Noticias
-
Os responsables da programación cultural dos 92 concellos participantes ultiman nestes momentos a carteleira que desenvolverán este verán ao abeiro do circuíto. Contan para este xestión coa plataforma galescena.gal, desde a que teñen acceso ao catálogo dos espectáculos que se inscribiron nesta 11ª edición a partir dunha convocatoria pública para compañías escénicas e grupos de música profesionais con sede en Galicia. Cultura no Camiño mantén como prioridade a dinamización cultural das localidades polas que discorren os camiños de Santiago ao seu paso por Galicia.
-
Na edición deste ano participan como expositores 19 obradoiros de Artesanía de Galicia e un procedente de Asturias, especializados no traballo coa xoiería, cerámica, esmaltes, marroquinería, téxtil, bixutería e arranxos florais. Os obradoiros de Artesanía de Galicia son Xakarandá (Marín), Amorei (Soutomaior), Chueco (A Coruña), La Aguada Artesanías (Ribadavia), Mario López (Vigo), Silvereira (Ames), Zimzelatum (Gondomar), Montse Betanzos (O Grove), Paz Navas (A Coruña), A Sariña Maquinando (Ourense), Suso Calo – Lobo Tolo (Moaña), Geli Fraga (Cambre), Noga Arts Joyería (Santiago de Compostela), Mestura de Kores (Vigo), Taller Viola (Oza-Cesuras), Cerámica Ferreira (Vigo), Las Flores de Greta (Gondomar), Rosa Fraíz (Vilagarcía de Arousa) e María Aba (Ourense).
-
A carteleira de maio da Filmoteca de Galicia arranca hoxe mesmo con dúas das últimas sesións das retrospectivas que a cinemateca da Xunta lles está a dedicar á directora xaponesa Kinuyo Tanaka e ao documentalista alemán Peter Nestler. Esta semana dá comezo, ademais, o especial sobre a realizadora belga Chantal Akerman, que poderá verse na sala José Sellier da Coruña en colaboración co Play-Doc International Film Festival de Tui. Ademais de acoller a extensión do certame tudense, que inclúe a proxección de dúas fitas restauradas do cineasta indio Aravindan Govindan, a filmoteca volverá ser unha das sedes da Mostra (S8) de Cinema Periférico da Coruña para ofrecer a finais de mes un programa sobre o creador vasco Iván Zulueta, entre outras citas.
-
A quinta edición do Verbena Fest celebrarase os días 4 e 5 de agosto e terá de novo como escenario o local Meigallo, cunha terraza ao aire libre con capacidade para 1000 persoas. O sábado celebrarase a xornada principal, con música desde as 13.00 horas; os concertos serán de balde ata as 20.00 horas e a continuación de pago ata as 2.00 horas da madrugada do domingo. As entradas darán acceso aos concertos de Second, Sexy Zebras, Kamikaze Helmets e El Chico López. O cartel do sábado completarase coa actuación previa, pola tarde, de Malenne, Louband e Los Naipes.
-
Os proxectos abranguen accións de exhibición, divulgación, formación ou concienciación social e medioambiental, dirixidas a públicos moi diversos en ámbitos como a danza, o teatro, a música, o audiovisual, a literatura, as artes plásticas, o patrimonio inmaterial ou a innovación cultural. Todas elas responden á finalidade de reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis alá dos grandes núcleos urbanos e contribuír a incrementar a actividade cultural nas contornas rurais. Búscase activar procesos culturais nestas zonas que afonden nos vínculos individuais e sociais co territorio, ofrecendo novas oportunidades laborais, estables e de calidade.
-
A Xunta insta ao Goberno a habilitar os trens AVRIL para que a alta velocidade chegue ás principais cidades galegas e a modernizar a rede ferroviaria que une A Coruña con Lugo e Ferrol. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez subliñou as actuacións recoñecidas hoxe, o AVE galego e a obra civil e mariña para a descarga de cru en Langosteira, grazas ao esforzo titánico de enxeñeiros, técnicos, directores de obra ou operarios implicados en converter en realidade estas infraestruturas.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o proxecto de Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, unha norma impulsada en setembro do ano 2022 co fin de que a comunidade acade o autogoberno pleno sobre a franxa costeira e garantir o equilibro entre a preservación dos valores, paisaxes e ecosistemas desta zona e a realidade socioeconómica que caracteriza a esta parte do territorio. Rueda lembrou que Galicia 'é a comunidade con máis quilómetros de costa', o que fai que teña un 'modelo produtivo moi ligado ao mar'. Por iso, subliñou que a Xunta aposta por unha regulación de costas 'adaptada á realidade galega' e unha ordenación do litoral 'realista, razoable e eficaz'.
-
A Estrada acolle por terceiro ano consecutivo o festival 6coreógrafas, que volve contar coa colaboración da Xunta de Galicia para o seu desenvolvemento hoxe e o vindeiro sábado 29, Día Internacional da Danza, cun cartel que inclúe catro espectáculos galegos e dous obradoiros. A mostra arrancou este mesmo mediodía no Teatro Principal estradense coa estrea O salón dos pasos perdidos, de Paula Quintas Cía, un dos tres espectáculos apoiados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través da convocatoria de coproducións do Centro Coreográfico Galego 2022.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou o inicio da tramitación do anteproxecto de Lei de loita integral contra os incendios forestais, que virá substituír a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de 2007. 'Vai actualizar unha normativa que ten xa 16 anos', indicou. 'O obxectivo é aportar unha nova visión global, froito da experiencia acumulada ata agora e incluíndo tamén as recomendacións da comisión de estudo que se creou tras os lumes de 2017', indicou Rueda. Ademais a normativa elaborouse mediante a pertinente consulta pública previa e o proceso participativo levado a cabo coas universidades galegas e co Servizo de Prevención e Extinción.
-
Os galegos e galegas xa poden pagar os seus impostos, taxas ou ingresos xestionados pola Axencia Tributaria de Galicia, a través da plataforma Bizum. Con esta forma de pago, aberta tanto a particulares como a empresas, amplíanse as canles xa dispoñibles para facilitar o cumprimento das obrigas tributarias á cidadanía, evitar desprazamentos e permitir aforro de tempo nos trámites. O pago con Bizum pódese levar a cabo a través da pasarela de pago da Oficina Virtual Tributaria da Atriga, con todas as entidades bancarias que dispoñen de Bizum para comercios e sen comisión para o cliente.