Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • Baixo o título 'Horizontes Dixitais', o Centro GaiásTech organiza 4 de xuño unha xornada sobre os retos e oportunidades da transformación dixital nos sectores cultural, deportivo e turístico. O encontro, que terá lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, está dirixido á cidadanía e empresas e os interesados en asistir só precisan inscribirse na portal do GaiasTech. A xornada estrutúrase en tres mesas redondas, unha por sector, ademais dun relatorio e unha demostración de olería orixinal. O CEO de Neuromobile, Raúl Serapio, recoñecido como uns dos 100 directivos máis creativos pola revista Forbes en 2022, será o encargado da conferencia inicial.
  • O Festival IKFEM, centrado na música relacionada cos instrumentos de teclado, celebra a súa 12ª edición do 17 ao 21 de xullo en Tui e Valença do Minho. O evento transfronteirizo, que une o talento artístico da península contará con actuacións en enclaves de especial interese patrimonial como a Igrexa de Santo Domingo de Tui. Nesta edición o certame ofrecerá concertos únicos como os protagonizados polo cantautor Salvador Sobral xunto co pianista Marco Mezquida ou a soprano María Hinojosa co galego Daniel Pereira ao teclado.
  • Foi inaugurada no Museo de Belas Artes da Coruña a exposición Doazóns 2015-2023, na que se amosan 100 obras de artistas galegos do século XX -excepto dúas do século XVII- provenientes de 16 particulares que doaron nestes últimos oito anos pezas de importantes creadores. Esta mostra, que poderá verse no Museo ata o 30 de setembro, está pensada como unha continuación ou ampliación da exposición Doazón Tomás Barros, inaugurada o pasado 2 de maio. Entre os artistas representados en Doazóns 2015-2023 atópanse autores como Joaquín Vaamonte, Sotomayor, Manuel Abelenda, Lago Rivera, Laxeiro, Antonio Tenreiro, Sucasas, Úbeda, Lodeiro, Lugrís Vadillo, Elena Gago, María del Carmen Corredoira, Blanca López, Xaime Quesada ou Francisco Lloréns entre outros.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai facer un manifesto conxunto entre a rexión do Norte de Portugal e Galicia para defender a conexión ferroviaria de alta velocidade entre os dous territorios: “Imos presentar en pouco tempo un manifesto conxunto, xunto coa Comunidade de Traballo do Norte de Portugal, en defensa de que o Norte de Portugal e Galicia teñan un ferrocarril, un transporte do século XXI”, declarou. Neste sentido, celebrou que neste asunto Galicia e Portugal estean completamente aliñados nos seus intereses, xa que no Goberno luso ven esta conexión como algo prioritario.
  • A mostra 'Outras historias posibles' é un proxecto que promove desde a Cidade da Cultura unha mirada diversa sobre a historia da arte contemporánea galega, reivindicando as traxectorias de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré. A mostra reúne no Museo Centro Gaiás máis dun cento de pinturas, esculturas, xilografías e debuxos que permiten apreciar o devir creativo de cada unha delas de maneira individual, sen obviar o contexto social e persoal no que se desenvolveron profesionalmente. A maternidade, os roles de xénero, as modas e tendencias no mercado da arte, ou mesmo as disciplinas escollidas para traballar, revélanse en Outras historias posibles como elementos que impactaron na súa forma de entender a creación, nos camiños que decidiron tomar e na visibilidade das súas traxectorias.
  • A partir deste xoves, 30 de maio, quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia ata novo aviso. Isto implica que non se darán máis permisos e os xa concedidos quedarán en suspenso a partir do xoves. Quedan excluídas desta prohibición as queimas controladas que executa o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais debidamente planificadas e dispoñendo dos medios de extinción precisos. A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación meteorolóxica e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.
  • Entre as principais novidades da actualización de 2024 está o incremento do número de cámaras nos montes que permitirá que o 85% do territorio galego en risco de incendio contará con videovixilancia. En concreto, vanse instalar outras 24 cámaras en 12 novas localizacións, e dicir, a rede de videovixilancia fixa vai contar con 177 cámaras en 88 puntos. Á hora de establecer a localización concreta das cámaras, tívose en consideración o feito de que proporcionen cobertura visual das zonas nas que se rexistra unha maior actividade incendiaria, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de alto risco de incendios (ZAR).
  • Foi presentada na Casa do Concello de Ribadavia a oitava edición de No bico un cantar, unha proposta que reunirá este venres a un coro de máis de 350 nenos e nenas para homenaxear a Xeración Nós coa interpretación de poemas de Otero Pedrayo, Risco ou Álvaro de las Casas. Esta proposta que adobía música, poesía e mocidade lévase celebrando ao abrente do verán dende o ano 2013 en diferentes concellos de Galicia co obxectivo de unir a música e a tradición literaria galega para divulgala entre o alumnado dos conservatorios profesionais de música e os centros do ensino musical de toda Galicia. Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento nos metais de Hércules Brass, os versos de Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e Álvaro de las Casas cobrarán vida nas voces de nenas e nenos dos conservatorios das sete cidades galegas.
  • Dentro do seu compromiso por seguir afondando nun turismo de calidade e desestacionalizado e tamén na procura de fórmulas que atraian a Galicia viaxeiros de alta capacidade de gasto, Turismo de Galicia está participando en Milán nunhas xornadas con máis de 20 operadores especializados neste mercado. Enmárcase na aposta por seguir reforzando a presenza do turista internacional, que está medrando nos últimos anos e que é un dos obxectivos estratéxicos máis inmediatos. Ademais, lévase anos traballando para atraer un tipo de viaxeiro de alto poder adquisitivo que estatisticamente realiza un importante número de viaxes ao ano, polo que contribúe a romper a estacionalidade turística.
  • O dispositivo de loita contra incendios forestais da Xunta contará este ano, por primeira vez, con seis novas máquinas hidrostáticas polivalentes, que poden realizar tanto labores preventivas como de extinción. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, co gallo da súa participación na reunión do Consello Forestal de Galicia, que entre outros asuntos coñeceu as actualizacións do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2024. Este documento contempla entre as súas novidades a adquisición destes vehículos autopropulsados, que permiten facer traballos preventivos de roza (incorporando, de accesorio, un brazo lateral con disco de corte) e de extinción.