Noticias
-
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro do Medio Rural, José González, participaron na reunión do Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para 2023. Este órgano, que está operativo desde o 1 de xullo ata o 30 de setembro, ten como finalidade coordinar as actuacións da Xunta e do Goberno central en materia de prevención e loita contra os incendios forestais na comunidade galega, co fin de sumar sinerxías e anticiparse aos lumes. A xuntanza serviu para avaliar as principais novidades no dispositivo, como son a creación dunha unidade especializada en grandes lumes, a posta en marcha de tres novas brigadas públicas helitransportadas ou a ampliación da rede de videovixilancia.
-
Galicia converterase o próximo mes de outubro no epicentro do debate europeo sobre a restauración dos océanos e sobre o futuro da ciencia mariña ao acoller a Conferencia EurOCEAN 2023, un foro que reunirá na cidade de Vigo a comunidade científica europea, a responsables políticos da Unión Europea e dos Estados Membros, a industria marítima e outras partes interesadas do mar. O EuroOCEAN 2023 terá lugar os días 10 e 11 de outubro e a súa sede será o auditorio Mar de Vigo, que se converterá nun espazo de intercambio e debate sobre os últimos avances e desafíos de futuro na investigación mariña e o uso sostible do océano.
-
O ciclo Cultura no Camiño supera este ano as 300 actuacións, das cales 90 corresponden a concertos que ofrecerán artistas como A Banda da Loba, Paco Nogueiras, Odaiko, Habelas Hainas, Festicultores ou Leilía, formación histórica que se está a despedir dos escenarios tras 34 anos de traxectoria. Os espectáculos de maxia, que representan 46 funcións, correrán a cargo dalgúns dos nomes máis destacados desta disciplina en Galicia como son o Mago Teto ou Mago Antón. O novo circo, que acapara 66 citas do cartel, estará presente no cartel de Cultura no Camiño da man de formacións como son a propia Pistacatro, Isla Letriska, Circo Chosco ou Peter Punk Pallaso.
-
A reciclaxe de envases de plástico, metal (latas), briks e papel e cartón en Galicia incrementouse en algo máis dun 6 % en 2022 respecto ao ano anterior. Así se desprende dos datos que manexa a entidade Ecoembes, organización sen ánimo de lucro que coordina a reciclaxe dos envases domésticos en todo o país e que desde hai anos coopera coa Xunta co fin de mellorar o depósito, recollida e posterior recuperación deste tipo de residuos. Tendo en conta só os datos que dependen de Ecoembes, o ano pasado remitíronse a instalacións recicladoras para darlles unha nova vida 73.744 toneladas de envases lixeiros e de papel-cartón en toda Galicia, 4.451 toneladas máis que en 2021.
-
A celebración do Día mundial do doante de sangue coincidiu co 30 aniversario do inicio das campañas postas en marcha en Galicia para animar aos cidadáns a facerse doantes. Neses tres decenios, as doazóns anuais se incrementaron nun 50%, ao pasar das 69.000 do ano 1993 ás 106.000 do ano 2022. En total, os galegos e as galegas fixeron máis de tres millóns de doazóns de sangue. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou este incremento no acto de conmemoración do Día mundial do doante de sangue, no que se celebrou tamén que a Comunidade galega cumpra tres decenios organizando campañas para animar a doar e salvar vidas.
-
A Xunta de Galicia insiste en solicitar á Sareb unha proposta concreta que inclúa o estado actual das vivendas que a entidade financeira ten dispoñibles na Comunidade e as condicións para a súa cesión. Nunha carta enviada á entidade financeira, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, reitera a necesidade de dispoñer de información detallada sobre os inmobles que ofrece nas grandes cidades e nas súas áreas metropolitanas.
-
Este ano son 113 areais, 12 portos deportivos e 14 centros azuis (aulas do mar ou da natureza) os que acadan bandeira ou certificado azul pola calidade das súas augas, a xestión medioambiental e os servizos ofrecidos. Logran por primeira vez este distintivo as praias de Caranza (Ferrol) e O Adro (Vigo) e recupérano a praia de Rodeira (Cangas) e o porto de Pedras Negras (O Grove). Ademais Galicia conta con 35 sendeiros con bandeira azul -entregadas no mes de febreiro- que a sitúan como a comunidade con máis camiños que acadan esta distinción de todo o país.
-
Foi presentada a ampliación da ruta Eurovelo na nosa comunidade, o que fará que no ano 2024, Galicia sexa a única rexión onde rematan dúas das 17 rutas que conforman a Rede. EuroVelo é unha rede que atravesa 42 países ao longo de máis de 90.000 quilómetros. Unha das particularidades destas rutas é que poden ser utilizadas tanto por cicloturistas como polos habitantes locais que realizan os seus traxectos diarios. Os obxectivos deste rede encaixan na promoción das viaxes sustentables, no impulso económico, ambiental e social dos territorios polos que transcorre e aposta pola promoción dun medio de transporte que repercute positivamente na saúde dos seus usuarios, xa que se logran hábitos de vida saudable e se empregan medios de transporte totalmente respectuosos co medio ambiente.
-
Presentouse a programación do Corazón da Artesanía - Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que celebrara a súa décima edición os días 7, 8 e 9 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra). O Corazón da Artesanía é un evento integral destinado a divulgar os oficios artesanais, a impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia e doutros produtos gourmet de calidade, así como buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura, o deseño ou a gastronomía. En horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas e durante tres días, o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único.
-
Como cada ano, a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia acolle catro salóns paralelos co Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), a Feira de caza, pesca e natureza (Fecap Abanca), o Salón Turístico de Galicia (Turexpo), e a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) que se converten nos mellores escaparates do carácter punteiro galego en cada un destes sectores. A eles súmanse eidos como a gandería, o enerxético a través da biomasa, o da maquinaria agrícola ou o das mascotas. O evento prolóngase ata o domingo 11, con acceso de balde.