Noticias
-
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos xestionado pola Xunta e as administracións locais adheridas, renova a súa programación semestral con 176 funcións escénicas e musicais en 36 concellos ata final de ano. Esta carteleira, de ámbito profesional e maioritariamente de produción galega, está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades con 278.000 euros.O novo período de actividade está conformado por 160 representacións escénicas de 93 espectáculos (deles, 70 están dirixidos a público familiar, haberá 13 funcións de danza, nove de circo e 14 de maxia) a cargo de 76 compañías, e polos concertos de 14 formacións musicais.
-
A décima edición do Corazón da Artesanía, Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, pechou as súas portas despois dunha fin de semana marcada pola afluencia de público no recinto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada. Máis de 8.000 visitantes achegáronse entre o venres e o domingo ata o municipio pontevedrés, o que sitúa en 70.000 os asistentes das dez edicións celebradas ata a data ao evento de referencia do sector da artesanía en Galicia. Corazón da Artesanía constitúe un evento integral destinado a divulgar os oficios artesanais, a impulsar a comercialización da marca Artesanía de Galicia e doutros produtos gourmet de calidade, así como a buscar sinerxías entre artesanía e outros sectores como a arquitectura, o deseño ou a gastronomía.
-
Un total de dez autores emerxentes galegos están a participar estes días na Residencia Literaria da Cidade da Cultura para perfeccionar os seus proxectos de narrativa. A actividade, que forma parte do programa de Residencias Artísticas do Gaiás, conxuga o traballo individual coa posta en común e o intercambio de impresións sobre as propostas do resto de participantes. Ao longo de 12 días de convivencia, os escritores novos comparten inquedanzas e consellos, críticas e eloxios nun ambiente de confianza e apoio mutuo. Ademais, contarán coa guía de dúas escritoras destacadas das letras galegas e españolas, Marilar Aleixandre —Premio Nacional de Narrativa 2022— e a mexicana Brenda Navarro, que con tan só dúas novelas publicadas —unha delas traducida xa a oito idiomas— confírmase como unha das voces máis prometedoras das letras hispanas.
-
O festival desenvolverase ata o 15 de xullo en Vilanova de Arousa e incluirá seis producións teatrais. Así, o luns 10 representarase Don Ramón del Valle-Inclán, un monólogo de Pedro Casablanc, acompañado do pianista, baseado no texto de Gómez de la Serna, espectáculo estreado no Teatro Español de Madrid. O martes 11 será a quenda de Morfeo Teatro conLos cuernos de Don Friolera; o mércores 12 de El alma de Valle-Inclán, a cargo de Rafael Álvarez El Brujo quen, o xoves 13, presentará no festival La lámpara maravillosa, a estrea absoluta desta edición. O venres 14, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia ofrecerá a súa representación de A cabeza do Bautista, e o sábado, como remate da programación, a compañía El callejón del Gato deleitará ao público infantil con La cabeza del dragón.
-
Os gastos derivados da aplicación e posta e marcha de medidas de prevención e control para frear os efectos provoados pola avespa velutina reducen un 20% os beneficios que xera a apicultura en Galicia pola venda de mel, segundo se desprende das conclusións do estudo do impacto económico e ecosistémico desta especie invasora orixinaria de Asia desenvolvido por persoal investigador do grupo Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC.
-
Este xoves e venres arrinca o ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, con dous concertos de balde que traen a dúas figuras destacadas no panorama musical español. Juancho Marqués, un dos referentes do hip hop estatal, será o encargado de estrear o escenario na Praza central do Gaiás o xoves 6 de xullo a partir das 21,00 horas. Na tardiña do venres, tómalle o relevo a proposta de pop electrónico de Rocío Saiz.
-
O furancho é unha comedia que ten como protagonistas a Isabel Risco e Marián Bañobre, na que a través da metáfora gastronómica se presentan cuestións que afectan á sociedade contemporánea tales como a pobreza cultural ou como nos definen as escollas que facemos. A peza, dirixida a un público adolescente e adulto, está escrita e dirixida polo propio Santiago Cortegoso. O espectáculo, que se estreou o 27 de febreiro de 2015 no Auditorio Municipal de Cangas, recibiu o Premio María Casares ao Mellor Vestiario e o Premio FETEGA (Festival do Carballiño) ao Mellor Espectáculo e Mellor Actriz (Isabel Risco).
-
A programación cultural impulsada pola Xunta en colaboración con distintas empresas e administracións locais baixo o lema A cultura de Galicia é un CulturON porá o foco este verán no 'talento, profesionalidade e excelencia do sector' con máis de 2.500 propostas 'diversificadas e repartidas por todo territorio para ampliar públicos e garantir o acceso a todas as persoas'. Así o manifestou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nun acto acompañado polo seu equipo no que se presentou a oferta cultural para os vindeiros meses que, como indicou, 'reflicte o gran momento de crecemento e de pluralidade creativa que vive a cultura galega' e que deixará pegada nos territorios nos que se ofrecerá xa que se prevé que mobilice 4M€.
-
Como todos os anos, coa chegada do verán, a Xunta, a través de Augas de Galicia, pon en marcha unha campaña destinada a lembrarlle a todos os galegos e galegas a importancia de minimizar o consumo de auga, para conseguir así ademais un aforro económico para as familias, mentres evitamos o desperdicio dun ben tan prezado. O proxecto ‘Cada litro conta’ chama a toda a poboación a facer pequenos cambios nos sus hábitos, encamiñados a conseguir un consumo máis responsable deste recurso. Deste xeito, loitaremos tamén por asegurar a dispoñibilidade de auga no futuro, e con iso preservar hábitats e ecosistemas fluviais.
-
O Consello da Xunta acordou manter a bonificación adicional do 50 % no transporte público autonómico ata xaneiro de 2024, `prorrogando durante seis meses máis, os descontos que vén aplicando desde setembro de 2022. Seguirá, xa que logo, achegando o 20 % da bonificación total. Esta bonificación do 50 % continuará a aplicarse no transporte interurbano de competencia autonómica, no autobús urbano de Pontevedra e de Ferrol –xa que os servizos se prestan con concesións da Xunta– e no transporte de ría entre Vigo e Cangas e Moaña.