Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que o sector sitúa no 85%, chegando o 100% nalgunhas zonas. O perfil maioritario do turista que se achegou a Galicia foi de orixe nacional aínda que nalgúns destinos, como Santiago de Compostela e A Coruña, a proporción do turista internacional foi superior á media. Destaca o incremento do turismo interno, xa que moitos cidadáns galegos se animaron a viaxar pola comunidade durante a Semana Santa.
  • O Festival RESIS de Música Contemporánea e Artes Vivas celebra entre o 13 de abril e o 6 de maio a súa sexta edición, cuxa primeira cita será este xoves 13 de abril no restaurante Árbore da Veira. A outra cita desta primeira semana de programación será este sábado, 15 de abril, na sala de exposicións Palexco. Os grandes atractivos deste concerto serán, entre outros, a presenza do director Nacho de Paz e a estrea da obra Libro delle Immagini V, do coruñés, Hugo Gómez-Chao, quen actualmente é compositor residente na Real Academia de España en Roma.
  • O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despide este domingo 16 de abril a exposición De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell, unha mostra que percorre a evolución da arte contemporánea desde a segunda metade do século XX ata os nosos días a través de 41 obras de 36 artistas entre os que se contan algunhas das figuras máis destacadas da creación plástica do século XX en Galicia, España e Portugal. Nesta escolma teñen presenza catro artistas galegos: Antón Patiño, Manolo Paz, Ángela de la Cruz e Christian García Bello.
  • A Cidade da Cultura de Galicia despide o domingo 9 de abril a exposición Camiños creativos, un percorrido pola relación entre arte e movemento desde o século XVIII ata os nosos días, que amosa no Museo Centro Gaiás obras de grandes mestres da pintura e da fotografía —desde Turner, a Constable, Courbet, Sorolla ou Cartier-Bresson— e referentes da creación contemporánea máis actual. A mostra, comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos, achega ao público galego máis dun centenar de pezas, moitas delas nunca antes exhibidas en Galicia, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países de Europa.
  • Este festival, volve a presentar un cartel con artistas de primeira liña: Nicky Jam, Jason Derulo, os irlandeses Two Door Cinema Club, Rels B, Sidecars. Tamén estarán Shinova E Danny Ocean. Este primeiro avance complétano Lali, Emilia, Vilán Antillano, Aleesha, Les Castizos, Samuraï e Berto. Xa neste avance vese a aposta do festival por aglutinar talento internacional, nacional e galego para volver ser un dos festivais máis importantes de toda España. O Morriña Fest afronta a súa terceira edición despois do gran éxito da primeira e a segunda cunha gran acollida por parte do público xa que, o ano pasado, máis de 40.000 persoas se deron cita para corear os temas dalgúns dos artistas máis relevantes do panorama actual.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 751, deles 159 son da área da Coruña, 77 da de Lugo, 98 da de Ourense, 86 da de Pontevedra, 131 da área de Vigo, 136 da de Santiago e 64 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 5 están en UCI, 127 en unidades de hospitalización e 619 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 692.487 persoas curadas, rexistrándose 4.111 falecementos. O número de PCR realizadas é de 4.064.881. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 7.641.322.
  • Artistas nacionais e internacionais actuarán en Lugo os días 11, 12 e 13 de maio no marco do sétimo festival Fa Ce La Fest. Os concertos serán na sala Clavicémbalo e na explanada exterior do auditorio Gustavo Freire -aínda queda algunha outra ubicación por determinar. Destaca a presenza da bilbaína La Bien Querida e os cantantes estadounidenses Micah P. Hinson e Ron Gallo. No apartado nacional figuran tamén Depresión Sonora (Madrid) e El Último Vecino (Barcelona); xunto con propostas de música internacional tan variadas como as dos Neatbeats (Xapón); The Shadracks (Reino Unido); Na Noise (Nova Zelanda); e Fee Reega (alemana afincada en Asturias).
  • O Carballo Interplay arranca a súa décima edición, consolidado como a cita de referencia en contidos dixitais, tanto a nivel galego como estatal. O programa que desenvolverá ata o vindeiro día 1 fará fincapé neste décimo aniversario, combinando experiencias de creación dixital que comezaron a súa andaina hai unha década coas que están a iniciarse na actualidade. A mostra (S8) desenvolverá a súa 14ª edición do 26 de maio ao 4 de xuño en distintos escenarios da Coruña, como a Filmoteca de Galicia.
  • A rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego cubrirá o cen por cen do territorio para apoiar a creación de emprego e de novas iniciativas laborais. Os Polos de emprendemento son unha ferramenta axeitada para facilitar as condicións e crear un ambiente favorable para que empresas e emprendedores poidan crear postos de traballo con futuro na zona na que se asentan, porque aglutinan todos os recursos coa visión posta nas particularidades de cada territorio, nas súas necesidades e oportunidades. Como paso previo á posta en marcha do Polo, o Goberno galego acende o botón do Sistema de Información e intelixencia territorial (SIE), que pode detectar actividades económicas con potencial.
  • Asomarse ao mundo persoal de Ramón María del Valle-Inclán a través de boa parte do patrimonio artístico que albergaba no seu domicilio, situado no número 5 da madrileña rúa Francisco de Rojas, é o que persegue a mostra 'Valle-Inclán íntimo', que permanecerá aberta ao público no Colexio de Fonseca ata o 1 de abril e que se nutre da colección particular dos irmáns Valle-Inclán Alsina, Fernando, Miguel e Javier: Obra pictórica, escultórica, debuxos, caricaturas, retratos de sinaturas coñecidas.