Noticias
-
A Cidade da Cultura volve este mes de xullo co seu Verán en Familia, que nace coa intención de que nenos, nenas e adultos poidan gozar de espectáculos culturais ao aire libre nas tardes estivais. A programación, composta por un total de catro propostas artísticas, desenvolverase os mércores 3, 10, 17 e 31 de xullo ás 19,00 horas no Xardín do Teatro. A entrada é libre e de balde ata completar capacidade. O Verán en Familia oferta este ano catro espectáculos artísticos que combinan as artes escénicas, a música en directo, o circo ou o clown. Compañías procedentes de distintos puntos da península desprázanse ao Gaiás para que persoas de todas as idades gocen das súas funcións.
-
A homenaxe que se lle renderá ao que foi Premio da Crítica (1972 e 1977), Premio Nacional de Narrativa (1981), Premio Príncipe de Asturias (1982), Premio Cervantes (1985) e Premio Planeta (1988), abrangue actividades de diversa índole. Deste xeito, no marco do programa xa se celebrou unha conferencia a cargo do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e estreouse unha composición musical de Miguel Brotóns sobre o homenaxeado. Ademais, contémplase unha publicación da biografía do autor e as representacións no Teatro Jofre das obras Las hermanas Recalde e Una gloria nacional.
-
Na edición deste ano destacan os cursos de formación en técnicas tradicionais a través de artesáns reputados e de longa traxectoria nos seus ámbitos. O artesán Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), Premio Nacional de Artesanía de 2023, impartirá un curso centrado na cestería en espiral empregada tradicionalmente para fabricar pezas para transportar dende alimentos ata auga. Leiro é un artesán que colabora habitualmente coa empresa Loewe e no 2023 foi recoñecido tamén co Premio Mestre Artesán Círculo Fortuny ao mellor artesán de vangarda. O curso está dirixido a profesionais ou interesados con coñecementos previos.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou na súa reunión semanal a Estratexia Galega de Solo Residencial para 'impulsar a construción de 20.000 vivendas protexidas e outras 5.000 libres'. Unha iniciativa que se enmarca na aposta do Goberno autonómico de ampliar a oferta de vivenda na comunidade co compromiso de 'dobrar o parque residencial público nesta lexislatura, para pasar das 4.000 actuais a 8.000 vivendas', salientou Rueda, quen lembrou que a Xunta vai poñer en marcha a construción de '400 novos inmobles' nos primeiros 100 días de Goberno.
-
Durante os seus nove días de celebración, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recibirá outras recoñecidas figuras da creación e dirección escénica, como Guillermo Calderón, Alice Ripoll, Alberto Conejero ou Esther Carrodeguas como parte dunha carteleira na que tamén figuran grande nomes do clown, como o arxentino Gabriel Chamé e a inglesa Peta Lily, así como as estreas en Galicia dos novos traballos de Alberto Velasco ou Los Galindos. Documentais, coloquios, cursos e presentacións complementan a intensa programación de espectáculos, para a que xa están á venda os bonos en ataquilla.com. Poderán adquirirse por esta vía ata o 24 de xuño, data a partir da que as entradas restantes estarán dispoñibles tanto na oficina da mostra como na súa web.
-
A primavera climatolóxica de 2024 (marzo, abril e maio) en Galicia foi a terceira máis húmida da serie histórica -que se remonta a 1961- ao rexistrarse unha precipitación media de 511 l/m2. Ademais, no que atinxe ás temperaturas, foi un período cálido cun valor medio de 12,9 graos. Deste xeito, segundo o avance do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, a precipitación media rexistrada entre as 16 estacións máis representativas foi un 67 % superior ao que vén sendo habitual neste período, debido especialmente ás abondosas choivas de marzo e maio, que fan que estes dous meses se consideren moi húmidos.
-
O Sergas está a planificar xa medidas para o reforzo de persoal sanitario no verán en función das necesidades das distintas localidades. Por unha banda, ofrecerá aos MIR de último ano a posibilidade de apoiar, tanto as urxencias como a atención primaria, de forma voluntaria, con incentivos económicos e baixo supervisión. Tamén se contará cun grupo de médicos que se poidan desprazas ás zonas con posibles ausencias ou tensións puntuais, igualmente de forma voluntaria e incentivada economicamente. Ademais, estase a analizar a posibilidade de que médicos que teñan unha segunda residencia en zona de costa, con maior demanda asistencial no verán, poidan elixir traballar alí temporalmente.
-
Na edición deste ano está prevista a participación de 53 profesionais da Artesanía de Galicia, 36 como expositores e outros 14 artesáns que participarán como docentes nos cursos de formación especializada e talleres abertos. En canto aos expositores de produtos gourmet, este ano estará presente a oferta de 32 empresas, 19 das cales contan co selo de Artesanía Alimentaria. Así, durante tres días en horario de 11,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 21,30h h., o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, o programa Artesanía no Prato que xunta gastronomía e artesanía, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, animado con música en directo e actividades para nenos.
-
A Cidade da Cultura celebrará o Día da Música con Budiño, un dos músicos galegos máis internacionais, que presentará o seu último disco nun concerto gratuíto o venres 21 de xuño. O gaiteiro virá acompañado dun elenco de novas voces e talentos do neo-tradicional galego, cos que comparte o seu amor pola música de raíz e a vontade de experimentar coa electrónica. A guitarra, o acordeón, a percusión tradicional, os arranxos electrónicos e as voces de Tania Caamaño, Mónica de Nut, Fran Barcia e Andrés Boutureira virán a sumarse a Budiño nun espectáculo alegre e potente.
-
Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.