Noticias
-
A principios deste ano, o sector forestal-madeira foi declarado como sector estratéxico, o que supuxo un forte pulo para a súa actividade económica e industrial por parte da Xunta de Galicia. Máis recentemente, o Consello ampliou a estrutura, as competencias e os recursos da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), integrada na Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de mellorar aínda máis a súa competitividade e a calidade e o valor engadido do produto autóctono.
-
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, urxiu ao Goberno central a axilizar e facilitar o traspaso das funcións así como dos medios materiais e persoais necesarios para que Galicia poida asumir 'de inmediato' e de forma efectiva a xestión da súa franxa costeira. A responsable autonómica lembrou que o pasado mes de abril o Tribunal Constitucional avalou por unanimidade a validez da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (Loxilga) fronte ao recurso interposto polo Executivo central contra a norma.
-
O festival de monicreques tradicionais Titiriberia anunciou a programación completa da súa novena edición, que desenvolverá en Rianxo do 12 ao 18 de agosto. Desta volta, son 20 as compañías que compoñen a súa carteleira, que inclúe 30 funcións, ademais de obradoiros, mesas redondas e proxeccións. O programa deste ano, ademais de servir de escaparate para numerosas producións galegas, achega á nosa Comunidade outras interesantes propostas procedentes de República Checa, Portugal, Andalucía, Madrid e País Vasco. Viravolta Títeres, Títeres Alakrán, Teatro Airiños ou Trécola son outras das formacións galegas que representarán as súas últimas propostas na mostra, que inclúe dúas producións propias e sete coproducións.
-
O OUR Fest vén de presentar o seu cartel para o vindeiro 14 de setembro. Esta nova edición incluirá, entre outros ao cantautor británico Jake Bugg, a icónica banda escocesa Teenage Fanclub, a banda británica de post-punk Yard Act ou a emblemática banda española Los Enemigos, entre outros. O festival que marca o peche do verán celebrarase no recinto de Expourense e centrarase no rock alternativo, o indie e a diversidade de estilos. Tamén está confirmada a presenza de Miles Kane, recoñecido polo seu traballo en The Last Shadow Puppets e a súa carreira en solitario e a banda galego-madrileña Caballo Prieto Azabache.
-
'Atardecer no Gaiás' programa dez concertos ao aire libre en agosto que arrancan con Branko e AmoeboO ciclo Atardecer no Gaiás, impulsado pola Fundación Cidade da Cultura, segue en agosto con dez novas citas musicais para os xoves e venres do mes. Esta semana o público poderá gozar do directo do influínte DJ e produtor portugués Branko e do grupo galego Amoebo. Branko presentará o xoves 1 de agosto Soma, un disco que convocou a algúns dos mellores artistas de Portugal, como Dino D'Santiago, Carla Prata, Jéssica Pina ou Teresa Salgueiro —vocalista de Madredeus—, entre outros. Sumando todos eles, o que fora un dos fundadores de Buraka Som Sistema deu forma a doce temas de electrónica cálida, diversa e tremendamente bailable.
-
Cultura no Camiño, o circuíto de espectáculos en 88 concellos das rutas xacobeas, continúa o seu percorrido ata finais de agosto con 140 novas citas escénicas e musicais previstas durante todo o mes. Completarase así a 12ª edición desta iniciativa, que arrancou o pasado 15 de xuño para ofrecer este verán máis de 300 actuacións de circo, danza, maxia, música e teatro a cargo de 140 formacións artísticas galegas. A carteleira de Cultura no Camiño, que se enmarca na campaña CulturON da Consellería de Cultura, caracterízase polo seu enfoque familiar, para todas as idades e gustos, desenvolvendo a meirande parte das representacións ao aire libre.
-
Foron presentadas as XXXIX Xornadas de folclore, unha iniciativa que, do 12 ao 21 de agosto, levará música e danzas tradicionais provenientes de agrupacións de Colombia, México, Panamá, Senegal, Serbia e Taiwán por 16 concellos da provincia de Ourense. As seis agrupacións, integradas por 182 artistas, percorrerán os concellos de Ourense, Allariz, A rúa, Bande, O Barco, O Carballliño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana e Xinzo de Limia. Este festival forma parte da campaña CulturON, que durante o verán ofrece unha media de 30 actividades diarias.
-
No mes de abril o Consello do Patrimonio Histórico (órgano de coordinación do Goberno central e as comunidades autónomas) daba a coñecer a decisión unánime de que a candidatura Ribeira Sacra sexa a proposta de España para a súa remisión á Unesco. Desde entón abriuse unha nova fase de traballo para cumprir con todas as directrices e elaborar a documentación definitiva para a unha primeira entrega o vindeiro mes de setembro e a seguinte en febreiro de 2025 no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París. Alí será avaliado polos órganos consultivos antes da súa valoración no Comité do Patrimonio Mundial, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026.
-
A Xunta de Galicia vén de activar, para as xornadas de luns e martes, o nivel amarelo por episodios de calor en diferentes zonas da comunidade. No marco do Plan de actuacións da Xunta fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, infórmase da alerta por episodio de calor que afectará a esas xornadas, diminuíndo ao longo da xornada do mércores. Segundo informa MeteoGalicia, Galicia conta coa presenza dunha masa de aire moi cálida desde a xornada de onte -domingo-, e deixará hoxe valores moi elevados nas temperaturas, tanto mínimas como máximas.
-
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitaron hoxe os concellos de Lepe e Huelva como representantes do xurado Bandeira Azul de Galicia co obxectivo de poñer en común a aposta de ambas comunidades -a galega e a andaluza- pola sustentabilidade das súas praias, portos deportivos, centros ou sendeiros azuis, ofrecendo os mellores servizos posibles aos usuarios. Deste xeito, as dúas rexións apostan por xerar sinerxías co obxectivo de seguir avanzado no futuro neste eido.