Noticias
-
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, presentaron esta mañá a sexta edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que, no marco dos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados pola Xunta de Galicia e coordinados pola RAG, chega este outono a unha ducia de concellos das catro provincias galegas cun dobre obxectivo: achegarlle ao público a orixe e significado dos topónimos do seu municipio e procurar novas persoas colaboradoras na plataforma Galicia Nomeada, que lle permite á cidadanía contribuír á recollida de topónimos e microtopónimos que corren o risco de perderse.
-
Os clientes do comercio galego de proximidade poderán descargar e empregar desde este luns 9 de outubro o Bono Activa Comercio, ao que a Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 2,5 millóns de euros co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela aos establecementos de proximidade. A iniciativa, coa que se prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, ten tamén por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias. Cada persoa poderá descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que suman xa máis de 4.000.
-
Galicia compartiu xunto a representantes de Aragón, Andalucía, Cantabria, Castela e León, Murcia e A Rioxa, a inquedanza polo status de protección do lobo ibérico no conxunto de España, unha situación que complica o mantemento do equilibrio entre a especie e a actividade do sector primario, co que comparte territorio. Durante un encontro para estreitar lazos e compartir posibles liñas de actuación en materias de interese común no eido medioambiental, defendeu a necesidade de que as autoridades comunitarias coñezan de primeira man a realidade da especie en cada rexión.
-
A Filmoteca de Galicia será durante outubro unha das sedes das proxeccións de dous encontros culturais que terán lugar na cidade da Coruña: o Festival Intersección e a feira internacional de música Womex, que levarán á Sala José Sellier boa parte da súa programación audiovisual. A nova carteleira mensual da cinemateca da Xunta arrinca rematando a exhibición íntegra do serial Les Vampires, obra de dez episodios asinados polo director francés Louis Feuillade en 1916, cuxos últimos capítulos poderanse ver mañá martes día 3 e mais o xoves 4 (ás 18,00 h.).
-
A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia vén de desenvolver unha ferramenta interactiva denominada ‘A paisaxe galega desde a bicicleta’, que permite realizar un percorrido virtual ao longo de 2.300 quilómetros pola nosa Comunidade a través de 52 rutas. O obxectivo é a divulgación e a conservación da paisaxe galega, combinadas coa práctica do ciclismo como actividade saudable e ecolóxica, dado que ofrece unha proposta turística sostible con cero emisións.
-
Está en marcha o Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, posto en marcha pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para reducir ao mínimo as vítimas en accidentes e acadar o obxectivo de cero vítimas, é dicir, con 'visión cero'. Este plan, recoñecido como referencia nacional polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria, ten dúas metas fundamentais: diminuír o 25% do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías con respecto a 2019, e reducir o 25% dos falecidos e feridos graves en usuarios vulnerables (peóns, ciclistas ou motoristas).
-
A Consellería de Economía, Industria e Innovación conta con 3,34 millóns de euros para favorecer a implantación de tecnoloxías eficientes nas explotacións agropecuarias galegas, co que se agarda reducir os consumos polo menos un 10%. Estas axudas de concorrencia non competitiva, procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Energética, poden ser destinadas tanto á mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de regadío como á mellora enerxética nas explotacións.
-
Curtocircuíto celebrará o seu 20º aniversario cunha sección oficial conformada por unha trintena de filmes procedentes de 16 países. A mostra organizada polo concello de Santiago de Compostela, que desenvolverá un amplo programa de exhibición e de actividades paralelas entre os días 3 e 8 de outubro, achega dúas propostas transcendentais: a retrospectiva que se lle dedicará ao polifacético dramaturgo Roberto Vidal Bolaño e a estrea en Galicia de O Corno, segundo filme da realizadora Jaione Camborda.
-
As conmemoracións do 30 aniversario do CGAC, inaugurado o 29 de setembro de 1993, terán a vindeira semana os actos centrais cunha completa programación que incluirá un espectáculo de danza vertical na fachada, unha proxección de vídeomapping, visitas guiadas en horario especial e unha noite de concertos, ao que se sumará tamén a inauguración dunha nova exposición que repasa a historia do CGAC vinculada á arte conceptual. Todas as actividades poderán gozarse de balde e nelas terá unha importancia singular a propia arquitectura do CGAC, obra de Álvaro Siza. Así, a noite do venres 29, os muros exteriores e a terraza converterase en escenario dun espectáculo de danza vertical coa peza Finale, da compañía Delrevés.
-
Preto de 450 voluntarios participarán, ao longo dos próximos días, nas 26 batidas de limpeza programadas por toda a Comunidade dentro da campaña 1m2 polas praias e os mares, unha iniciativa impulsada a nivel nacional por SEO/BirdLife e Ecoembes no marco do proxecto Libera e que en Galicia conta co apoio da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Concretamente, celebraranse 17 batidas na provincia de Pontevedra, nas que participarán máis de 300 persoas; 4 na Coruña, con 85 voluntarios; 3 en Ourense, con 31 inscritos e 2 en Lugo, cuns 20 participantes. En total, preto de 450 liberadores repartidos en 26 praias da Comunidade.