Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • A Cidade da Cultura de Galicia reivindica na exposición 'Outras historias posibles' a obra de seis artistas contemporáneas vinculadas a Galicia que despuntaron nos anos 80 do pasado século. A mostra, que abrirá a súas portas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a finais deste mes de maio, reúne unha ampla escolma dos traballos de Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré co obxectivo de celebrar o seu talento e contextualizar a súa obra, atendendo tanto ás influencias do contexto histórico como aos eventos da vida privada que determinaron o seu devir artístico.
  • O Centro Dramático Galego avanza na celebración do seu 40º aniversario, que entre os meses de maio e setembro compartirá tamén co público dos máis de 100 concellos do rural polos que xirará o espectáculo itinerante De Vilatriste a Vilalegre. Esta coprodución da compañía da Xunta de Galicia e Teatro ó Cubo foi presentada hoxe no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, nun acto que contou coa intervención do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude e ao que asistiron representantes dos municipios nos que se desenvolverá a iniciativa, a metade deles situados nas provincias de Lugo e Ourense.
  • A característica fundamental de artes gráficas como o gravado é a existencia dunha matriz a partir da que poden xerarse diferentes obras. Partindo dese elemento, a propia evolución da arte contemporánea e os avances tecnolóxicos transformaron nas últimas décadas a noción de arte múltiple, cara o que o grupo dx5 (Digital & Graphic Art Research), da UVigo, denomina 'gráfica de campo expandido', concepto que tamén fai referencia a como a gráfica contemporánea abandona o seu carácter bidimensional para 'conquistar o espazo'. Para afondar nestas ideas, o grupo promove o VIII Foro Internacional de Creación na Fronteira 'O múltiple que ocupa o espazo', con tres exposicións, conferencias e intervencións no espazo público.
  • A Cidade da Cultura impulsa a transformación artística do patrimonio sonoro galego a través de dúas residencias dos artistas Xoán-Xil López e Matilde Meireles. Faino a través da Fundación Cidade da Cultura en colaboración co festival RESIS de música contemporánea e co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC). No proxecto titulado Sereas, o lugués Xoán-Xil López está a dar forma a un concerto inspirado no levantamento das traballadoras da Fábrica de Tabacos da Coruña en 1857, cando estas se revelaron contra a mecanización da produción arroxando ao mar as máquinas adquiridas pola empresa.
  • Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor recoñece a areais de todo o mundo seleccionados en base a rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que o Consello aprobou hoxe a Estratexia galega de Mobilidade, a folla de ruta a seguir ata 2050 para 'garantir uns desprazamentos máis sostibles, seguros e funcionais' que estará dotada de 420 millóns de euros para implantar 'un centenar de medidas'. A estratexia contén un plan de acción que implica as diferentes administracións públicas, a autonómica, a estatal e a local, para facilitar os desprazamentos das persoas e mercadorías, apoiar a competitividade do territorio e transformar os patróns de mobilidade. Preséntase como un instrumento para deseñar solucións que permitan transformar o actual modelo nun máis funcional, sustentable e seguro.
  • O turismo galego continúa consolidando a súa desestacionalización, como demostran os resultados feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que indican que no primeiro trimestre do ano, Galicia acadou máis de 822.000 viaxeiros aloxados e preto de 1,5 millóns de noites no conxunto do aloxamento turístico. Isto supón que o nivel de demanda rexistrado -medido polo número de noites- supera nun 12% a cifra do primeiro trimestre de 2023, e mellora as cifras prepandemia. Ademais, por vez primeira Galicia supera a barreira de 1,4 millóns de noites neste primeiro trimestre.
  • De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.
  • A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o 8 de xuño nos exteriores do complexo e contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes. O obxectivo é gozar coa práctica deportiva nun enclave como é Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia.
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse esta mañá cos responsables da AECT Rio Minho para coñecer de primeira man as prioridades e os proxectos que ten en marcha este instrumento de cooperación que abrangue 16 concellos da provincia de Pontevedra e 10 da CIM Alto Minho. Esta é unha primeira visita que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, continuará co resto de AECTs. Deste xeito, está previsto que se entreviste tamén cos responsables da AECT Chaves-Verín, e da futura AECT da Raia Seca.