Noticias
-
29 cargos municipais do PP de Lugo, encabezados pola Presidenta Provincial, Elena Candia e o Voceiro Provincial, Antonio Ameijide, visitaron as instalacións de Aspnais para coñecer directamente a realidade desta Asociación. Vinte deles eran Alcaldes ou tenentes de Alcalde, e nove voceiros representantes do PP nas respectivas Corporacións. Participaron os alcaldes de Abadín, Baralla, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guntín, O Incio, Monterroso, As Nogais, Pastoriza, Portomarín, Riotorto, O Vicedo, O Corgo, Outeiro de Rei, Paramo, Pastoriza; Alcaldesa de Rábade, Tenente de alcaldesa de Paradela e tenente de Alcalde de Palas de Rei.
-
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou na Coruña na presentación de The Key, escola de empregabilidade no ámbito das TIC do Grupo Nortempo. Alí salientou as vantaxes de apoiarse na intelixencia artificial para cubrir as demandas das empresas en relación coas necesidades de man de obra e atender as persoas que estean buscando activamente traballo. Nesta liña, salientou que a Xunta puxo en marcha a ferramenta software EMi nas 54 Oficinas de Emprego de Galicia para facilitar a conexión da oferta e demanda en tempo real mediante recomendacións baseadas na IA.
-
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, despois de participar no Future Energy Summit 2024, destacouque a Lei de Recursos Naturais que se está a tramitar no Parlamento galego permitirá abaratar a factura eléctrica a familias e empresas, así como avanzar na autonomía enerxética da comunidade. Nestas xornadas, o director xeral explicou que a Lei converterá a riqueza natural de Galicia en riqueza social e garantirá que todos os proxectos que se desenvolvan na Comunidade teñan unha repercusión positiva no territorio.
-
A Federación Europea do Camiño de Santiago que integra a administracións públicas de 10 países vén de notificar á Xunta de Galicia a renovación da certificación como Primeiro Itinerario Cultural Europeo do Camiño de Santiago, unha renovación que avala o traballo realizado pola Xunta e demais administracións públicas e asociacións nos últimos anos para conseguir manter e conservar os criterios que fixeron posible este recoñecemento hai máis de 30 anos. Desde o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais felicitan á Xunta pola súa participación activa para manter os criterios establecidos polo Consejo de Europa.
-
A última xornada do proxecto, celebrada en Quiroga, deixou como reivindicación a continuidade na financiación por parte do Miteco para 2025, sinalando o responsable do proxecto - José María López Bourio-, diante do Alcalde de Quiroga e representantes da Xunta de Galicia, “que un proxecto de tanto alcance coma este en tres concellos que estiveron abandonados polas AAPP non resolve o Reto Demográfico nun só exercizo". Ao referirse á chamada España baleira, afirmou que en realidade o que esta é abandoada en xeral polas AAPP e que o atraso de decenios hai que abordalo a medio prazo, subliñando que nun ano "temos traballado moito por O Courel, con actividade nos tres concellos - Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso - pero os obxectivos de crear empresas, de crear emprego e condicións de vida digna non se revirten nun ano; queda moito por facer".
-
O Plan de Xestión da Ribeira Sacra segue o seu camiño de cara a establecer os vindeiros pasos a dar a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra, seleccionada polo Consello do Patrimonio Histórico como a proposta oficial de España para ser declarada patrimonio mundial pola Unesco en 2026. Ao longo do ano, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, deberán completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco. Posteriormente, a documentación será presentada no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en setembro deste ano, á que se lle engadirá unha nova entrega cos avance nestes informes en febreiro de 2025. Trátase de que toda a documentación sexa avaliada polos órganos consultivos antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026.
-
A Xunta salienta que os sistemas de control da calidade do aire constatan que Galicia cumpre cos valores establecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), o que, ademais, supón unha “boa base” para afrontar os novos obxectivos establecidos pola Unión Europea e a OMS para o ano 2030 neste eido. De feito, a Xunta realizou xa unha análise para coñecer a repercusión na calidade do aire de Galicia dos novos parámetros de cara a 2030. Nesa liña, analizáronse os datos recollidos pola Rede de Estacións no período 2018-2022 en base aos parámetros da nova directiva. A maiores, fíxose unha proxección das emisións na Comunidade en 2030, coa que se realizou unha simulación do estado da calidade do aire á que tamén se lle aplicaron os novos valores límite.
-
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta tarde a unha pregunta oral no Parlamento sobre a loita contra a LGTBIfobia. Durante a súa intervención, anunciou que a Xunta de Galicia instalará puntos lila e arcoiris nos principais festivais do verán: Portamérica (Portas), Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, Atlantic Fest (Vilagracía de Arousa), Morriña Fest (A Coruña), Río Verbena (Pontevedra) e Caudal Fest (Lugo). Fabiola García destacou a boa acollida do punto lila e arcoiris do Son do Camiño, en Santiago, que foi o primeiro festival en contar con este servizo.
-
Tivo lugar a presentación da oitava edición do Rompetiño Fest, que contará coas clásicas competicións deportivas do Rompetiño -basket 3x3, break dance, BMX e skate-, todas elas disciplinas olímpicas, e coa participación de deportistas galegos como a skater Julia Benedetti, que estará en París nos seus segundos Xogos; os baloncestistas Marta Canella e Carlos Martínez que están nas seleccións nacionais de 3x3; a ciclista Ainoa Posada, campioa de España infantil de pump track; así como o b-boy David Amor e a b-girl Alicia Babarro, campións de España de break dance sub 21 e júnior, respectivamente.
-
Nun espazo único, os cociñeiros Álvaro Villasante, Lucía Freitas, Héctor López e Javier Rodríguez Ponte “Taky” realizarán demostracións culinarias nas que empregarán como soporte pezas de 10 obradoiros de Artesanía de Galicia. Haberá pezas de cerámica dos obradoiros de Buño (Malpica de Bergantiños), Alberto Lista e Alfarería Rulo; Cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Laura Delgado (Cambre), Ojea Studio (Vigo) e Susana Anta (A Coruña); coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada); pezas de coiro de Eferro (Merza, Vila de Cruces); e pezas de madeira elaboradas por Atalanta Madera (A Estrada) e Carballo Estrela (Pontevedra).