Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • Os actos oficiais estarán repartidos entre Santiago e Padrón, lugares de nacemento e pasamento da homenaxeada. A celebración comezará ás 10,00 h coa lectura de poemas por parte do alumnado do Instituto Camilo José Cela diante da Estatua de Rosalía, en Padrón. De aí, os festexos trasladaranse a Santiago, onde ás 11,00h haberá alborada cos Carapaus e ofrenda floral na praza de Vigo, preto de onde naceu Rosalía hai 186 anos. O acto central do día terá lugar ás 12,00 h no Hostal dos Reis Católicos, na Praza do Obradoiro, onde se realizará unha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus, que tocarán con Estela Pereira e Lía Ferrer.
  • Redrum Teatro estrea a vindeira semana en Santiago de Compostela o seu décimo sexto espectáculo, Hamelin, que representará o xoves 23 e o venres 24 dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Teatro Principal. Así o explicou o director de AGADIC, Jacobo Sutil, na presentación destas representacións públicas de Hamelin, dirixida por Alex Sampayo a partir da premiada obra de Juan Mayorga, quen ten confirmada a súa asistencia á función do día 24. Machi Salgado, Belén Constenla, Guillermo Carbajo, Mónica García, Roberto Leal, Rubén Porto e Fran Lareu conforman o elenco.
  • O Parque Natural Fragas do Eume terá nas vindeiras semanas o seu primeiro Plan de uso e xestión (PRUX) despois de que o documento fose informado favorablemente polo Consello galego de medio ambiente e desenvolvemento sostible (Cogamads), durante unha reunión que estivo presidida pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Deste xeito, o PRUX das Fragas do Eume dá un paso definitivo cara á súa aprobación definitiva xa que supera o último trámite formal antes de ser remitido ao Consello da Xunta, co que se acadará o “obxectivo transcendental” de que todos os parques naturais da Comunidade conten cun documento propio de xestión e protección.
  • Foi clausurado o programa de dinamización lingüística '21 días co galego e +', que nesta quinta edición implicou 12 centros educativos, case 400 docentes, 88 membros do persoal de administración e servizos e 4.078 estudantes de 10 a 18 anos xunto coas súas respectivas familias. Esta quinta edición foi a máis numerosa das realizadas ata o de agora, pois alcanzou un 20% máis de participación ca a anterior, o cal revela nun aumento do interese por parte dos centros e do seu profesorado nesta iniciativa que promove o uso da lingua galega entre as xeracións máis novas, levando o galego a fogares onde non adoitaba usarse e apoiando o alumnado que xa era galegofalante.
  • O Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa 2021-2027 entra en vigor como unha folla de ruta con rango de lei para lograr que o 100% das masas de auga da conca acaden o bo estado. O BOE publica a aprobación deste plan, tras unha tramitación que comezaba coa luz verde por parte do Consello da Xunta hai xa oito meses, e a posterior autorización, o pasado 24 de xaneiro, por parte do Goberno central. Con ese fito, Galicia pioneira ao aprobar o seu plan de conca, un instrumento de planificación que ten moi en conta a necesidade de adaptar a xestión da auga ao novo contexto de cambio climático, tanto no relativo ao risco de inundacións como aos episodios de seca.
  • 'Picasso, branco no recordo azul' reivindica a pegada galega na traxectoria do artista a través dunha escolma de 120 pezas, moitas delas representativas do seu período de formación na Coruña e da súa etapa de madurez e consagración. Trátase dunha mostra que se enmarca na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023 impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a Conmemoración do 50º aniversario da morte de Pablo Picasso, con Telefónica como empresa colaboradora.
  • Galicia propuxo un total de 117 areais para optar á Bandeira Azul 2023, o que supón 2 novas candidaturas con respecto ás presentadas na edición do pasado ano 2022, tal e como salientou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, logo de participar na reunión do xurado nacional que concede estes distintivos. Do Campo incidiu en que a Comunidade galega, coas 117 propostas —38 da Coruña, 19 de Lugo e 60 de Pontevedra—, é a terceira autonomía que máis opcións presentou, por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía. Os areais candidatos de Galicia foron avaliados xunto cos de Madrid, País Vasco, Cantabria, Asturias e Estremadura.
  • A Rede Galega de Música ao Vivo achégalle ao público dunha decena de localidades galegas a súa nova programación, configurada por 83 concertos de moi variados estilos que terán lugar ata finais de setembro en 11 salas: A Pousada da Galiza Imaxinaria (Boiro), Sala La Room (Ferrol), Pub Gatos (Melide), Guión Clube (Pontedeume) e Borriquita de Belém e Casa das Crechas (Santiago de Compostela), na da Coruña; o Club Clavicémbalo da capital lucense, na de Lugo; Cafe Cultural Auriense (Ourense) e A Arca da Noe (Vilar de Santos), na de Ourense; e Sala Krazzy Kray (Cambados) e La Fábrica de Chocolate Club (Vigo), na de Pontevedra.
  • Os 12 museos públicos galegos ofrecerán un total de 68 exposicións, despois de vivir un “gran” 2022, ao recuperar niveis de visitantes previos á pandemia -con preto de 400.000- e triplicar as cifras de 2009. O calendario de actividades conta con propostas ao redor de grandes artistas e que, ademais de exposicións, haberá “iniciativas que situarán a Galicia no mapa de importantes efemérides culturais nacionais e internacionais”, en referencia a citas como o Ano Picasso, os aniversarios do CGAC e o Museo de Viladonga, os centenarios do poeta Carlos Oroza e do Seminario de Estudos galegos e o 50 aniversario do pasamento de Urbano Lugrís, entre outras.
  • Galicia mellorou tamén as súas cifras con respecto ao conxunto do Estado, cunha ocupación oito puntos maior respecto da media e manténdose como o sétimo destino máis importante, unicamente por detrás de Canarias, Cataluña, Baleares, Andalucía, a Comunidade Valenciana e Madrid. Por outra banda, este ano avanzouse na desestacionalización do sector, conseguindo cifras nunca acadadas. Así, explicou que o 38% da demanda concentrouse na temporada alta -meses de xullo e agosto-, ficando a porcentaxe restante repartida entre a temporada media -o 38%- e baixa -co 24% neste caso-.