Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Noticias

  • O Comité Executivo da Unesco reuniuse hoxe en París para acordar a inclusión de 18 novos espazos na Rede Mundial de Xeoparques, que deste xeito pasa a estar integrada por 195 lugares pertencentes a 48 países e cunha superficie equivalente a dúas veces o tamaño de Reino Unido. No caso concreto de Cabo Ortegal -a única incorporación española-, a Unesco salientou que esta zona ofrece algunhas das testemuñas máis completas de Europa da colisión que orixinou o supercontinente Pangea, hai ao redor de 350 millóns de anos, un proceso coñecido como oroxénese varisca. De feito, a maioría das rocas deste xeoparque emerxeron á superficie naquel momento das profundidades da terra.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou máis medidas de protección por parte do Goberno galego para os propietarios de inmobles afectados pola ocupación ilegal. O mandatario autonómico participou hoxe na sinatura dun convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e o Consello da Avogacía Galega para elaborar unha guía informativa sobre os dereitos e obrigas das persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas ocupadas ilegalmente.
  • A Xunta de Galicia programa este ano máis de medio cento de actividades nos espazos museísticos que xestiona para conmemorar o Día Internacional dos Museos, que se celebra o mércores 18, e incluirá visitas guiadas, obradoiros, xornadas de portas abertas, actividades didácticas e música, entre outras propostas dirixidas a todos os públicos. A meirande parte da actividade comeza o propio mércores e prolóngase ata a vindeira fin de semana, co gallo da Noite dos Museos. A axenda pode consultarse nas respectivas webs e redes sociais dos centros, espallados por todo o territorio galego e na axenda de Cultura de Galicia.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai convocar este mes de maio, por un orzamento global de máis de 43,1 millóns de euros, tres programas de axudas dirixidos a financiar distintos tipos de actuacións e documentos de carácter técnico “para mellorar a eficiencia enerxética de vivendas e edificios residenciais”. O Consello analizou hoxe un informe da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre as convocatorias, por segundo ano consecutivo, destas tres liñas de subvencións, enmarcadas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia e financiadas con fondos europeos.
  • A Feira Expomar, de carácter bianual, pretende superar as cifras acadadas na última edición –celebrada en 2019, pois en 2021 por mor da pandemia– a cal se converteu na máis concorrida da historia con 135 expositores que representaron a máis de 350 marcas de diferentes países. Este ano, a Xunta de Galicia participa cun posto de 96 metros cadrados onde se ofrecerá información sobre distintas marcas acreditadas como Mexillón de Galicia, Bonito do Norte ou pescadeRías, baixo o paraugas da campaña GALICIA SABE AMAR.
  • O Salón Teatro de Santiago acolle desde a semana pasada a compañía compostelá Matarile Teatro para as primeiras funcións públicas do seu espectáculo Fráxil. Handle with Care, coproducido polo Centro Dramático Galego e o Teatro Español de Madrid. Na sede da unidade teatral da Xunta, estreouse o pasado venres no marco do Festival Escenas do Cambio, promovido pola Cidade da Cultura de Galicia, e aquí permanecerá en cartel ata o vindeiro día 21 para ofrecer 10 novas representacións de mércores a domingos.
  • A nova ferramenta tecnolóxica, EMI (emprego intelixente), que sincronizará oferta e demanda en tempo real, porase en marcha este maio en tres oficinas piloto (Pontevedra, Ordes e Cambados). Probaranse, deste xeito, as primeiras funcionalidades deste sistema baseado na intelixencia artificial que permitirá ás empresas publicar as súas vacantes de forma múltiple e simultánea no Servizo de Emprego e, de xeito gratuíto, noutros portais de emprego e, así, chegar a un maior número de candidatos. O novo instrumento contará cun navegador competencial, para que os orientadores podan obter información sobre as competencias asociadas ás ocupacións; un emulador de ocupacións para buscar o emprego idóneo para cada demandante de emprego; e un recomendador de formación.
  • Galicia rexistrou un mes de abril moi cálido e seco, segundo o avance do informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. O mes de abril caracterizouse pola chegada de masas de aire cálido procedentes do sur, que deixaron unhas temperaturas medias moi elevadas para este mes, particularmente, no caso das máximas no interior. En canto ás chuvias, houbo un déficit con respecto ao que sería normal en abril, pero non moi acusado, xa que a mediados do mes tivemos una chegada de río atmosférico que aportou cantidades apreciables de chuvia.
  • Galicia contará este ano cun total de 113 praias pertencentes a 34 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en todo o país e consolida a súa posición entre as tres comunidades autónomas que reciben cada ano un maior número de distintivos para as súas praias, só superada por Valencia (135) e Andalucía (127).
  • Serán máis dun centenar os cineastas que se darán cita nesta aldea do Porriño para participar nas diferentes seccións do programa, como Jaione Camborda, Sonia Méndez, Alfonso Zarauza, Pela del Álamo, Olga Osorio ou a franco-armenia Valérie Massadian, quen protagonizará o Foco Internacional con varias das súas pezas inéditas en España. Haberá tamén coloquios con actores e actrices como Javier Gutiérrez, Nathalie Poza, María Vázquez, Antonio Durán Morris, Nerea Barros, Tamar Novas ou Diego Anido, ademais de Luis Zahera, a quen se lle fará entrega do Premio Pedigree de Honor.