñecida a proposta O rural como espazo competitivo para emprender, que persegue visibilizar a Galicia non urbana como un territorio cheo de oportunidades, tanto para os residentes, como para os galegos retornados ou os moitos que elixen a nosa terra para establecerse.
  • Dique pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente. A peza nace do desexo do director artístico de Nova Galega de Danza, Jaime Pablo Díaz, de recuperar a historia esquecida das máis de 200 mulleres que, durante a construción do Dique da Campá de Ferrol entre 1874 e 1879, retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas. Nova Galega de Danza formou un equipo artístico e técnico integramente feminino, con Marta Pazos á fronte da dirección.
  • O Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia acada xa unha execución financeira que supera o 83 % do seu importe total. Isto significa, subliñou, que xa se executaron por parte da Xunta máis de 1.300 millóns de euros ao abeiro deste programa, e ademais que o grao de aplicación do PDR supera en seis puntos a media nacional, que se sitúa no 77,2 %. O PDR supón para o rural galego unha aposta por fomentar a competitividade da agricultura na nosa comunidade, así como por conservar e revalorizar o seu patrimonio natural, promovendo a xestión sustentable dos recursos e a loita contra o cambio climático. Este programa representa ademais unha clara orientación cara á mellora da calidade de vida da poboación rural.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonónimo destinará 'máis de 12,5 millóns de euros' para garantir a asistencia sanitaria no verán. Este investimento dirixirase 'a contratar médicos para substituír aos que están de vacacións, contratar a facultativos adicionais e reforzar os centros das zonas con maior afluencia nesta época do ano'. Ademais das medidas ordinarias de organización de profesionais que se veñen realizando cada ano, a Consellería de Sanidade considera necesario poñer en marcha outras de carácter extraordinario, dirixidas a dotar de suficiente persoal os centros durante o verán e 'a garantir a máxima calidade na atención sanitaria durante uns meses especialmente complicados'.
  • A posta en escena de La Bohème abrirá esta 72ª edición con dúas representacións o 8 e o 10 de setembro no Palacio da Ópera. A homenaxe a Puccini arranca, pois, cunha das súas obras máis coñecidas, que regresa á Coruña despois de 17 anos. Con ela, volven tamén á Temporada Lírica o tenor Celso Albelo e a soprano Miren Urbieta-Vega, nos papeis protagonistas desta produción da Luglio Musicale Trapanese, con dirección escénica de Danilo Coppola. Helena Abad, Manuel Mas, Simón Orfila, Pablo Carballido, Jacobo Rubianes e Alfonso Castro completan o elenco desta montaxe, na que José Miguel Pérez-Sierra levará a batuta da Orquestra Sinfónica de Galicia e para a que se contará, así mesmo, cos coros Gaos e Cantabile.
  • O cantante Rod Stewart vén de incorporarse ao cartel de O Gozo Festival 2024 co concerto que realizará o vindeiro 15 de decembro no Coliseum da Coruña. O artista, con máis de 250 millóns de discos e singles vendidos na súa carreira musical, chegará a Galicia da man deste festival que, ademais, ten programadas distintas opcións durante este ano en diferentes cidades galegas a cargo de reputados artistas internacionais. Nestes momentos hai máis de 52.000 entradas vendidas para o inicio da programación con público confirmado de Uruguay, Finlandia, México, Arxentina, Irlanda ou Xapón.