Noticias
-
Esta lei, que foi aprobada polo Parlamento o pasado 4 de xullo, permitirá consolidar o futuro da costa galega, dos seus valores naturais, patrimoniais, paisaxísticos e económicos ao mesmo tempo que se outorga seguridade xurídica ás actividades que se realizan nela e que supoñen o modo de vida da cidadanía que alí reside. Esta normativa protexe e garante o futuro de Galicia, ademais de supor a xestión desde a Comunidade desta materia e seguridade xurídica para o noso litoral. De feito, a lei inclúe nun só texto todas as políticas, sectores e instancias administrativas que teñen relación co litoral coa creación de órganos de participación, colaboración e intercambio.
-
A Cidade da Cultura convida a gozar dun agosto musical cos dez concertos de Atardecer no Gaias, festival que achega a Santiago nomes como Bejo, Natalia Lacunza ou o francés Ben L’oncle Soul. O Gaiás recibirá a Catuxa Salom, galega de raíces arxentinas que abandonou Madrid por unha aldea de Lugo, onde nace a súa música. Os seus temas son un canto á vida rural, ao ecofeminismo e ás composicións que fusionan o folclore galego con ritmos latinoamericanos baixo unha envoltura electrónica. O venres será a quenda de Elia Galdo, coruñesa, coñecida como KYR4, unha das grandes promesas do rap español, que comezou en 2021 a compoñer as súas primeiras cancións.
-
O Festaclown regresa un ano máis a Vilagarcía de Arousa, desta volta cunha oitava edición que se celebrará do 10 ao 15 de agosto baixo o lema A festa da risa para encher as rúas da capital arousá de circo, humor, narración oral, maxia e acrobacias. O apartado exterior do Festaclown inclúe a Kine Circus, compañía etíope que traballa en Adís Abeba coa cativada en risco de exclusión, e colectivos do panorama español como La Finistra Nou Circ, agrupación valenciana que representará Royal Circk. A carteleira ofrece unha variada selección de nomes referenciais do panorama galego nos eidos do clown, do novo circo, dos monicreques ou da narración oral, onde destacan Ángeles Goás cunha escolma de contos de igualdade e Vero Rilo co seu espectáculo Destemidas.
-
Segundo os datos de Comercio Interior do libro en España en 2022 que veñen de ser publicados, a edición en galego o pasado ano foi de 1.855 volumes, cun aumento do 8,2% respecto de 2021. Ademais, o sector editorial vendeu un 5,6% máis, ata superar os 2.500M€ de vendas, e destaca sobre todo o aumento nas vendas de libros en papel, cun 5,9% máis. Estas cifras enmárcanse nunha xeira de bos datos que inclúe tamén o último Barómetro da Cultura Galega, co 52,5% do sector incrementando os seus ingresos en 2022, cun emprego estable para preto do 70% das entidades consultadas e cunha expectativa de maior facturación pese ao pesimismo da evolución da economía.
-
Foi inaugurada a 39 edición da feira de artesanía Mostrart, que se celebra nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña ata o 27 de agosto. Nesta edición de Mostrart participan un total de 53 profesionais da marca Artesanía de Galicia, así como 14 talleres artesanais doutras comunidades españolas e un de Francia. A feira, organizada pola Asociación Galega de Artesáns, e estará aberta todos os días ata o 27 de agosto en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 horas. Entre os particpiantes galegos desta 39 edición, destacan os obradoiros de coiro, os especializados en tecidos artesanais, e os de xoiería e ourivería.
-
No programa de actividades inclúense 12 obradoiros de iniciación a diferentes oficios como a cestería, a carpintería, o bordado, a estampaxe ou a ourivería e técnicas coma o macramé, para os que é necesaria realizar unha inscrición previa na web da Fundación Artesanía de Galicia, e oito talleres gratuítos e abertos a todos os públicos que se acheguen ata Folgoso do Courel durante estes cinco días. As actividades desenvolveranse no Centro Sociocultural Fondo de Vila (Folgoso) e en Froxán, en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 16:00 a 18:00 horas, así como en tres localizacións da aldea de Parada: a sede da Fundación Uxío Novoneyra, a antiga escola unitaria e mais o aloxamento rural A Carbiña. O horario das actividades de Parada será de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas.
-
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para a solicitude dos bonos dixitais para colectivos vulnerables do programa estatal ÚNICO. O prazo ábrese mañá e permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de novembro. O obxectivo desta iniciativa é facilitar a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida, durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.
-
Redecinema é un ciclo de proxeccións de filmes en galego en formato cinema de verán (ao exterior e con gran pantalla) que viaxará por 18 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística durante os meses de estío. Para chegar a todos os públicos, a compañía ofrece a cada concello a oportunidade de elixir entre os títulos do seu catálogo: Cuñados, Melancolía, A Galiña Turuleca, A illa das mentiras, Engurras, Eroski-paraíso, Jacinto e O que arde. O primeiro pase será este sábado 15 na praza do Concello de Negreira, onde as persoas interesadas poderán achegarse ás 22,30 horas para gozar do filme de animación infantil e familiar A galiña Turuleca.
-
PortAmérica 2023, o festival que une música e gastronomía de calidade e no que prima a sostibilidade, acada a súa 11 edición nun entorno natural extraordinario, como é a azucreira de Portas. O festival converteuse xa nun emblema dos festivais galegos e tense convertido pola súa orixinalidade nun festival distinto, familiar, con 30 chefs cociñando en directo, e con grandes artistas nacionais e internacionais, como Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Bad Gyal, Guitarricadelafuente, Deluxe, M Clan, Loquillo, Molotov ou Jorge Drexler. De feito, o espazo showrocking, acollerá a 30 chefs internacionais que suman 14 Estrellas Michelin para facer a fusión perfecta entre ritmo e cociña.
-
O Festival Abanea celebrará entre o 26 e o 30 de xullo a súa segunda edición cun programa de danza que distribuirá 15 funcións de 10 compañías entre os concellos de Gondomar, Foz, Outes e Allariz co apoio da Xunta de Galicia. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, espallará así a actividade do certame ás catro provincias. Foz marcará o inicio desta segunda edición o 26 de xullo, coa exhibición na praza do Conde Fontao das pezas Vestirme de ti, da bailarina galega Nuria Sotelo xunto a Clara Ferrão; A raíz, do porriñés Daniel Rodríguez, e Human 21, da catalá Sandra Macià. A actividade en Foz incluirá tamén o obradoiro-espectáculo de Marta Alonso Tejada Discoteca de Señoras e a Pista de baile, actividade de mediación co público. Estas dúas accións reproduciranse en todas as localidades implicadas.